EE UU: o retorno do sindicalismo

Phillipe Fournier -

Sen que se poida falar dun forte regreso do sindicalismo en Estados Unidos, durante algún tempo houbo unha crecente mobilización por parte dos traballadores de diferentes sectores (mestres, restaurantes, hoteis) fronte ás crecentes desigualdades, estancamento ou caída de salarios, a deterioración das condicións de traballo e o traballo a tempo parcial

 Durante máis de dúas semanas, case 50.000 traballadores da General Motors, afiliados a United Auto Workers (UAW), levaron a cabo folgas nunhas 50 fábricas. Coa enxurrada de escándalos que caen sobre a Casa Branca, a noticia pasa en silencio. Mais é un síntoma do regreso do sindicalismo á escena política e económica estadounidense.

 Na historia estadounidense, as mobilizacións na GM a miúdo tivoeron un gran impacto a nivel nacional, como foi o caso da folga de Flint en 1936, o movemento de Detroit de 1945-1946 e a folga de 1970. Os acordos de GM serviron como marco para as negociacións con outros fabricantes de automóbiles, como Ford e Fiat Chrysler, e os seus múltiples provedores.

 Esta folga sitúase no contexto do devalar do sindicalismo nos Estados Unidos nas últimas décadas. Hoxe, só o 10.5% dos traballadores estadounidenses están sindicados, en comparanza co máis do 30% a principios da década de 1960. Alentadas pola desregulación financeira e económica, as compañías trasladaron as súas actividades de fabricación ao sur dos Estados Unidos e a países onde os custos de produción son máis baixos.

 A relación de forzas entre as grandes corporacións estadounidenses e os traballadores sindicados mudou radicalmente: desde principios da década de 1980, os sindicatos estiveron en declive progresivo. A nova dinámica contribuíu significativamente ao estancamento dos ingresos da clase media e á exacerbación da desigualdade, e a crise económica de 2008 só os amplificou.

(Estimación das perdas diarias por folgas en 2019 de GM)

 En 2007, a GM estivo moi preto da bancarrota, o que levou ao goberno dos Estados Unidos a adoptar un rescate de 51.000  millóns de dólares. Os traballadores víronse obrigados a aceptar grandes concesións para manteren os seus traballos. Os empregados contratados despois de 2007 (aproximadamente un terzo da forza laboral actual) reciben un salario por hora de 17 dólares con pensións e beneficios moi reducidos, mentres que aqueles contratados antes de 2007 gañaban 31 dólares e tiñan pensión completa. A UAW tamén aceptou que a compañía contratase traballadores a tempo parcial (un 7% da forza laboral actual), a 15 dólares a hora, con poucos ou ningún beneficio e practicamente sen seguridade laboral.

 Entrementres, a GM remontou a súa situación financeira e obtivo ganancias de máis de 35.000 millóns de dólares nos últimos tres anos. O seu CEO en xefe, Mary Barra, embolsou 22 millóns de dólares en 2018. Porén, o recente plan de reestruturación da compañía, que busca aforrar 1.100 millóns de dólares, inclúe o peche de tres plantas, con despedimentos que poderían afectar a miles de traballadores. Barra deixou claro que o "status final" destas fábricas dependería das negociacións en curso coa UAW.

 Nesta primeira folga desde 2007, os traballadores de GM din que queren recuperar o que perderon. Esixen unha paga axustada á inflación (para volver ao nivel de vida de antes de 2008), regularización dos empregados a tempo parcial, seguro de saúde para todos, mellores beneficios e un compromiso da compañía de aumentar a proporción da produción en Estados Unidos (incluída a reapertura de fábricas pechadas).

Contexto favórabel

 Sen que se poida falar dun forte regreso do sindicalismo en Estados Unidos, durante algún tempo houbo unha crecente mobilización por parte dos traballadores de diferentes sectores (mestres, restaurantes, hoteis) fronte ás crecentes desigualdades, estancamento ou caída de salarios, a deterioración das condicións de traballo e o traballo a tempo parcial.

 Esta mobilización benefíciase dunha situación económica favorábel: a taxa de desemprego baixou e o crecemento foi bastante importante.

 Na fronte política, o Partido Demócrata e a maioría dos candidatos á nominación brindaron un apoio incondicional aos traballadores da General Motors (a maioría dos cales están nas fábricas do Medio Oeste, unha rexión chave para as eleccións de 2020), e fixo da redución das desigualdades e a mellora das condicións de traballo elementos centrais das súas plataformas. Estas posicións son apoiadas por unha gran parte do electorado estadounidense.

 Atrapado, o presidente Trump dixo pouco desde o comezo da folga. En 2016 dicía ser un defensor dos traballadores, prometeu manter empregos nos Estados Unidos e repatriar as compañías estadounidenses. Malia as exenciónss fiscais e a desregulación, os investimentos e as recolocacións de plantas prometidas non aumentaron significativamente. O sector manufactureiro ten 1,4 millóns de empregos menos que en decembro de 2007 e, aínda que o presidente favorece o nacionalismo económico, certamente non está a favor da redistribución da riqueza ou o rexurdimento dos sindicatos. Todo iso podería proporcionar armas aos demócratas.

 O desenvolvemento da folga na GM é impredicíbel, pero vai na liña dun rexurdimento do sindicalismo e a esquerda política que podería redefinir o panorama político.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 12 d outubro de 2019]

Volver