Eleccións en EEUU: A elección dunha minoría privilexiada no país da “democracia”

Silvina M. Romano -

Non é que a democracia de Estados Unidos non sexa representativa. En efecto, representa as minorías privilexiadas, que se ocupan de crear día a día a fachada que fai pasar os seus intereses polos do conxunto da poboación estadounidense

 A semana pasada foi de suma importancia para as eleccións en EEUU; leváronse a cabo as votacións primarias e caucus en varios Estados, incluído Texas (que é un dos que maior cantidade de delegados alberga), realizáronse “O Super-martes” e “O Super-sábado”. Até o de agora, Donald Trump é o candidato preferido polos Republicanos e Hillary Clinton a candidata polos Demócratas.

 Moito podemos dicir sobre este proceso que comezou en febreiro e terminará a fin de ano: sobre o discurso conservador (próximo ao fascismo) de Trump[1], a posíbel escisión do partido Republicano ou a sorpresa de até onde chegou Sanders dando algunhas dores de cabeza aos asesores de Clinton (gañou en dous de tres Estados no denominado Super-sábado e parece que aínda pode seguir dando algo de guerra). Con todo, hai algunhas cuestións estruturais sobre o sistema electoral estadounidense que deberían ser o punto de partida de calquera análise.

 A democracia estadounidense marcou o rumbo de moitas democracias occidentais pero, malia iso, sábese moi pouco da súa orixe e funcionamento. Nesta ocasión abonda con facer referencia a que se trata dun sistema sumamente indirecto, que tende a ir en detrimento da representatividade das maiorías e caracterízase por mecanismos bastante complexos[2]. Preguntámonos se o común dos estadounidenses realmente comprende o sistema, ou é que xa se sabe que son “outros” os que deciden (os delegados) e entón confórmanse con seguir as eleccións por televisión ou a través das redes sociais.

 O mesmo Robert Dahl, un dos maiores expoñentes da democracia liberal (na súa versión pluralista), chegou a preguntarse “canto de democrática é a Constitución estadounidense”. Entre as súas reflexións salientaba que o Colexio Electoral é un xeito de evitar que o presidente sexa elixido por unha maioría popular. Por que? No momento de se asinar a Carta Magna (finais do século XVIII), no contexto dunha evidente división entre aqueles que eran propietarios e os que non, temíase estender o sufraxio a todos porque a maioría podía ameazar os dereitos de propiedade[3]. Outra estadounidense, Ellen Meiksins Wood, asegura que para os Federalistas que construíron a democracia estadounidense “a representación non era un modo de establecer, senón de evitar, ou polo menos evitar parcialmente, a democracia”[4]. Os que deciden son os propietarios, e os propietarios máis ricos.

 Isto non é un detalle de cara ao negocio das eleccións en EEUU. Entre os 24 candidatos a presidente (que comezaron campaña e logo se foron retirando), as campañas e os grupos aliados arrecadaron polo menos 929 millóns de dólares e gastaron polo menos 172 millóns para apoiar os seus candidatos. Os Demócratas reuniron as seguintes sumas: Hillary 130 millóns de dólares; Bernie Sanders 96.3 millóns de dólares. Os Republicanos: Ted Cruz 102 millóns de dólares; Marco Rubio 86.6 millóns de dólares; Donald Trump 27.3 millóns de dólares.

 Quen foron os doadores? Non é un segredo que a Hillary a apoia boa parte do establishment de Wall Street e os “ricos do Silicon Valley”, como Bill Gates, con quen mantén unha estreita relación a través de proxectos en conxunto entre a Fundación Clinton e a Fundación de Bill & Melinda Gates. Sanders, en troca, recibiu a maior cantidade de apoio de parte de doadores que achegaron 200 dólares ou menos, e a achega media foi de 27 dólares. Con respecto aos Republicanos, ademais de seren financiados polo establishment tradicional, contaron coasa achegas de novos millonarios, tal como dixo hai uns meses o New York Times. Trátase de xente que vive unha realidade moi diferente á do estadounidense medio (abonda con ver as súas propiedades e os lugares onde viven)[5].

 A primeira pregunta: e se ese diñeiro se gastase en beneficio da poboación (acceso universal á saúde, mellor educación, melloras na infraestructura, etc.)? A segunda: aqueles que financian con sumas avultadas a un candidato, seguramente esperarán a “devolución do favor” no caso de que ese candidato chegue ao goberno. Un exemplo son as grandes corporacións. Non se necesita que os CEOs participen na esfera política formal para que incidan na toma de decisión. Se son eles quen financian a campaña, é moi probábel que logren impoñer daquela os seus intereses, máis aló das promesas electorais. Por iso non é un dato menor a fonte de financiamento de Sanders, comparada coa de Clinton, ou a de Trump.

 O anterior lévanos ao último punto. Talvez haxa máis aspectos en común entre Clinton e Trump que entre Clinton e Sanders (ambos demócratas) Por que? Hai décadas que a esquerda ou os grupos radicais non ocupan un espazo contundente no partido demócrata. A isto súmase que, na toma de decisión, os gobernos demócratas se diferenciaron pouco dos Republicanos, sobre todo en aspectos de política exterior. Se George W. Bush lanzou a guerra contra o “terrorismo global” (incluíndo a intervención directa en Iraa e Afganistan, legalización da espionaxe sen límite, a tortura, etc.), Obama proseguiu a intervención en Afganistán, alimentou o conflito en Siria, aprobou as leis de espionaxe e consolidou o Estado de Seguridade Nacional. A isto sumar que declarou por decreto a Venezuela como “Ameaza para a seguridade de EEUU” e a súa xestión da “guerra contra o narcotráfico”, deu escasos resultados en termos de diminución do tráfico -e pola contra implicou a militarización e paramilitarización, contribuíndo á espiral de violencia desde Colombia até México-. Ante estes feitos, é difícil salientar as diferenzas entre Demócratas e Republicanos, polo menos en política exterior, pois o que se pon en evidencia é a persistencia dos intereses do complexo industrial-militar e das corporacións detrás destas decisións.

 Non é que a democracia de EEUU non sexa representativa. En efecto, representa as minorías privilexiadas, que se ocupan de crear día a día a fachada que fai pasar os seus intereses polos do conxunto da poboación estadounidense. Tanto no discurso Demócrata (agás Sanders) como no Republicano, está moi ben implantada a idea de que se eles se enriquecen, o sistema funcionará en beneficio de todos. A realidade mostra que non é así: a mala calidade do emprego e o escaso poder de negociación dos sindicatos, o difícil acceso á saúde e a educación, o crecemento do complexo industrial-carcelario, o aumento da violencia e o racismo son algúns indicios. Pero quen define que é a realidade no país que inventou as campañas presidenciais por TV?

 Desde América Latina debemos polo menos prestar atención a estes procesos, considerando que EEUU sigue sendo o Estado con maior influencia no sistema internacional (desde a OTAN até o FMI), e con capacidade de decidir que é democracia e que non o é.

 

[Artigo publicado no sitio web ‘TeleSur’, do 8 de marzo de 2016]

Volver