Comeza a xornada intensiva na construción de Pontevedra por primeira vez na historia do sector en Galiza
O pasado 9 de xuño saíu publicado no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) o convenio da construción asinado o 4 de maio pola CIG e que recolle importantes melloras laborais, como a xornada continuada durante o mes de xullo por primeira vez na historia do sector en Galiza.
A medida estará vixente dende o vindeiro luns día 3 de xullo até o luns 31 de xullo, período durante o que se realizará xornada intensiva de 7:00 a 15:00 horas. En caso de que por causa administrativa xustificada houbese que atrasar o inicio da xornada “en ningún caso será despois das 8:00 horas”.
Dende a central sindical explican que intención é ampliar esta medida a todo o período estival para protexer a saúde dos traballadores/as e garantir o dereito a conciliación da vida laboral e familiar. De feito, no propio documento recóllese a posibilidade de ampliar a xornada continuada aos tres meses do verán. Aínda que a CIG-Construción márcase como obxectivo para o próximo convenio que esta medida se estableza de xeito obrigatorio.
A central sindical anuncia que porá en coñecemento da Inspección de Traballo todas as irregularidades que detecte no cumprimento da xornada continuada por parte das empresas.
Ademais desta reivindicación histórica do sector, o convenio provincial asinado en maio contempla unha suba de soldos do 4,75% para 2022 e do 3% para 2023, con cláusula de revisión salarial a IPC. E tamén incorpora o complemento por discapacidade, que establece distintas contías segundo o grao.