Entrevista a Bellamy Foster: “O neofascismo nunca será unha ideoloxía da clase traballadora”

Michael D. Yates -

O que diferencia o estado fascista do liberalismo capitalista son os medios que utiliza. A razón de ser de ambos é a acumulación de capital en nome das grandes corporacións. A diferenza é que no caso do neofascismo isto faino a través da anulación da soberanía política do pobo

- Vostede sostivo publicamente que Donald Trump é un político representativo do neofascismo. Como chegou a esa conclusión?

 Depende, abofé, de como entendamos o fascismo. A única teoría que explica o fascismo foi desenvolvida polos marxistas, nos anos 30 e 40, con pensadores tan variados como Georgi Dimitrov, Franz Neumann, León Trotsky, Paul Sweezy, e máis tarde, Nicos Poulantzas.

 Esta visión apuntou ao carácter de clase dos movementos fascistas que xermolaron como unha “alianza de conveniencia” entre o capital monopolista e os elementos reaccionarios da pequena burguesía.

 Nos períodos de crises graves, o capital monopolista tenta mobilizar os sectores máis reaccionarios e perigosos da pequena burguesía contra a clase obreira. O escritor C. Wright Mills, denominou estes sectores como «a retagarda» do sistema capitalista.

 Agora, é certo que ultranacionalistas, supremacistas brancos e os chamados «dereitistas radicais» estiveron sempre presentes na sociedade capitalista, mais o o fascismo volve tomar forma política de xeito aberto cando se produce unha ameaza ás posicións do gran capital. Ameazas tales como unha dislocación económica e política, unha diminución da súa capacidade hexemónica, unha incapacidade de crecemento ou a aparición de movementos populares radicais.

 Ideoloxicamente, o fascismo asóciase con xenofobia, racismo, misoxinia, fundamentalismo relixioso, represión e o que se chamou ultranacionalismo palinxénico (“renacemento dunha gran nación”).

 O fascismo sempre se entendeu deste xeito nos decenios de 1930 e 40 do século pasado. Non só a esquerda loitou contra o fascismo mais a comprensión histórica do fenómeno foi explicada en profundidade polos teóricos marxistas. A definición do fenómeno fascista desde un punto de vista marxista foi dominante. Tanto é así que a análise da estrutura e da práctica do nazismo coa óptica marxista se utilizou nos xuízos de Nuremberg.

 O enfoque histórico-materialista para a análise do fascismo seguiu sendo dominante até a década de 1970. Porén, nos anos 80, co debilitamento do marxismo estas investigacións foron sistematicamente substituídas por historiadores liberais, encabezados pola concepción do totalitarismo exposta por Hannah Arendt.

 Unha das características da visión liberal é que non hai relación entre o fascismo e capitalismo. Os liberais interpretaron o fascismo en termos puramente ideolóxicos, desatendendo as condicións materiais que lle deron vida.

 Para os liberais o fascismo nacería “do aire”, por así dicilo e, só é “unha aberración xenocida” ou unha sorte de antisemitismo. Deste xeito esqueceron completamente a base material do fascismo, que é sen dúbida o capitalismo monopolista.

 Xa na década de 1950, algunhas das figuras máis conservadoras da Escola de Frankfurt, como Adorno e Horkheimer, minimizaron das bases materiais do fascismo. Neses anos ambos os filósofos trasladáronse a Alemaña Occidental por convite das autoridades americanas para escribir nas publicacións da CIA. Desde esas tribunas Adorno atacou a Georg Lukács, polo seu libro contra o fascismo chamado A destrución da razón.

 A partir da década de 1980 a visión liberal do fascismo pasou a ser dominante. Os liberais conformáronse con retratar só as súas manifestacións externas: unha ideoloxía política brutal, saúdos nazis, campos de concentración e cámaras de gas. Así o mostra a maioría das películas de Hollywood, que agocharon tras os bastidores os promotores e financiadores da bestialidade nazi.

 En contraste co enfoque teórico marxista, que é unha análise histórica, para os liberais o fascismo sería unha especie de aberración psicolóxica. Xa que logo, o fascismo foi tratado como un totalitarismo xunto co estalinismo. Mesmo os socialistas se esqueceron dos fundamentos de clase do fascismo e a súa relación coas grandes empresas.

