"En 4 anos, Grupo Soil recibiu 4 millóns de euros públicos e agora quere pechar EMESA e botar a todo o persoal"

Os traballadores/as concentráronse en Betanzos en defensa do emprego e para esixir o cobro dos salarios

Betanzos -

Traballadores e traballadoras de Elaborados Metálicos EMESA iniciaron este venres o calendario de mobilizacións en defensa do emprego e da actividade produtiva e para esixir o cobro dos salarios. Ao berro de "EMESA non se pecha" e botándolle unhas coplas, o persoal realizou unha concentración na Praza Irmáns García de Betanzos para denunciar a situación do Grupo Soil Recovery (propietario das instalacións), que solicitou concurso de acredores despois dunha nefasta xestión, e advertir do impacto económico e laboral que tería sobre a comarca permitir o desmantelamento dunha industria con 62 anos de historia.

A este primeira concentración seguiralle outra o xoves 20 de decembro, ás 12 horas, diante do edificio administrativo da Xunta na Coruña. A decisión de trasladar alí as protestas, explicou o presidente do comité, Alberte Muíño, ten como obxectivo reclamar a intervención da Xunta na súa condición de acredora de EMESA, así como para buscar saídas viábeis que garantan a continuidade dos empregos e da actividade produtiva.

Neste senso, Muíño lembrou que o Grupo Soil recibiu millonarias axudas públicas nos últimos anos: 500.000 euros do IGAPE, 580.000 euros procedentes de XES Galiza e 2.900.000 euros do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). "En catro anos, catro millóns de euros desaparecidos, e agora queren pechar EMESA, botar a todos os traballadores/as e que sexamos todas e todos nós quen paguemos", denunciou.

Engadiu que o comité xa ten solicitado unha reunión co conselleiro de Industria e tamén se presentaron mocións nos concellos de Betanzos e da Coruña pedindo o apoio e a solidariedade destas corporacións locais, para que insten á Consellería a recibir o comité e a que se implique activamente na procura de solucións. Ademais, estanse realizando contactos cos distintos grupos parlamentarios de cara a promover algún tipo de iniciativa na cámara galega.

Pola súa parte, a empresa segue sen abonar os salarios dos traballadores/as, que levan sen cobrar dende o mes de setembro, e convocou á representación social a unha reunión o martes da semana próxima para constituír a mesa de negociación do ERE. Unha regulación que se descoñece que carácter e afectación terá.

Unha fábrica con futuro

A este respecto, Muíño subliñou que EMESA conta cunha longa traxectoria no sector, ten carga de traballo suficiente e un persoal altamente cualificado, mais a nefasta xestión empresarial dos últimos anos provocou que, a día de hoxe, o Grupo Soil estea en concurso de acredores e o futuro das instalacións e dos empregos en perigo. Por iso, insistiu en que "non se lle pode permitir á empresa que faga efectivo o peche de EMESA, despois de ter provocado as condicións idóneas para o que está acontecendo".

"Hai viabilidade e posibilidades de futuro para esta fábrica", recalcou Muíño, quen puxo en valor o bo traballo do persoal, que durante o último ano mantivo en funcionamento a planta "a pesar de que o Grupo Soil nos deixou á deriva, sen dirección, e incluso sen adquirir os materias necesarios para facer o traballo".

Volver