Elite de Davos á deriva fronte a "policrise" do capitalismo global

William I. Robinson - 08 Feb 2023

A fin da dominación occidental do capitalismo mundial está sobre nós a medida que o centro de gravidade da economía global se despraza cara a China. Mais esta non se converterá na nova potencia hexemónica; máis ben, o mundo vira cara á multipolaridade política

 A elite política e corporativa transnacional estivo de regreso en Davos do 16 ao 20 de xaneiro para o seu conclave anual no medio da crise máis fonda do capitalismo global desde a fundación do Foro Económico Mundial (FEM) hai medio século. En anos previos os participantes na reunión exclusiva baixaron á estación de esquí nos seus jets privados deitando confianza na hexemonía do capitalismo. Mais esta vez, a incerteza sobre a súa capacidade para xestionar a crise, manter o control, reestabilizar o sistema e reconstruír o consenso fracturado nas súas filas estaba á plena vista.

 O FEM actuou como centro de intercambio e órgano de planificación da clase capitalista transnacional (CCT) e os seus aliados políticos no apoxeo da globalización, pero agora os grupos dominantes parecen estar en permanente xestión de crise. O informe do Foro para 2023, Riscos globais, denominou a crise global como "policrise," con dimensións económicas, políticas, militares e ecolóxicas.

 O FEM reúne o círculo íntimo da CCT e os seus representantes políticos nos Estados e as organizacións internacionais. Cada ano o máis da elite corporativa e política se xunta en Davos para falar do estado do capitalismo global, debater os problemas e desafíos que enfrontan como clase dominante e considerar programas e políticas para abordar estes desafíos á súa dominación de clase. En poucas palabras, Davos é onde os señores do capital elaboran a súa estratexia sobre como gobernarán o mundo.

 O núcleo do FEM constitúeno os directores executivos das mil corporacións transnacionais máis grandes do mundo, xunto con representantes dos grupos mediáticos máis poderosos, os deseñadores de políticas claves dos gobernos ao redor do mundo e dos organismos internacionais, e unha selección de expertos dos eidos científico, social e tecnolóxico. Entre os 2.700 participantes na xunta de 2023, figuraron directores executivos de máis de 600 corporacións, 51 xefes de Estado, 56 ministros de finanzas, 19 gobernadores de bancos centrais, 30 ministros de Comercio, 35 ministros de Exteriores e os directores das principais organizacións internacionais, como o Fondo Monetario Internacional, o Banco Mundial, O Banco Central da Unión Europea, Nacións Unidas e o secretario xeral da OTAN.

 A globalización impulsada polo FEM resultou nunha concentración e centralización sen precedente do capital a escala mundial en mans da CCT. Esta globalización desatou desigualdades inéditas e desencadeou conflitos sociais e políticos en todo o mundo. A Fundación Carnegie para a Paz Internacional informou poucos días antes de arrincar a reunión de Davos que máis de 400 protestas antigobernamentais de grande envergadura se produciron no mundo desde 2017, unha cuarta parte delas sostidas durante tres meses ou máis, moitas involucrando centos de miles e até millóns de manifestantes, e non menos de 32 estaban en curso mentres o conclave se puxo en marcha.

 Ademais da crise estrutural da sobreacumulación, os grupos dominantes enfrontan unha crise política da lexitimidade estatal, hexemonía capitalista e desintegración social xeneralizada; unha crise internacional da confrontación xeopolítica e outra ecolóxica de proporcións históricas. Como contexto de fondo, un informe de intelixencia do goberno estadounidense de 2021 advertiu que o mundo "enfrontará desafíos globais máis intensos" nos próximos anos, que “producirán tensións xeneralizadas nos Estados e as sociedades, así como shocks que podían ser catastróficos”.

 Os asistentes a Davos este ano debateron acerca das diferentes dimensións da "policrise", pero pareceron estar á deriva sobre como reestabilizar o capitalismo global e rexeitar a ameaza da revolta popular desde abaixo, como a da dereita populista, o nacionalismo e o neofascismo á globalización capitalista. A directora xeral do FMI viuse obrigada a admitir que a economía mundial enfronta "quizais a súa maior proba desde a Segunda Guerra Mundial". Mentres, a invasión rusa a Ucraína en 2022 e a resposta política, militar e económica radical de Occidente, xunto coa nova guerra fría entre Washington e Pequín, están a acelerar un violento colapso do sistema internacional posguerra.

 Cada ano, a axencia de desenvolvemento Oxfam programa a publicación do seu informe sobre as desigualdades globais para que coincida con Davos; segundo o informe para este ano Supervivencia dos máis ricos, as fortunas dos multimillonarios están a aumentar en 2.700 millóns de dólares ao día, mesmo cando polo menos 1.700 millóns de traballadores agora viven en países onde a inflación supera os salarios. No medio da crise mundial enerxética e alimentaria, as 95 corporacións alimentarias e enerxéticas principais máis que duplicaron os beneficios en 2022, lograron 306.000 millóns de dólares en ganancias extraordinarias e pagaron 257.000 millóns a accionistas ricos, ao mesmo tempo que case mil millóns de persoas pasaron fame no mundo. O informe advirte que tres cuartas partes dos gobernos do mundo están a proxectar recortes do gasto público durante os próximos cinco anos, incluída a educación e a atención médica, por valor duns de 7.8 billóns de dólares.

 A fragmentación e a confrontación xeopolítica están a chegar a un punto de ruptura. A crise de hexemonía no sistema internacional ten lugar dentro desta economía global única e integrada. A fin da dominación occidental do capitalismo mundial está sobre nós a medida que o centro de gravidade da economía global se despraza cara a China. Mais esta non se converterá na nova potencia hexemónica; máis ben, o mundo vira cara á multipolaridade política nun momento de crise aguda no capitalismo global –turbulencia económica prolongada e a decadencia política.

 Enfrontámonos á descomposición da civilización capitalista. O compromiso do FEM de defender e expandir custar o que custar a acumulación interminábel de capital a escala mundial fai imposíbel que a clase dominante global ofreza solucións viábeis á crise de época. Abordar esta implica unha redistribución de gran alcance da riqueza e o poder cara a baixo, a regulación dos mercados globais, controlar o capital transnacional, a desmilitarización global, e medidas ambientais radicais. Tales solucións só virán da loita popular desde abaixo en contra da clase dominante de Davos.

 

[Artigo tirado do xornal mexicano La Jornada, do 5 de febreiro de 2023]