Educación rectifica: duplícanse as prazas que se ofertarán nos procesos selectivos de 2022

Entrega unha proposta de prazas a concurso que pasa das 500 anunciadas en xaneiro a 1.101
Nacional - 30 Mar 2022

Un total de 1.101 prazas a concurso excepcional e 115 prazas de concurso oposición  que se sumarán coas xubilacións deste ano 2022 para o concurso oposición a celebrar no verán do 2023 (seguramente ao redor dunhas 1.000 prazas). Esta é magnitude da rectificación da Consellaría de Educación: pasou de falar dunhas 500 prazas a concurso e un número moi inferior a concurso oposición a duplicar as prazas a concurso.

Na reunión da Mesa  celebrada este martes, día 29 de marzo, a Consellaría deu resposta ás alegacións da CIG-Ensino. Como xa dixemos, os criterios xerais da Consellaría coinciden en liñas xerais cos propostos pola CIG-Ensino mais existen discrepancias nas que insistiu o sindicato.

  • A Consellaría aceptou parcialmente a nosa solicitude de que non se tivesen en conta as reducións de cargos directivos. Só terán en conta os centros clasificados como tipo A. Afirman que nestes centros os integrantes da dirección teñen redución total ou, cando menos, de 14 horas. A CIG-Ensino considera como positivo o cambio, xa que permite ofertar máis prazas, mais insiste en que esa redución non afecta por igual en todas as especialidades. De aí que o sindicato propuxese que esa posíbel redución se revisase por especialidades, sen aplicar os desconto de prazas xeral. A Consellaría alegou que ten que incorporar unha norma que sexa “coherente e igual” e que se aplique con carácter xeral “por seguridade xurídica”.
  • Transparencia nos datos. A Consellaría vai proporcionar os datos que lle solicitou a CIG-Ensino: se xa no documento entregado na Mesa aparecen diferenciadas as prazas totais por especialidade pola súa procedencia (DA6, DA8 e Artigo 2), tamén se comprometeron a remitirnos mañá, 30 de marzo, a relación completa, praza a praza, centro a centro, para poder revisalas e presentar alegacións se consideramos que hai máis prazas que deben saír. A CIG-Ensino solicitou que, a maiores, na relación de prazas ocupadas por profesorado definitivo con reserva de posto se indique o motivo (permisos sindicais, comisións de servizo etc).
  • O carácter estrutural das prazas e o cálculo das praza temporais. A CIG-Ensino insistiu en que as prazas derivadas da DA6 poderían partir do cómputo de todas as prazas adxudicadas no CADP e non só do persoal interino. De feito, o texto da Lei, como xa lle fixemos ver á Consellaría, non indica na DA6 que o persoal que as ocupe teña que ser “de natureza temporal”. Non podemos garantir que así se obtivesen máis prazas xa que tamén aumentaría moito o número de prazas a descontar polo profesorado con reserva de posto de traballo, mais consideramos que é un criterio menos arbitrario. Tamén hai discrepancia na revisión do carácter estrutural curso a curso e a Consellaría mantén este criterio.
  • A data de referencia para o cálculo das prazas. A Consellaría non acepta mudar o reconto de prazas a 30/09/2021. A CIG-Ensino considera que a data debe ser a que se fixa como referencia na lei (decembro de 2020). Que diferenza hai? Na data que nós propoñemos (decembro de 2020) había un maior número de prazas ocupadas por persoal interino, o que elevaría a oferta de prazas para ambas OPE (concurso e oposición). Por que non a acepta a Consellaría? Por dous motivos:
    • O argumento legal está claro e é unha escusa perfecta: o acordo sindical do Goberno estatal con CCOO, UGT e CSIF, que se traspón literalmente na Lei, di expresamente que “da resolución dos procesos de estabilización non poderá derivarse, en ningún caso, incremento de custo nin de efectivos”. De se computar na data proposta pola CIG-Ensino, a Consellaría afirma que se ampliarían os cadros docentes e se ofertarían máis prazas que profesorado interino hai no cómputo global. Isto é o resultado de non eliminar a taxa de reposición e de aceptar o “mantra” (xa por terceiro acordo consecutivo) de que o límite actual de persoal no sector público, tamén do profesorado, non se toca.
    • Con todo, temos claro que a Consellaría non tiña nin a menor intención de incrementar docentes aínda que puidese. Temos hoxe menos profesorado que cando Feijóo chegou ao poder.
  • Situación do profesorado que imparte docencia en especialidades que non poden ser convocadas. A Consellaría afirma que non poden ser ofertadas e que non teñen outra alternativa. As especialidades máis afectadas son Orientación no corpo de mestres e Prácticas e actividades no extinto corpo de PTFP, aínda que tamén hai máis especialidades cunha incidencia reducida.
  • Profesorado especialista. A CIG-Ensino solicitara maior concreción. Na listaxe entregada aparecen en vermello as especialidades ocupadas con profesorado interino con nomeamento como profesorado especialista. Nestas non convocarán oposición nin concurso.

Prazas da quenda de discapacidade no concurso. No caso improbábel de que quedasen libres  pasarían á quenda libre, como no concurso oposición ordinario.