EMESA presenta un ERE de extinción estando en concurso, intenta retirar maquinaria e agora impídelle ao persoal entrar na fábrica
O persoal de Elaborados Metálicos EMESA continuou este venres co calendario de mobilizacións para reivindicar a viabilidade dos empregos e da actividade produtiva na fábrica de Coirós e para esixir ao Grupo Soil Recovery o pago inmediato dos salarios (xa que o persoal leva sen cobrar dende setembro) e que proceda á retirada do ERE de extinción, tendo en conta que o xulgado do mercantil xa aceptou a entrada en concurso de acredores.
A este respecto, o presidente do comité, Alberte Muíño, explicou que ao longo desta semana se precipitaron os acontecementos na factoría. Así, o martes a empresa puxo enriba da mesa un ERE de extinción para o conxunto dos traballadores/as "que xa lle avisamos que era fraudulento porque tiña solicitado o concurso". Precisamente, o mércores chegaba a comunicación oficial do xulgado do mercantil confirmando a solicitude, polo que a partir de agora será o administrador concursal nomeado quen decida as medidas a adoptar.
Ese mesmo día tamén se producía unha reunión co conselleiro de Industria para demandarlle a intervención da Xunta no conflito, tanto na súa condición de acredora (a Administración galega entregou a EMESA millonarias axudas nos últimos catro anos a través do XES e do IGAPE) como para buscar unha saída que permita manter os postos de traballo e a actividade. EMESA dedícase á fabricación de estruturas metálicas singulares e ten unha dilatada experiencia neste sector, polo que, aseverou o Muíño, "non se pode consentir ao Grupo Soil que peche a fábrica e se perda todo este capital humano e de coñecemento".
Pero ao remate da xuntanza, "a nosa sorpresa foi cando chegamos e a empresa estaba desmontando un guindastre móbil para vendelo", relatou Muíño, indicando que foi o propio persoal quen tivo que paralizar a retirada da maquinaria "porque estando en concurso a dirección non pode vender nada". Un anaco despois, a compañía eléctrica cortaba a luz na planta por impagamento dos recibos.
Xunto a isto, foron os propios traballadores e as traballadoras quen tiveron que facer a vixilancia das instalacións estes días xa que non había seguridade. Para culminar todo este conxunto de despropósitos, esta mesma mañá a empresa impediulle ao persoal o acceso á fábrica, mediante unha compañía de seguridade que acaba de contratar.
Actuación "pirata e fraudulenta"
"A empresa está actuando de forma pirata e fraudulenta, cunha actitude que non axuda para nada a buscar unha solución, senón que intenta enquistar os problemas e empeoralos", resumía o presidente do comité. Muíño recalcou que unha vez en concurso, o Grupo Soil nin pode vender os activos de EMESA nin pode negociar un expediente de regulación, xa que agora a xestión está nas mans da administración concursal.
Por esta razón, aproveitando a concentración diante do edificio da Xunta, a representación social rexistrou un escrito dirixido á secretaria xeral de Emprego para que tome as medidas legais pertinentes e proceda á finalización e arquivo do expediente.
Ademais das mobilizacións que se desenvolvan nas vindeiras semanas e dos contactos institucionais, para evitar que a empresa retire material ou equipamento da fábrica, os traballadores e traballadoras acordaron facer un retén diante das instalacións de Coirós.