Eleccións debuxan un Brasil pos-Bolsonaro

Emir Sader -

A esquerda tivo un resultado bastante mellor que hai catro anos, cando, no auxe das ofensiva da dereita, que levou ao golpe en contra de Dilma Rousseff, en particular o PT sufriu as máis grandes perdas da súa historia. Desde esta perspectiva, a esquerda recuperouse moito daquelas perdas

 As eleccións municipais en Brasil sinalan cara ao que pode ser o país pos-Bolsonaro. En condicións de pandemia, con corentena, sen mitins e grandes mobilizacións, cunha campaña máis curta, o gran derrotado foi Bolsonaro.

 Ao comezo Bolsonaro dixo que non participaría da campaña, mais finalmente fixo campaña para 9 candidatos a alcalde e a moitos máis a concelleiros, nomeadamente para o seu fillo. Este foi reelixido, mais ningún dos outros, alén de que, cando Bolsonaro manifestou o apoio a un candidato, este perdeu gran cantidade de votos.

 Bolsonaro tentaba entrar en São Paulo, pola importancia que ten no país. Apoiou a un xornalista de TV moi coñecido, favorito para gañar, pero que caeu ao cuarto posto. Rio de Janeiro era a única cidade cun alcalde evanxélico, que concorreu á reelección co apoio de Bolsonaro, e aínda que conseguiu chegar á segunda volta, parecen ínfimas as súas posibilidades de vitoria. Nas dúas cidades máis importantes, Bolsonaro sufriu as súas máis duras derrotas, pero o panorama xeral foi moi negativo para el.

 Analistas din que o discurso de Bolsonaro se esgotou, que despois destas eleccións, sumado isto á derrota de Trump, o presidente de Brasil pasa a estar moi illado politicamente. Hai que lembrar que el saíu do partido que o elixiu, os candidatos vinculados a el divídense entre dous partidos, o que diminúe aínda máis a súa forza. A súa incapacidade de sumar, presente no seu goberno, está presente aínda máis na política, o cal prexudica moito o seu maior obxectivo, a reelección.

 Se Bolsonaro perde, quen gaña? Todos os que se opoñen a el. Pero, nese gran abano están as forzas da dereita tradicional, como o MDB, o PSDB e o DEM, que mantiveron a súa forza, moito máis nas cidades medianas e pequenas que nas máis grandes. Pero a análise sobre partidos non dá moita conta de que, na gran maioría dos casos, o voto nas cidades ten que ver coa xestión dos alcaldes que buscan a reelección.

 A esquerda tivo un resultado bastante mellor que hai catro anos, cando, no auxe das ofensiva da dereita, que levou ao golpe en contra de Dilma Rousseff, en particular o PT sufriu as máis grandes perdas da súa historia. Desde esta perspectiva, a esquerda recuperouse moito daquelas perdas.

 A esquerda chega á segunda volta en cidades importantes, como Porto Alegre, Recife, Belem, pero o seu mellor resultado foi en São Paulo, onde o candidato do PSOL, Guilherme Boulos, chega á segunda volta, aínda que nunha disputa moi difícil. En Porto Alegre Manuela D'Ávila, do PCdoB, disputa unha segunda volta difícil. Os que teñen máis posibilidades de saíren vitoriosos son Edmilson Rodrigues, do PSOL, en Belem, e Marilia Arraes, do PT, en Recife.

 O PT recuperou gran parte do que perdera en 2016, demostra o seu vigor, sobre todo por ser o único partido de esquerda realmente nacional, con gran capilaridade por todo o territorio. Pero aínda non chega a recuperarse nas grandes cidades, agás o caso de Recife, a gran cidade nordestina. A ausencia da presenza física de Lula -pola corentena- nas campañas electorais do PT, foi un factor que prexudicou o partido.

 En que medida o escenario electoral para as eleccións presidenciais sufriu cambios a partir das eleccións municipais en Brasil? O que máis perde é Bolsonaro, que revela moita debilidade en todo o país, así como polo fortalecemento de partidos da dereita tradicional, que retomarán con máis forza a procura dunha alternativa de centrodereita a Bolsonaro.

 O PT mostra a súa capacidade de recuperación e a presenza nacional do partido, aínda que con resultados malos en cidades importantes, como São Paulo e Belo Horizonte. Pero nada afecta á forza do partido, coa máis grande bancada no Congreso Nacional, con varios gobernadores moi importantes, en provincias do nordeste, como Bahia e Ceará, entre outras. Pero, sobre todo, polo seu máis grande diferencial: a presenza moi activa de Lula, o único gran líder político nacional. Mantense a presenza hxgemónica nacional do PT na esquerda, coa mesma perspectiva de antes das eleccións, con Lula candidato a presidente de Brasil en 2022 ou con Fernando Haddad, se Lula non decide non se presentar.

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 16 de novembro de 2020]

Volver