Emigrantes retornados/as, mariñeiros Long Hope e pensionistas da CIG exixen solución ás súas problemáticas

Demandan do Goberno que saia das urnas a urxente modificación das leis tributarias
Nacional - 12 Abr 2019

Emigrantes retornados, mariñeiros Long Hope e xubilados e pensionistas da CIG manifestáronse polas rúas de Compostela para reclamar do novo goberno que saia elixido nas vindeiras eleccións xerais a urxente modificación das leis tributarias para dar unha solución definitiva á problemática.

O colectivo de emigrantes retornados/as da Coordinadora Nacional Galega está conformado por máis de 250.000 traballadores e traballadoras galegas en países estranxeiros pensionistas e xubilados/as. Levan seis anos, en concreto desde 2013, mobilizándose para reclamar ao Estado español xustiza e igualdade das pensións e denunciando que “sufrimos o espolio e a discriminación por parte da facenda española” sen conseguir ser escoitados.

Os exmariñeiros da asociación Long Hope veñen tamén de tempo denunciando “o roubo sistemático das nosas pensións, que o goberno de Noruega se nega a recoñecer, co silencio cómplice dos gobernos de España e da Xunta de Galiza”.

Pola súa banda o colectivo de pensionistas e xubilados/as da CIG levan varios anos denunciando a discriminación que sofren as e os pensionistas galegos, coas pensións máis baixas do Estado e a obediencia dos gobernos do PP e de Rajoy aos mandatos dos bancos e do capital financeiro que reduciu a límites de miseria as pensións públicas co obxectivo de favorecer as pensións privadas para alimentar o negocio desas entidades.

Por iso na manifestación, denunciaron que é mentira que as pensións non son viables e lembraron que “foron conquistadas, no noso país e en países estranxeiros con loitas da clase traballadora e será unicamente con loita, que as defendamos no presente e para o futuro, tal e como estamos facendo nós hoxe aquí, diante das portas do Parlamento Galego”.

Rexistro das demandas para os grupos parlamentarios e o Presidente da Xunta

E foi aí, ás portas do Parlamento, onde rematou a manifestación e onde deron lectura aos escritos presentados no rexistro, un dirixido ao Presidente da Xunta de Galiza e outro aos grupos parlamentarios, nos que se recollen as súas demandas e aos que deron lectura antes de concluír a mobilizacións.

Entre outras cuestión solicitaron que se impulse, como primeira medida, a orde de paralizar o proceso establecido na disposición adicional da chamada Lei 26/2014 de Regularización, que “espolia as nosas pensións provocando o grave problema que temos os retornados co fisco”.

Para iso demandaron a modificación dalgunhas leis, advertindo que rexeitan a aplicación da lei con carácter retroactivo e que, polo tanto, a Facenda española ten que lles devolver todos os cartos cobrados indebidamente.

Solicitaron tamén que se modifique a lexislación para que o tratamento fiscal das súas pensións sexa equivalente á de calquera outro pensionista, que hoxe está en: 12mil € anuais -emigrantes retornados- e en 22mil €. anuais -non emigrantes-

Lei de dous pagadores

Xunto a isto exixiron que non se aplique a Lei 35/206 -dous pagadores- ás/aos emigrantes retornados e que “a pensión dun/ha emigrante retornado -cobrada de un ou de varios países- se considere como unha única pensión a todos os efectos fiscais, para acabar así coa discriminación. Tendo en conta co país pagador da xubilación é un país estranxeiro. Coa xubilación estamos aportando millóns de €.en divisas ao Estado”.

Ademais demandaron unha lexislación clara na que, en virtude do establecido nos diferentes tratados bilaterais, se establezan os dereitos e obrigas de cada caso, incluíndo o recoñecemento de oficio do grao de invalidez recoñecido no país de orixe da pensión e tendo en conta que o país pagador da pensión é un país estranxeiro. “Coa pensión estamos aportando millóns de € en divisas ao Estado. Miles de retornados/as vense na obriga de ter que acudir os tribunais de xustiza”.

Sentenzas xudiciais

Tamén reclamaron que se asuma o contido das sentenzas xudiciais, que en virtude do artigo 19 do tratado bilateral hispano/alemán (vixente ate o 31 decembro 2012), que exime de tributación no Estado español as pensións percibidas de Alemaña, en consecuencia se proceda a devolución de oficio, de todos os cartos cobrados en concepto do IRPF. Unha cuestión que tamén obriga a miles de retornadas/os a acudir aos tribunais de xustiza.

Canda isto pediron do Goberno de España o Dereito a Seguridade Social Universal e gratuíta, garantida na Constitución española e que non se cumpre, miles de retornadas/os teñen que pagala dos seus petos.

Tributación das pensións das/os emigrantes

Nos escritos instan ademais a todas as organizacións políticas a que reclamen do novo goberno que aborde unha regularización legal, clara e precisa sobre a tributación das pensións dos emigrantes retornados. Unha regulación que parta do principio de non discriminación respecto da tributación de outras pensións, para dispor dun marco tributario homoxéneo para todas as pensións, incluíndo particularmente as exencións de presentar declaración do IRPF de non superar determinados umbrais de rendas e realizando, para iso, as modificacións oportunas da Lei 35/2006 do IRPF.

Queren que se modifique tamén o marco actual no sentido de evitar a “retroactividade” que establece a disposición adicional primeira da Lei 26/2014, tanto en relación coas persoas que xa tributaron polas rendas percibidas en exercicios anteriores, así como aquelas que están pendentes de tributar.