Educación só ofrece para a suposta "homologación" do profesorado unha media de 8,23€/mes até 2020

CIG-Ensino convoca concentracións -este xoves, día 14 de xuño, ás 20:00 horas- nas sete cidades
Nacional - 13 Xun 2018

No acordo asinado polo goberno do PP e os sindicatos estatais establecíase que as diferentes administracións poderían aprobar subas salariais para o seu persoal dun 0,3% da masa salarial total nos anos 2018, 2019 e 2020. A CIG-Ensino xa rexeitou rotundamente esta imposición centralista e agora critica a Consellaría por converter nunha fraude a negociación das retribucións docentes. De feito, coa suba de 10 euros de outubro a decembro deste ano, a Xunta aforraríase case 80 euros por docente só no ano 2018.

Concentracións

Por iso convoca concentracións de profesorado nas sete cidades ás 20:00 horas, en demanda da mellora das retribucións e das condicións laborais en:

A Coruña: Praza de Pontevedra (diante do IESEusebio da Guarda)

Compostela: Praza do Toural

Ferrol: Praza Amada García (diante da Xunta)

Lugo: Ronda da Muralla (diante da Xunta)

Ourense: Rúa Concello (Xefatura Territorial Educación)

Pontevedra: Praza da Peregrina

Vigo: Praza América (diante do IES Santa Irene).

A Consellaría de Educación e a Xunta de Galiza confírmanse como auténticas sucursais de Madrid e demostran unha actitude mesquiña co seu profesorado. Tal e como se coñeceu na Mesa Sectorial e xa denunciou a CIG-Ensino, ademais do veto a abrir a negociación a calquera cuestión que non fora a situación salarial do profesorado galego no ranking dos territorios do Estado, as contías da proposta económica da Consellaría estaban marcadas de antemán, polo que tampouco neste aspecto existiu unha negociación real, senón unha escenificación de cara á galería.

Confírmase así que a decisión da Xunta foi sempre utilizar a suba salarial do 0,3% da masa salarial para cubrir o incremento retributivo do colectivo docente, impedindo, deste xeito, que o diñeiro vinculado ao 0,3% poda acumularse ao incremento que se negocia en concepto de homologación do resto do profesorado do Estado.

Así pois, a Consellaría durante todo este tempo estivo “negociando” cunha partida que xa formara parte doutra negociación previa, no marco da Mesa estatal, e que xa estaba pechada. Este sometemento ao que determina o Ministerio de Facenda contraponse con outros acordos salariais asinados recentemente por outros colectivos de funcionariado público que en ningún caso se cinguiron a este tope do 0,3%, tanto en Galiza como noutras administracións do Estado.

A Xunta negocia dúas veces cos mesmos cartos e dálle a gañar

Sen embargo, a actitude da Consellaría aínda vai máis aló do sucursalismo, xa que a súa proposta de suba salarial (80 euros distribuídos en catro prazos: 10 euros de outubro a decembro deste ano, 15 en 2019, 25 en 2020 e 30 en 2021) non chega sequera en 2018 a esa limitación do 0,3% da masa salarial total anual. Segundo datos oficiais dos Orzamentos Xerais da Xunta de Galiza, para este ano a suba de 40 euros en total (se temos en conta que os 10 euros na paga extra de Nadal se cobren íntegros) quedaríase case 80 euros por debaixo dos 119,54 euros que supón o 0,3% da masa salarial total anual que se lle podería subir a cada docente galego este ano de acordo co acordo asinado en Madrid. No 2018 a Xunta aforra cartos coa proposta.

Os datos para os vindeiros dous anos tampouco son moi diferentes. A contía vinculada ao 0,3% en 2019 sería de 122,23 euros anuais de suba para cada docente. Se lle engadimos os preto de 80 que non vai gastar este ano suman 201,77 euros. A proposta da Xunta de 15 euros no 2019 implica que tan só pon a maiores 8,23 euros anuais máis para cada docente da cantidade que establecía o acordo de Madrid.

Se estendemos o cálculo até o ano 2020, e partindo que neste período de tempo os fondos adicionais son comúns a todo o persoal público do Estado, o montante total que se pode considerar propio dunha proposta de homologación é de 233,23 euros desde outubro de 2018 a decembro de 2020, o que supón unha media de de 8,23 euros mensuais. Iso é que destina a Consellaría á  hipotética homologación.

As contas non poden ser máis claras. É unha estafa

Non só estamos diante de cantidades totalmente insuficientes. Tamén falamos de negociar dúas veces cos mesmos fondos e de impedir que varios acordos salariais podan acumularse. O feito de que o uso deses fondos adicionais só aparecese no último documento é boa mostra da fraude na negociación e, como mantivo a CIG-Ensino desde o comezo das reunións, é imposíbel que contribúan non xa a recuperar o poder adquisitivo perdido nestes anos de recortes nin todo o que nos foi roubado senón sequera a acadar unha equiparación co resto do profesorado do Estado.

Anos

Proposta da CONSELLARÍA para o persoal docente.

Incremento ANUAL

Contía ANUAL equivalente ao 0,3% de fondos adicionais do acordo de Madrid incluída na proposta e que se impide que poda aplicarse a maiores do acordo docente

Diferenza anual

2018

€40

€119,54

-€79,54

2019

€210

€122,23

€87,77

2020

€350

€124,67

€225

2021*

€420

 

 

* O acordo de Madrid remata no 2020 polo que non se fai ningún cálculo do 2021

As contías referidas ao 0,3% da masa salarial** forman parte dos fondos adicionais vinculados ao acordo retributivo estatal. Estas contías non están relacionadas coa “homologación” co resto do profesorado do Estado e a CIG-Ensino defende que non sexan absorbidas polo acordo docente, ao igual que aconteceu en acordos anteriores, como o do ano 2006, e que contou coa sinatura da CIG-Ensino, así como acordos recentes noutros corpos do funcionariado.

 

** A masa salarial é o total de retribucións brutas que figuran nos orzamentos da Xunta para o persoal docente. No ano 2018 son €1.178.667.107 para un total de 30.098 docentes. A esta cifra hai que engadirlle a suba prevista para cada un dos anos afectados polo acordo de Madrid (2018 a 2020) así como o índice de variación anual.

 

Conclusións.

1. No ano 2018 a proposta de acordo retributivo docente non só non implica ningunha achega específica da Consellaría senón que “aforra” case 80€.

2. No ano 2109 (contando co aforro dos 80€ do ano 2018) a contía relacionada co persoal docente é de 8,23 ANUAIS.

3. Por tanto, o acordo non garda ningunha relación coa suposta “homologación” docente durante todo o 2018 e 2019, xa que as contías do 0,3% xa figuraban no acordo de Madrid.

4.Tendo en conta que os fondos adicionais do 0,3% son comúns a todo o Estado os únicos cartos que poden considerarse como propios dunha equiparación co resto do profesorado do Estado son (desde outubro de 2018 a decembro de 2020) 233,23€ en total, o que supón unha media de 8,32€ mensuais nesas mensualidades.