En defensa do emprego, da industria e pola derrogación das reformas

Nacional -

O Consello Confederal da CIG analizou a situación social, política, laboral e sindical e acordou as liñas de traballo dos vindeiros meses en materia de acción sindical, negociación colectiva e organizativa. O máximo órgano de decisión entre congresos apostou por manter a mobilización en demanda da derrogación das reformas, pola recuperación de dereitos sociais e laborais e fronte á grave situación de desmantelamento industrial que enfronta o noso país.

O secretario xeral, Paulo Carril, analizou a grave situación de desmantelamento industrial que padece Galiza, onde, empeoraron todos os indicadores, que constatan unha importante caída da renda; maior precarización; empobrecemento xeneralizado da clase traballadora; aumento das desigualdades; unha cada vez maior caída de poboación activa; o incremento da emigración e o avellentamento da poboación. 

O Consello Confederal da CIG analizou a situación e acordou as liñas de traballo dos vindeiros meses

Por iso é máis grave aínda a continuidade das reformas laborais –que xa provocaron, entre outras cuestións, unha rebaixa dun 13,7% dos salarios respecto do inicio da crise– tendo en conta que estamos “nun contexto de recesión económica que en Galiza será máis profunda porque aínda non saímos da anterior”.

Sinalou ademais que o resultado das eleccións xerais mantén a incerteza respecto da conformación do goberno do Estado, aínda que valorou que co nacionalismo de volta nas Cortes e co maior peso do soberanismo “ábrense expectativas para pór na axenda aquelas cuestións que son de relevancia para o sindicalismo nacionalista”. Algunhas xa comezaron a traducirse en iniciativas que serán presentadas no Congreso.

Alertou do perigoso incremento do fascismo, dunha maior españolización e da recuperación do PP, que desde a Xunta “xoga a facer de Galiza unha rexión, aínda que semelle enfrontarse ao Goberno central co único ánimo de desgastalo, cunha inacción total no país e desentendéndose da grave crise industrial”.

Eleccións sindicais

O Consello Confederal tamén avaliou o afianzamento da CIG como primeira forza, a piques de rematar o período concentrado das eleccións sindicais, e o incremento de afiliación. Uns resultados que obrigan a “asumir a responsabilidade de utilizar toda esa forza para combater a grave situación de emerxencia social, laboral e de dereitos que padece a clase traballadora galega; temos que ser quen de dar alternativas e mobilizar, na liña do modelo sindical que representamos de combate e contrapoder”.

Por iso acordouse un calendario de mobilizacións e unha táboa reivindicativa centrada na derrogación da reforma laboral, na defensa da nosa industria, do emprego e do noso carácter nacional, con alternativas no plano social, laboral e económico.

Arrincará este martes, día 3 de decembro, coa asemblea nacional de delegadas/os e a posterior manifestación, convocada co lema ‘Recuperar os dereitos para avanzar. Na defensa do emprego e da industria en Galiza’, que será a antesala de novas protestas até finais de xaneiro. Prepararanse despois as convocatorias do 8 e do 10 de Marzo e mantéñense as previstas, como unha en defensa da industria electrointensiva o 10 de decembro; ou as que se convoquen contra o peche de Endesa ou do sector de automoción, no camiño de unificar o máximo posible a resposta á crise industrial.

Ademais, o 12 de decembro haberá folga no ensino e previsiblemente se convocará unha manifestación en defensa da sanidade pública para finais do mes de febreiro.

Negociación colectiva

En materia de negociación colectiva a CIG marca como obxectivo para 2020 loitar contra a precariedade e a pobreza salarial, que segue medrando, á vista dos datos de Facenda, segundo os que 313.000 persoas asalariadas en Galiza (30%) teñen ingresos inferiores ao SMI; máis da metade son mulleres. Ademais, 172.000 perciben unha media de 2174€/ano e 140.000 uns 7800€ anuais.

Volver