Empregados/as do polígono industrial de Bamio mobilízanse para reclamar melloras na zona

As demandas están apoiadas por arredor de 300 traballadores/as das principais compañías do parque empresarial

Vilagarcía -

Traballadores/as do polígono industrial de Bamio, en Vilagarcía de Arousa, mobilizáronse este mércores día 4 diante das principais compañías con sede no parque empresarial para reclamar melloras nos accesos, na sinalización ou no saneamento. Coa protesta, que se desenvolveu de 15:00 a 15:30 horas, tamén pretenden poñer enriba da mesa as carencias existentes a respecto das novas tecnoloxías, tanto da comunicación como enerxéticas ou medio ambientais.

Estas demandas contan co apoio mediante sinatura de arredor de 300 empregados/as das principais compañías con sede no parque empresarial (Thune Eureka, Carsa, Bamipal, Maderas J Redondo, Prefabricados Semagar, Disbepo e Mecayce).

Delegados/as sindicais da CIG en Carsa e Thune Eureka e o secretario nacional da federación de Industria, Xoán Xosé Bouzas Aboi, entregaron recentemente no portelo único do Concello de Vilagarcía un escrito coas reivindicacións avaladas polas sinaturas dos traballadores/as dirixido á Consellaría de Infraestruturas e aos Concellos de Vilagarcía e Catoira.

Volver