 Agora, despois da guerra o neofascismo foi elaborado polo teórico político italiano Julius Evola, que tentou elaborar un versión nova do fascismo máis aceptábel do punto de vista político e intelectual. En Estados Unidos o principal asesor de Trump, Steve Bannon, está fortemente influído por Evola e promoveu as súas ideas neofascistas a través do xornal digital Breitbart News.

 Bannon transformou Breitbart News no cuartel xeral ideolóxico desta ideoloxía. O neofascismo, en resumo, é un intento de resucitar o fascismo e a ideoloxía racista divorciándoa dos seus peores antecedentes históricos. Hoxe en día preséntase en todas as partes como «o populismo dunha dereita nacionalista».

 A principal razón, por suposto, para falar de neofascismo hoxe en día en Estados Unidos é que Donald Trump ocupa a Casa Branca. Mais o que coñecemos como «o fenómeno Trump» non está referido só a Trump como individuo, como o macartismo non se refería só ao senador, Joseph McCarthy.

 Trump e o neofascismo teñen que ver coa dinámica da loita de clases e co gran capital. O supremacismo branco de Trump creceu nun contexto de crise económica, devalar hexemónico do Imperio e errada globalización neoliberal.

 Esta situación mobilizou os elementos máis reaccionarios da sociedade nunha nación como Estados Unidos que se constituíu (entre outros factores) mediante o exterminio da poboación indíxena, a escravitude, o imperialismo e a guerra.

 Trump é a cara visíbel deste cambio ultrarreaccionario. Chegou no momento xusto. Respecto das súas ideas a súa ex esposa, dixo que o libro de cabeceira de Trump é unha colección dos discursos de Hitler, separadamente do texto escrito polo seu “ghostwriter”, A Arte da negociación.

 Trump é un magnate inmobiliario representante do capital monopólico-financeiro que interpreta un papel que lle permitiu canalizar a ira da clase media contra as elites liberais e os inmigrantes. Preséntase deliberadamente como alguén que pode actuar con impunidade. Esta actitude é o segredo da popularidade entre os seus seguidores.

 Pero máis importante que o propio Trump é a fronte política que logrou conformar ao seu redor; unha alianza entre unha fracción dos multimillonarios e a clase media branca reaccionaria.

 Os capitalistas multimillonarios comprenderon rapidamente que a administración de Trump é un representante dos seus intereses económicos. Considérano un mal necesario e están dispostos a soportar unha “ideoloxía política do home de Cromañón”.

 Sen Trump non sería posíbel unha alianza política que sendo financiada polos multimillonarios conta cun exército de partidarios belixerantes. Esta alianza chegou á Casa Branca para que Trump levase a cabo un ataque ao estado liberal co respaldo de sectores chave do capital.

 Unha das características do fascismo é a noción de líder ou Führer. Unha vez que se instala o “líder” -como explicou o teórico nazi Carl Schmitt-, pódese crear unha especie de súper legalidade na que o Führer se impón sobre a legalidade vixente.

 Non hai dúbida de que Trump representa algo parecido para os seus seguidores. É visto como transcendendo a estrutura legal. Este é un fenómeno moi perigoso, especialmente nun período de crise como o presente, cando a toma do poder total é posíbel se un líder autoritario está na cima.

 O control de Trump sobre o Partido Republicano e o Poder Xudicial indican que a famosa separación de poderes xa case non son operativos. Trump non acepta disidencias nas súas fileiras e atacan con ferocidade os republicanos que non son incondicionais. Todo o Partido Republicano foi posto ao servizo do “líder”.

 O fascismo é unha forma do estado capitalista que busca derrocar o capitalismo liberal e substituílo cun réxime centralizado e represivo que impón unha economía monopolística privatizada.

 O que diferencia o estado fascista do liberalismo capitalista son os medios que utiliza. A razón de ser de ambos é a acumulación de capital en nome das grandes corporacións. A diferenza é que no caso do neofascismo isto faino a través da anulación da soberanía política do pobo.

- Como responde a quen di que o neofascismo non é a forma acaída para caracterizar a Trump?

