En Marea comprométese a incluír no seu programa as demandas dos traballadores e traballadoras de SEAGA

CIG-Servizos incide na necesidade de mudar as políticas forestais e rematar coa “economía do lume”
Compostela - 09 Set 2016
Representantes dos comités provincias de SEAGA e CIG-Servizos reuníronse esta mañá con En Marea, seguindo a rolda de xuntanzas coas organizacións políticas que concorren ás eleccións galegas, para presentar as demandas do colectivo de traballadores/as e solicitar o seu apoio. O seu candidato, Luís Villares, compartiu a análise dos comités sobre a problemática de incendios, causas e solucións.

Os representantes dos comités, xunto co secretario nacional de CIG-Servizos, Paulo Rubido, e a secretaria comarcal da federación en Pontevedra, Diana Rodríguez, explicaron a gravísima situación de precariedade que se vive na empresa SEAGA, así como o descontrol imperante no servizo de extinción de incendios forestais, coa presenza de empresas privadas, brigadas municipais, SEAGA, Xunta e demais.

Os representantes dos comités incidiron en que “a propaganda realizada polo PP nestes días respecto do acordo laboral con todos os traballadores do servizo de extinción non se corresponden coa realidade, xa que quedaron excluídos, cando menos, preto de 3.000 traballadores, o que representa case dous terzos do actual operativo”.

Por parte do candidato de En Marea, adquiriuse o compromiso de reformular o servizo de extinción de incendios coa exclusión das empresas privadas e das brigadas municipais, entendendo que SEAGA ten que facer parte do futuro servizo público de extinción en Galiza.

Villares comprometeuse ademais a que os traballadores e traballadoras adicadas ás tarefas de prevención e extinción deben contar cunhas condicións laborais homoxéneas e decentes e con garantía dun mínimo tempo de traballo.

Igualmente os representantes de CIG-servizos incidiron en que “a problemática do lume vai máis alá da necesidade de contar cun bo servizo de extinción, sendo necesaria, en primeiro termo unha planificación forestal pensada no beneficio económico da maioría e non de catro empresas e con previsión de non empregar especies que fomentan a propagación do lume”.

Ademais subliñaron que “só un rural vivo, con actividade económica e con xente nova evita que os lumes se convertan nun problema social como está pasando actualmente poñendo mesmo en perigo a vida de persoas e as súas vivendas”.

Villares e Antón Sánchez, tamén presente na reunión, asumiron que a planificación forestal e o rural vivo deben ser obxectivos transversais que definan a política a realizar no medio rural deste país.