Educación publica a Orde de avaliación de primaria a doce días de finalizar o curso obrigando os centros a refacer o traballo

A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría “bota ao lixo” e "despreza" o traballo do profesorado
Compostela - 16 Xun 2016
A CIG-Ensino denuncia que a Consellaría de Educación, o 10 de xuño, tan só a doce días de que remate o curso escolar, tivo o atrevemento de publicar a Orde que regula a avaliación e a promoción do alumnado que cursa Educación Primaria, cando moitos centros e profesorado xa tiñan iniciado e cumprimentado todo o procedemento burocrático que supón a avaliación.

Para a CIG-Ensino, deste xeito, unha vez máis, a consellaría demostra o seu “desprezo e desconsideración” polo profesorado e o seu traballo, actitude que “vén sendo o modo de actuación do Partido Popular á fronte desta Consellaría”, afirma.

Denuncia ademais que despois de dous cursos de aplicación da LOMCE en primaria, “ten a ousadía”, a só doce días de rematar o curso, de obrigar os centros a revisar e a mudar todo o traballo xa realizado. Ante isto, entende que a Consellaría de Educación trata os seus traballadores e traballadoras “como escravos obedientes, despreza o seu traballo e bótao ao lixo”.

Para a CIG-Ensino todo isto é aínda máis grave ao comprobar que, tanto o profesorado como a CIG-Ensino, “levamos dous anos esixindo unha orde que concretara a avaliación segundo a normativa en vigor”.

Xunto a isto, denuncia tamén que, tendo en conta o contido da orde, a Consellaría de Educación persiste na súa obstinación en impor as reválidas de 3º e 6º de Primaria e “faino mediante subterfuxios como recoller nesta orde explicitamente que a proba xeral de 3º e de 6º forma parte dos documentos da avaliación,  algo que xa viñamos denunciando”.

Ante isto, manifesta que esta orde é unhas mostra máis da “actuación tiránica” da Consellaría de Educación que non ten en conta a grande maioría de familias que rexeitaron as reválidas, que foron ideadas e impostas para pór as maiores trabas posíbeis na continuación dos estudos. “As reválidas responden, exclusivamente, a unha concepción totalmente clasista e elitista da educación e contribúen a excluír o alumnado máis desfavorecido socialmente, cando xa hoxe o ensino público carece de elementos compensatorios para facer efectivo e real o principio de igualdade de oportunidades.

Asegura que son, ademais "unha aberración pedagóxica que somete o alumnado a unha presión innecesaria, menosprezan a adquisición de competencias diferentes das lingüísticas e matemáticas, recentralizan o sistema educativo, desprezan a avaliación continua e a opinión do equipo docente, subestiman e desconfían do traballo do profesorado, responden á pretensión de conformar rankings de centros e pretenden ir afirmando un sistema educativo competitivo, clasista e segregador que excluirá os sectores máis desfavorecidos da educación e asentará unha estrutura curricular ao servizo do neoliberalismo”.

Proba deste carácter competitivo e clasista é, para a CIG-Ensino, que esta mesma orde está destinada tamén a estabelecer todo tipo de diferenzas entre o alumnado. Soamente así se pode entender que se estabeleza xa en primaria o outorgamento de “mencións honoríficas” ao alumnado “excelente”, desprezando o feito de que o ensino ten que ser un dereito de todos e todas e de que a escola ten que procurar que o alumnado desenvolva as súas capacidades e aptitudes e proporcionar unha formación integral. “O ensino non pode incentivar unha carreira competitiva para o alumnado que acabará inculcándolle o individualismo e a insolidariedades desde o primeiro día da escola”.

Por todo isto, a CIG-Ensino “rexeita este goberno en Galiza, un goberno que usa todos os resortes do poder para actuar de maneira propagandística e que non dubidou en amedrentar a comunidade escolar con mentiras e falsidades para evitar que se boicoteasen as reválidas”.

Deste xeito, a CIG-Ensino exixe unha vez máis que a Consellaría de Educación escoite e paralice a aplicación da LOMCE e, ao mesmo tempo, que cese na súa obcecación de continuar coas reválidas.