 Algúns medios corporativos pretenden agochar a gravidade da situación. Caracterizan a Trump como unha personalidade autoritaria que encabeza un populismo de dereita. Coido que argumentar dese xeito é eliminar todos os elementos esenciais do fenómeno e restar importancia aos perigos.

 É certo que o cambio que Trump promoveu na súa primeira fase un compromiso parcial entre neoliberais e neofascistas. Pero con este “acordo táctico” Trump gañou tempo e terreo.

 O problema de Trump é que necesita tomar o control do resto do estado: é dicir, a administración pública, o Congreso, o sistema xudicial, o exército, o estado profundo (a chamada comunidade de intelixencia), o Partido Republicano, os gobernos estatais e locais, o aparello ideolóxico do estado, os medios de comunicación, as institucións educativas, os think tanks, etc.

 O meu último libro escribino nos primeiros 100 días de Trump. Neste período o asesor de Trump, Steve Bannon, puxo en marcha unha incipiente nova estrutura política, unha “Gleichschaltung” ou conquista do Estado e da sociedade civil.

 A confrontación cos medios de comunicación corporativos foi unha gran parte desta tentativa. Con Trump na Casa Branca os neofascistas lograron abeirar a oposición de sectores da administración pública, do “estado profundo”, do exército, do Partido Republicano e, dalgúns medios de comunicación, etc.

 Mentres Bannon operaba desde a Casa Branca, o seu equipo promovía abertamente o neofascismo do italiano Evola e do libro racista O campo dos santos.

 Cando deixou o seu posto no goberno a resposta do establishment e da elite foi que Trump deixara de lado o supremacismo branco e o neofascismo. Mesmo xente de esquerda sostivo que Trump é un autoritario, mais non é un neofascista.

 Neste punto é realmente interesante lembrar a Adorno e as súas teorías psicolóxicas. No seu libro A Personalidade Autoritaria describe o que chama unha «escala F» pola «F» de fascismo. Adorno e a escola de Frankfurt definiron nove trazos de personalidade para determinar a escala do F dun fascista.

 Estes niveis inclúen trazos como: autoritarismo, submisión ao poder, antiintelectualismo, superstición, cinismo, destrutividade, estereotipos, dureza, preocupación esaxerada polo sexo, antiintracepción (oposición á imaxinación), e proxectividade (ver o mundo como perigoso). Se un observa a Trump non hai dúbida de que se atopa no máis alto da escala do F. Reúne a puntuación máxima para caracterizalo como fascista desde o punto de vista psicolóxico.

 Un amigo meu, o filósofo Sayres Rudy, escribiu que Trump «é a única persoa, que se eleva por riba do ex actor de clase B [Ronald Reagan]. Trump chegou a ser presidente dos EUA malia ser corrupto, sórdido e mafioso«. Trump sería unha especie de xefe da mafia. Parécese ao que Brecht retratou tan brillantemente na súa obra sobre o fascismo A resistíbel ascensión de Arturo Ui.

 Mais o fascismo, como tentei explicar, non é un fenómeno psicolóxico, é un movemento e un réxime político que xorde en circunstancias en que a clase capitalista se sente en perigo, E cando xorde unha crise estrutural do sistema, o gran capital historicamente se decantou por formar unha alianza política coa pequena burguesía reaccionaria.

 Non hai que perder de vista as forzas materiais e as alianzas de clase que se forman nun momento histórico particular, esta reflexión inclúe o neofascismo de hoxe en día.

- Como avalía a xestión de Trump da pandemia?

 A xestión de Trump da pandemia foi desastroso e racista. Malia as súas constantes referencias ao COVID 19 como un “virus chinés” finalmente se viu obrigado a adoptar o distanciamiento social e aplicou un paquete de «estímulo económico» que basicamente é un medio para rescatar as corporacións altamente endebedadas.

 Cando Trump pide a volta ao traballo o que pretende é salvar a economía capitalista. A súa estratexia leva provocado, até o momento, máis de cen mil mortes e máis dun millón e medio de contaxiados.

 Para Trump a pandemia é entre outras cousas unha oportunidade para deixar de lado as regulacións ambientais, poñer máis presión económica e militar sobre Irán e Venezuela, acelerar o gasto no Muro entre os Estados Unidos e México.

