Educación responde á campaña da CIG-Ensino que os informes médicos terán que ser en galego

O sindicato demanda que se lle exixa a CUALTIS emitilos, de oficio, na nosa língua
Nacional - 20 Out 2021

A CIG-Ensino levou á Mesa Sectorial de Educación celebrada este martes en Santiago a violación dos dereitos lingüísticos levados  a cabo pola empresa CUALTIS ao non ofrecer os informes médicos no noso idioma. Unha situación que conta, desde hai anos, coa conivencia da Xunta, que non fixo nada para obrigar á empresa que presta o servizo a que emita os informes na nosa lingua. O sindicato exixe da Consellaría que dea instrucións á empresa para que estes informes estean de oficio en galego e que, como empresa prestataria dun servizo público, cumpra coa lei de normalización lingüística.

A Consellaría deu resposta á demanda da CIG-Ensino indicando que para a campaña en marcha non modificaron o prego porque é unha prórroga do contrato anterior, mais confirman que para a licitación do curso que vén si se incluirá o requisito de que os informes se teñan que facer no noso idioma.

A CIG-Ensino non entende xustificada esta demora que amosa unha desidia da Xunta na protección dos dereitos lingüísticos e denuncia tamén a posición da empresa CUALTIS. Con todo, o sindicato felicítase dos efectos da denuncia e da campaña pública do sindicato desenvolvida neste comezo e curso e agarda que o curso que vén estea solucionado. Unha decisión que chega tarde e arrastro mais agardemos que, cando menos, remate ben.

En todo caso, o sindicato considera oportuno que se sigan a enviar os escritos de queixa, neste caso á empresa CUALTIS, actual prestataria, para que tomen nota do malestar pola desconsideración cara o noso idioma.