• Nova

Entidades ecoloxistas, veciñais, sindicais ou de afectadas apupan a Feixó ao berro de “Eólica así non!”

Concentráronse no Parlamento para denunciar o recorte dos seus dereitos democráticos
Nacional - 23 Mar 2022

Entidades ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais ou colectivos de afectadas/os, das 175 que conforman a Coordinadora “Eólica así non!”, concentráronse esta mañá diante do Parlamento de Galiza para denunciar que o goberno da Xunta está recortando dereitos democráticos ao dificultar a presentación de alegacións aos proxectos eólicos, para facilitar así a súa autorización e favorecer ás eléctricas.

Unha mobilización na que denunciaron as trabas que está a poñer a administración pública para acceder, en tempo e forma,  á información relativa aos expedientes de proxectos eólicos, para presentar alegacións nos rexistros públicos ou participar en igualdade de condicións nos órganos consultivos e na planificación enerxética do país.

Actitude que cualificaron como de “mala praxe administrativa” e que está a obrigar á cidadanía galega a recorrer sistematicamente ao amparo da Valedora do Pobo para defender os seus dereitos.

Por iso, ao remate da concentración fixeron unha longa ringleira para entregar, un a un, escritos de denuncia por esta situación, interpelando a esta institución para que actúe atendendo á súa función como mecanismo de control dos dereitos da cidadanía galega e de supervisión dos defectos máis comúns da administración, que neste caso son flagrantes.

 Auténtico golpe de estado

No decurso da mobilización ‘Eólica así non’ acusou  ao propio Núñez Feijóo de abusar da súa maioría absoluta para promover reformas legais que constitúen un “auténtico golpe de Estado” contra dereitos democráticos de información e participación pública.

Denuncian que a sociedade galega está a sufrir máis que nunca as repercusións da aprobación da “Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais” de 2017 e a “Lei de simplificación administrativa” de 2021. Os feitos corroboran que as chamadas “leis de depredación” foron concibidas polo goberno do PP para eliminar garantías ambientais, facilitar a expropiación de terras, privatizar os recursos públicos e poñer obstáculos á contestación social.

Ambas normas, tramitadas pola vía da urxencia e sen sometemento á exposición pública, sitúan á sociedade galega nunha posición de absoluta indefensión e discriminación fronte as promotoras de proxectos agresivos co territorio, unha indefensión que se está a facer especialmente patente diante da actual invasión eólica.

A Xustiza acredita o déficit democrático da Xunta

O déficit democrático que a sociedade galega está sufrindo nesta vaga eólica xa foi acreditado pola Xustiza. Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considerou contrario a dereito o recorte de prazos de consulta pública impulsado pola Xunta de Feijóo para alegar aos estudos de impacto ambiental.

O fallo reprende á administración galega por vulnerar dúas directivas europeas e a lei de avaliación ambiental. Con todo, a Xunta aínda non dispuxo ningunha medida de reparación legal sobre os numerosos procedementos de consulta pública recurtados en prazo e relativos a proxectos eólicos denominados de “interese especial”.

Tamén resulta significativo que, en tan só en dous anos, a Xustiza teña anulado xa tres proxectos eólicos aprobados polo actual goberno da Xunta, que foron denunciados pola cidadanía diante dos tribunais. Trástase do parque eólico Serra do Oribio, anulado ser aprobado irregularmente nunha zona de Rede Natura e contar cunha DIA obsoleta; o repotenciamento do parque eólico de Corme, por incumprir o procedemento legal de consulta pública; e o parque eólico Sasdónigas Fase I e Fase II, por ter sido obxecto de fragmentación ilegal.

A imposición do veto e da discrecionalidade

Ao tempo, a Xunta segue a actuar con total discrecionalidade á hora de autorizar parques eólicos, arrogándose o dereito de aprobar proxectos fóra das áreas de desenvolvemento eólico (ADE) establecidas no plan sectorial ou saltándose a suposta moratoria eólica que teoricamente está vixente desde inicios de ano.

Estas prácticas abusivas poñen de relevancia a falta de garantías legais coas que o goberno galego está a tramitar e a autorizar novos proxectos eólicos.

Por outra banda, denuncian a exclusión da sociedade galega dos órganos de consulta. O pasado ano, a Xunta vetou a participación das entidades ecoloxistas no Observatorio da Eólica Mariña e censurou someter a votación a moratoria eólica proposta polas organizacións ecoloxistas e sindicais no último Consello Galego de Medio Ambiente.

Derrogación das leis de depredación

Con esta mobilización Eólica Así non insta ademais ao goberno da Xunta a derrogar as “leis de depredación” e promover unha moratoria eólica real e efectiva que procure o antes posible a elaboración dunha planificación racional do sector, participada pola sociedade, e que atenda ás necesidades da transición ecolóxica fundamentándose en criterios de aforro, eficiencia, autoconsumo e xestión pública da enerxía.

A este respecto lembraron ás administracións públicas que a participación cidadá nun estado democrático non se debe limitar aos períodos de exposición pública de proxectos ou aso procesos electorais. “Tamén temos dereito a participar no deseño e elaboración de leis e dos instrumentos de planificación”, conclúen.

Por iso a Coordinadora xa adiantou que presentará unha denuncia diante da Comisión Europea contra a administración galega pola vulneración das directivas europeas relativas ao dereito de información e participación pública en materia de medio ambiente.