 O que está ocorrendo nos Estados Unidos é unha sorte de «asasinato social» onde a morte dos «traballadores esenciais» se considera necesaria para manter a economía.

 O que é funesto é que as enquisas din que unha maioría da poboación pensa que Trump está xestionando ben a pandemia. Como se explica isto?

 A actitude de moitos dos seus seguidores é que el fala «por nós» e todo o demais son noticias falsas, porque son parte das informacións que manexa a elite política . E aínda que algún dos seus seguidores recoñecen que Trump mente, as súas mentiras son aceptadas e convertidas en «verdades políticas».

 Os seus seguidores rexeitan calquera chamado á razón, negan que 2 máis 2 son 4. Os tics de Trump, as súas hipérboles, a súa perpetua autogabanza e a súa insistencia en ser o árbitro da verdade ofrece aos seus partidarios un sentimento de «liberación» ou de “evasión por angustia”.

 Esta psicoloxía política irracional, que gaba a ignorancia e alimenta o odio lamentabelmente penetrou na sociedade.

- Entón, como explica o apoio de sectores da clase obreira a un neofascista? é racismo? é unha forma de colaboración de clase do movemento obreiro? é a estrutura patriarcal?

 Todos os factores que menciona son importantes. Hai un certo segmento de traballadores brancos que durante décadas se beneficiaron da posición hexemónica dos Estados Unidos na economía mundial.

 Esta aristocracia laboral desapareceu en gran parte produto do estancamento económico, a financiarización, a expropiación neoliberal, a deslocalización e a externalización da produción .

 Estes traballadores e as súas familias están experimentando unha precariedade que descoñecían, están aterrorizados polas súas débedas, polo embargo de vehículos e de casas.

 Mais neste país xa son demasiadas as persoas que loitan por comer, viven en cuartos ateigados, non poden pagar o seguro médico ou as tarxetas de crédito.

 No Medio Oeste, onde se levou a cabo gran parte da desindustrialización, a indignación é palpábel. Estados Unidos está experimentando un aumento dos suicidios entre os homes brancos de mediana idade, o país reduciu a esperanza de vida da poboación durante tres anos consecutivos.

 Todo este terríbel panorama vén de antes da pandemia. Os traballadores non queren o réxime neoliberal de Clinton, Bush e Obama e Trump parecía ao comezo ser un cabalo doutra cor. A súa plataforma ultranacionalista prometía salvar postos de traballo, protexer a Seguridade Social, eliminar as regulacións sobre a industria, de tal xeito que “América fose grande outra vez”.

 As promesas electorais de Trump eran do tipo clásico dos neofascistas que na historia colleron prestadas consignas superficiais tanto de dereitas como de esquerdas.

 Trump avougou por subir os aranceis para protexer os empregos estadounidenses. Falou de gastar un billón de dólares en infraestrutura, axudar a clase traballadora branca mentres demonizaba a xente de cor, os inmigrantes, os pobres, as mulleres e os “inimigos dos países estranxeiros”.

 O seu racismo dirixíase a todos os «outros». Fabricou moitos chibos expiatorios. Por suposto, as súas propostas para os traballadores brancos e para a clase media eran falsas. O fascismo -e isto tamén vai para o neofascismo- sempre foi un instrumento para a privatización (práctica que naceu na Alemaña nazi), do mesmo xeito que o capitalismo neoliberal que para estes efectos é primo político do neofascismo.

 O neofascismo é sinónimo de represión, discriminación racial e concentración do poder económico e político.

- Aínda que o capitalismo está nun estado de fonda crise pode a clase traballadora do século XXI cambiar o mundo? Pode crear un movemento, erguerse e construír outra forma de vida?

 As loitas revolucionarias contra o sistema son agora máis fortes na periferia dos países capitalistas. Mais as condicións para unha alternativa socialista estanse desenvolvendo tamén nos Estados Unidos, no corazón dun Imperio mundial en decadencia.

 A disolución do capitalismo na era do estancamento, a financeirización, a crecente desigualdade, a precariedade, o cambio climático, a pandemia e unha perigosa Nova Guerra Fría significa que nos enfrontaremos a unha elección entre a barbarie e o exterminio, por unha banda, e o socialismo e a ecoloxía, pola outra.

