Entregadas máis de 2500 sinaturas do persoal de Política Social esixindo a recuperación dos dereitos recortados

Este xoves continuaron as concentracións diante das residencias de maiores, menores e centros de atención á discapacidade
Nacional - 09 Xul 2020

As centrais sindicais CIG, CCOO, CSIF e UGT fixeron entrega este xoves no rexistro xeral da Xunta de Galiza das máis de 2500 sinaturas recollidas entre o persoal dos centros de atención directa de Política Social en demanda da recuperación dos dereitos recortados en 2012. Este acto enmárcase no calendario de mobilizacións que as traballadoras e traballadores está a realizar dende hai máis de un mes en defensa dunhas condicións laborais dignas e duns servizos 100% públicos e de calidade.

A secretaria nacional de CIG-Autonómica, Zeltia Burgos, explicou que con estas sinaturas quérese demandar da Consellaría de Política Social "que actúe na recuperación dos dereitos recollidos no V Convenio Colectivo Único que foron suspendidos en 2012 baixo a escusa da crise económica e que a día de hoxe seguen recortados". Entre outros artigos, segue sen aplicación o artigo 19 que regula o tempo de descanso e as compensacións por domingos e festivos traballados, derivando "nunha carga de traballo insostíbel para o persoal dos centros de atención directa de Política Social".

Burgos subliña que esta carga de traballo se veu incrementada coa crise sanitaria "a conta da que se mantén unha situación de excepcionalidade na xestión do persoal" e como consecuencia do "aforro" de arredor de 800 postos de traballo en residencias de maiores, residencias de menores ou centros de atención á diversidade da Xunta de Galiza, rexistrado nos últimos anos.

Este aforro,  aclara, contabilízase coa amortizacion directa nesta Consellería de 140 postos de traballo dende 2012 e a non contratación para descansos do persoal, vacacións, etc. de máis de 600 persoas. Porén nestes datos "non están incluídas as residencias do Consorcio de Traballo e Benestar pola opacidade da súa xestión, pois nin sequera as listas de contratación son públicas nin poden ser consultadas polas persoas interesadas", censura.

Diante da negativa da Consellaría a avanzar na negociación para a recuperación dos dereitos de descanso e a distribución das carteleiras do persoal destes centros, as organizacións sindicas que continuarán as protestas semanais dos xoves "até que Política Social atenda as nosas xustas reivindicacións".