A Consellaría de Educación propón un calendario escolar semellante ao de cursos anteriores sen contemplar as posíbeis incidencias

CIG-Ensino demanda que se teña en conta a situación extraordinaria e máis autonomía para as direccións

Nacional -

A Consellaría de Educación presentou unha proposta de calendario escolar para o vindeiro curso que a CIG-Ensino cualifica de "corta pega" de calendario anteriores e na que non se fai ningún tipo de consideración ao respecto da posíbeis incidencias que poidan existir ao principio do curso. Sinalan que todas as probas das Escolas Oficiais de Idiomas van ser en setembro, o que imposibilita comezar o curso con normalidade o 16 dese mes ou que poden rexistrarse incidencias nas probas de acceso das ensinanzas de réxime especial.

A CIG-Ensino entende que a orde debe recoller estas realidade e modificar a data de inicio ou, cando menos, recoller que o comezo das actividades lectivas, caso de non se poder producir nas datas previstas pola realización de probas ou outras incidencias, comezarán a continuación segundo a dispoñibilidade de cada centro.

» Descarga aquí o calendario en pdf

Na Mesa Sectorial celebrada este martes, a CIG-Ensino propuxo que se faga referencia a estes posíbeis cambios. Tamén solicitou que, tendo en conta a situación extraordinaria deste final de curso e ante a incerteza do comezo do seguinte, as direccións dos centros teñan máis autonomía á hora de modificar, por razóns xustificadas, o calendario escolar, reducindo os 15 días de antelación ao mínimo imprescindíbel.

Por outro lado a Consellaría non aclarou se ten deseñado un estudo da posíbel afectación nos horarios dos centros se hai que alterar rutas e horarios do transporte escolar, etc.

Unha proposta con máis días lectivos.

Sobre os días lectivos, a Consellaría presentou unha proposta de 176 días (un por enriba do mínimo fixado pola normativa estatal), cifra que unida á carga lectiva diaria "sitúa o noso alumnado por riba da media europea de horario lectivo anual". A CIG-Ensino demandou que se reduza ese día lectivo para os centros de infantil e primaria, a quen afecta ese incremento, e que ese día a reducir sexa o 10 de setembro, levando o inicio do curso escolar ao 11.

Doutra banda, a CIG-Ensino reiterou novamente a proposta de recuperar o horario reducido de 4 horas nos meses de xuño e setembro que un acordo dos demais sindicatos e a Consellaría eliminou no curso 2008/09 "malia a posición contraria masiva do profesorado. A Xunta, como vén sendo habitual, non tivo en conta a nosa proposta". 

Uns trimestres descompensados

Sen descontar os feriados locais, o reparto trimestral amosa de novo unha clara descompensación: 71 días no 1º trimestre, 52 no 2º e 55 días no 3º. "En todos estes anos nunca se abriu un debate sobre se existen mellores opcións ao reparto actual e buscando unha distribución máis lóxica tanto para o profesorado como para o alumnado e evitando a descompensación que se produce sempre pola adaptación do curso escolar ás tradicionais festas de orixe relixiosa". 

Rosalía, persoa non grata para a Consellaría de Educación

"Enfermidade patolóxica, paradigma do autoodio, complexo cultural, illamento social… Xa non se sabe moi ben como cualificar a actuación da Consellaría á hora de se negar, ano tras ano, a asumir que o 24 de febreiro, Día de Rosalía, está xa instalado en multitude de centros educativos como unha data sinalada no noso calendario de conmemoracións", asevera a CIG-Ensino ante a nova negativa da Administración galega. Un rexeitamento que levará, un ano máis, a que sexa o activismo social e cultural e non o Goberno do país quen promova a celebración da nosa poeta nacional.

A alerxia da Consellaría non se limita a Rosalía, tamén se estende ao 10 de marzo como Día da Clase Obreira Galega, unha data que debe formar parte non só do currículo escolar senón tamén das datas a salientar ao longo do curso.

"A Consellaría mantense no inmobilismo e pretende defender o indefendíbel no tema do día de Rosalía, o que nos leva a lembrarlle o cinismo do anterior conselleiro que no mesmo 24F que se negaba a incorporar como conmemoración no calendario se amosaba fachendoso do traballo feito nos centros educativos", subliña a CIG-Ensino.

Volver