 As liñas divisorias reais entre as clases están en constante cambio. O apoio da aristocracia da clase obreira a unha figura neofascista como Trump esvaecerase e unha parte da clase media descubrirá que debe aliñarse coa clase traballadora que loita por un cambio real.

 A clase traballadora, como describiu E.P. Thompson, non é simplemente unha relación desta cos medios de produción, é tamén unha cultura, unha conciencia. Así que coa pandemia, o enfrontamento de clases podería conducirnos a unha acumulación de forzas anticapitalistas.

 O neofascismo, aínda que poida penetrar nas fileiras dos traballadores, nunca será unha ideoloxía da clase traballadora. Sempre será derrotado por unha revolución desde abaixo. Isto ocorreu dalgún xeito na Segunda Guerra Mundial cos guerrilleiros partisanos e a resistencia antinazi.

 A miña opinión é que a treboada socialista revolucionaria vai a emanar principalmente do Sur Global, onde o imperialismo fai que as condicións de vida sexan moito peores que nos países centrais do sistema. Mais o cambio no sistema mundial tamén depende da rebelión dentro de Estados Unidos. Aquí está emerxendo antes do que ninguén esperaba.

- Nas eleccións de novembro de Trump será Joe Biden, un home sen programa, un belicista. Por outra banda Trump é unha persoa que parece estar sufrindo unha deterioración mental. Baixo estas circunstancias, podemos ter esperanza no futuro?

 A crise/desfeita e ambiental é agora integral. As accións da administración Trump están acelerando ao mundo cara a un xenocidio planetario. Hai un capítulo enteiro no meu libro denominado «Trump e o cambio climático». Nel expoño en detalle a destrución planetario que está levando a cabo o capital e a súa virulenta postura antiambientalista.

 Como dixo Noam Chomsky non é esaxerado considerar a elección de Trump como «case unha sentenza de morte para a especie humana». Esta ominosa tendencia ao “omnicidio” é palpábel na retirada dos Estados Unidos do Acordo de París sobre o cambio climático, na retirada da Organización Mundial da Saúde, no abandono do pobo portorriqueño tras o furacán María, na promoción de billóns de dólares en novos oleodutos e gasodutos no medio do quecemento global, na introdución de novas clases de armas nucleares, nas súas ameazas de guerra contra China.

 As declaracións de Trump pola COVID-19 son un «engano». A súa posición é parte desta mesma política indiferente á dor humana. Pasaron meses preciosos mentres a pandemia se estendía e Trump miraba despreocupado desde o seu campo de golf. Só cando o mercado de valores caeu, a pandemia converteuse nun asunto importante para Trump.

 A COVID 19 é só a máis grave dun número de pandemias que ameazan a sociedade mundial, debido principalmente ao papel da agroindustria nun réxime de globalización neoliberal coa destrución acelerada dos ecosistemas forestais. O resultado son zoonoses, enfermidades que pasan das especies animais ás humanas.

 Esta é só outra manifestación da ruptura ecolóxica atribuíble ao sistema. O perigo coñécese desde hai máis dun século e foi sinalado polo gran biólogo británico E. Ray Lankester, na súa obra O reino do home (1911). A ameaza das zoonoses xeradas polas accións humanas foi sinalada novamente polo gran ecoloxista de Harvard Richard Levins no seu artigo «Is Capitalism a Disease?» de setembro de 2000.

 A inevitabilidade das pandemias como resultado da destrución creativa dos ecosistemas e das especies silvestres está deixando o mundo baixo a agroindustria mundial. Todas as advertencias foron ignoradas por un sistema do capital monopolístico-financeiro que antepón os beneficios ás persoas e ao planeta.

 De feito, estamos agora no medio dunha catástrofe ecolóxica planetaria xerada polo capitalismo, agravada polo actual xiro reaccionario. As cadeas imperiais de valor/oferta asociadas á globalización neoliberal están xerando un xigantesco efecto remuíño que desestabiliza as condicións económicas, ambientais e epidemiolóxicas en todo o mundo. A única resposta é tirar do freo de urxencia. Porén, o capitalismo é un sistema que ten un acelerador incorporado e non ten freo. Só se detén cando se esnafra.

