Entre a orde e a desorde búscase unha “Nova Orde Mundial”

Julio C. Gambina - 29 Mar 2021

A democracia liberal estendida desde o poder constituínte das burguesías a fins do século XVIII, na tradición da revolución francesa e estadounidense, constitúe o mecanismo privilexiado da política contemporánea. Economía e política no capitalismo, que como sempre aparece atravesada pola violencia física e intelectual, da represión dos corpos e a manipulación das conciencias e o sentido común

 A terceira década do  século XXI preséntasenos dramaticamente, xa desde hai un ano, coa pandemia do coronavirus, con gravísimas secuelas de 124 millóns de contaxiados e case 2,8 millóns de mortes en todo o mundo, sen horizonte de solución inmediata.

 O tema agrávase cunha caída da produción e circulación económica mundial, que atinxe fortemente á maioría empobrecida da poboación. Trátase dun escenario que potencia a desigualdade social e aumenta a desigualdade da “orde” capitalista. Cando máis se precisa de cooperación internacional, o que acontece son respostas “nacionais” de países que posúen o poder económico, profundando a anarquía da sociedade contemporánea, nunha especie de ‘sálvese quen puider’[1]. A discriminación social tamén opera no seo dos países, máis aló da súa capacidade económica.

 A “desorde” é a norma do sistema mundial e convoca a pensar en novas normalidades do sistema mundial. Recentemente Boris Johnson fixo patente o interese británico de intervir nunha revisión estratéxica da orde global desde a “guerra fría”[1]. É ben observar os sinais que veñen de Londres se pensamos na longa duración da hexemonía imperialista inglesa até o seu desprazamento en 1945 polos EUA. Do poder británico ao ianqui en século e medio de dominación imperialista, nun momento de disputa pola hexemonía da orde/desorde actual. Da vella orde liderada pola libra esterlina pasouse á marcada polo poder do dólar estadounidense. Nin o ien nin o euro puideron nos seus intentos de disputa e o iuan é moi novo na súa presenza como moeda global para disputar o que polo de agora acontece na produción e na circulación de bens e servizos. Por iso, entre outras cuestións é polo que se produce a “guerra comercial” entre os EUA e China.

Loita económica e política

 O que existe é unha “desorde” da realidade e un debate na cúpula do poder, polo que se ventilan distintas estratexias para definir o poder global. Iso condúcenos tamén a pensar en termos de contrapoder. Existen vellos e novos actores na pugna pola dirección da orde mundial, onde os intereses económicos e a produción de valor e plusvalor sustentan as estratexias diplomáticas, culturais, políticas.

 Por iso, a desorde atinxe ao comercio das vacinas e á saúde privatizada, como esfera de negocios de laboratorios que pugnan pola apropiación do excedente económico en todo o planeta. Pasqualina Curcio Curcio, economista venezolana, denuncia que a base do investimento de base para o desenvolvemento das vacinas está no Estado e organizacións de ciencia e técnica non lucrativas, cunha achega só do 25% do total dos laboratorios privados[2]. Completa a denuncia sinalando o inmenso negocio que supón a produción e distribución das vacinas cuns beneficios monumentais, que para a “farmacéutica estadounidense Moderna” supón ingresos por vendas da orde de 24.000 millóns de dólares. A “Pfizer/BioNtech, tamén estadounidense” terá ingresos por venda das súas vacinas duns 23.680 millóns de dólares. No tocante a “Astrazeneca/Oxford de capital inglés”, os seus ingresos alcanzarán a 19.740 millóns de dólares. Pola súa banda, “Johnson & Johnson” venderá por 12.700 millóns de dólares. En todos os casos, operouse cun investimento privado mínimo e mesmo nulo.

 Resulta a cara máis crúa da actual orde capitalista, onde o que se exacerba é a mercantilización, como base material das relacións económicas asociada á explotación da forza de traballo e o saqueo dos bens comúns. Non en balde, a lóxica do presente inclúe a desigualdade social sobre a base do acceso, ou “non acceso”, das persoas ao diñeiro, imprescindíbel para intervir no mercado na compra e venda dos bens e servizo para reproducir o metabolismo vital da sociedade; mais tamén a depredación da vida natural vía saqueo de bens comúns usados como materias primas dun desenvolvementismo depredador. Extensión e dominación desde a mercantilización, desde o diñeiro e as súas formas dixitais asociadas ao despregamento das comunicacións na rede e a destrución do planeta polo produtivismo no noso tempo.

 A nova orde buscada pretende potenciar o libre comercio, a libre competencia e o libre cambio, como formas de potenciar a liberalización da economía, afianzando unha lóxica sustentada na propiedade privada dos medios de produción. Preténdese manter unha dinámica para producir bens de cambio, e con eles a apropiación de beneficios e a continuación dun ciclo de xeración de excedentes para ampliar a esfera da dominación do réxime do capital.

 A democracia liberal estendida desde o poder constituínte das burguesías a fins do século XVIII, na tradición da revolución francesa e estadounidense, constitúe o mecanismo privilexiado da política 1contemporánea. Economía e política no capitalismo, que como sempre aparece atravesada pola violencia física e intelectual, da represión dos corpos e a manipulación das conciencias e o sentido común

 Trátase dun destino fatal para a sociedade e os pobos do mundo?

 Non, as crecentes loitas contra a mercantilización, por transformar o sentido da produción, desde os bens de cambio aos bens de uso, son parte esencial dunha nova visión de orde social contemporánea. Pero tamén se produce a pugna no plano da loita contra o fetiche do diñeiro e a potencialidade de imaxinar unha sociedade cuxa produción estea planificada para resolver necesidades vitais da poboación e o planeta, para a vida do presente e do futuro. Non só intervén o poder na definición da nova orde.

 Tamén pesan as opinións da subordinación social, racial ou de xénero. A loita por “outra orde” está plenamente vixente, o que supón orientar o discurso e as accións a favor das máis amplas e insatisfeitas necesidades sociais.

_______________________________________________________________________________________

Notas:

[1] Telam. “Reino Unido aumentará su arsenal nuclear por primera vez desde el fin de la Guerra Fría”, en: https://www.telam.com.ar/notas/202103/547585-reino-unido-arsenal-nuclear-guerra-fria.html

[2] Pasqualina Curcio Curcio. “EL NEGOCIO DE LA VACUNA CONTRA EL COVID-19. LA MUESTRA MÁS INHUMANA DEL CAPITALISMO”, en: https://ultimasnoticias.com.ve/noticias/especial/el-negocio-de-la-vacuna-contra-el-covid-19-la-muestra-mas-inhumana-del-capitalismo-pascualina-curcio/

_______________________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Alainet, do 24 de marzo de 2021]