 A situación é sombría. En ningún dos casos o sistema poñerá os freos. Para logralo requírese un movemento contra o capital.

 É bo lembrar que os intereses neoliberais do establishment representados polos Demócratas de Joe Biden quere unha Nova Guerra Fría con Rusia. Os demócratas quere evitar que Trump desenvolva unha distensión con Rusia (agora practicamente desaparecida). Pola súa banda Trump e o Pentágono necesitan evitar unha guerra de dúas frontes e concentrarse nunha loita contra China pola hexemonía mundial.

 Este aspecto, a xeopolítica, da administración Trump segue as directrices de Peter Navarro, un aberto defensor da guerra económica e mesmo militar contra China. Navarro foi posto a cargo da guerra arancelaria contra China, e cando Trump declarou que o SARS-CoV-2 era un «virus de China», Navarro foi nomeado coordinador de políticas a Lei de Protección da Defensa.

 A elección de Navarro explica o intento de Trump de demonizar a China polo COVID 19. Xa cos aranceis, deseñados por Navarro, as cadeas de subministracións de abastecemento con China estaban empezando a romper. Agora coa pandemia están aínda máis fracturadas.

 Isto é un asunto crítico. Navarro declarou que o fornecemento de produtos básicos debe ser traído rapidamente á casa; é dicir, a pandemia ofrece a Trump a oportunidade de romper o comercio entre os EUA e China.

 Mentres tanto, o inepto traballo de Navarro contra a pandemia levouno a opoñerse á avaliación científica impulsada por Anthony Fauci, xefe do Instituto Nacional de Alerxias e Enfermidades Infecciosas.

 A administración Trump considerou a COVID-19 como unha oportunidade xeopolítica e un problema de acumulación de capital, non como un problema de saúde pública.

 Mais que ten Joe Biden que ofrecer pola súa banda? Nada. É un representante do á máis belicista do Partido demócrata. Ante a urxencia da COVID-19, Biden non se moveu nadiña de nada e segue negando o Medicare para todos.

 Entón, «baixo estas circunstancias, podemos ter esperanza no futuro?» Coido que a resposta é que as circunstancias están cambiando rapidamente, o sistema está dos nervios.

 O capitalismo está na súa maior crise deste século. As vidas de todos están sendo afectadas. Estase volvendo imposíbel negar que o medio ambiente planetario como lugar de habitación humana está agora en perigo.

 A economía capitalista segue sumida no estancamento e a fraxilidade financeira, e o colapso é unha posibilidade evidente. A saúde pública está decaendo mesmo nos países máis ricos. O racismo, a guerra, a misoxinia (incluído o feminicidio) están en aumento. A posibilidade dunha guerra nuclear aumentou. En todas partes o chan estase movendo. O capitalismo fracasou.

 A xente, como dixo Fidel Castro, é como os volcáns. Co capitalismo disolvéndose ante os nosos ollos, podemos agardar verdadeiras erupcións populares provenientes daqueles que loitan por un mundo máis igualitario e sustentábel. O exército dos reaccionarios, mesmo nos Estados Unidos, é moito máis pequeno que a forza masiva da clase traballadora.

 O fascismo é invariabelmente un signo de que o capitalismo está en perigo, obrígao a recorrer á súa perigosa e agresiva retagarda, mais esta manobra termina socavando o sistema.

 A clase dominante está perdendo a súa capacidade de gobernar e como a crise planetaria se achega cada vez máis, haberá máis divisións na cimeira da clase capitalista, xa que a necesidade de protexer o planeta para as xeracións futuras cruza as liñas de clase.

 A resposta nesta situación é a construción dun vasto e imparábel movemento socialista (ecosocialista). Isto está sucedendo en moitos lugares do mundo. O que é quizais máis abraiante é que un movemento socialista está xurdindo nos propios Estados Unidos, onde se supoñía que ningún movemento deste tipo era posíbel.

 Esta é unha manifestación dun Imperio moribundo e a necesidade dun cambio real. Os perigos aumentan mais tamén aumenta o espazo para un desenvolvemento político revolucionario. A humanidade vai sobrevivir porque renovará a súa loita pola liberdade como unha necesidade.

 

[Entrevista tirada do sitio web Observatorio de la crisis, do 31 de maio de 2020]

Volver