Entrevista a Emir Sader: “O neoliberalismo é incompatíbel coa democracia”

Hector Bernardo -

Agora a dereita ten dificultades para ir a unhas eleccións e impoñer o modelo restaurador neoliberal. Vai ser a hora da verdade para discutir que é o que se fixo e que é o que a dereita pretende facer. O tema do neoliberalismo segue sendo central. Aínda que logra vitorias conxunturais, a dereita está en dificultades para consolidar o seu proxecto

- Por que os procesos populares non souberon ou non puideron construír as ferramentas para evitar a traizón en Ecuador, os golpes parlamentarios en Paraguai e Brasil, a derrota electoral en Arxentina en 2015 e en Uruguai este ano e agora o Golpe de Estado en Bolivia?

 Para dar respostas a esa pregunta é necesario primeiro explicar como foi posíbel a xestación, de xeito extraordinario, dos gobernos progresistas da rexión que estaban a contramán de todo o que pasaba no mundo.

 A finais do século XX houbo unha gran viraxe á dereita caracterizada, en primeiro lugar, pola pasaxe dun mundo bipolar a un mundo unipolar con hexemonía imperial norteamericana. Como segundo aspecto hai que sinalar o paso do ciclo longo expansivo (que foi desde a fin da Segunda Guerra Mundial ata os anos 70), a un ciclo longo recesivo, a era neoliberal, na que o sector hexemónico xa non era un sector produtivo, senón un sector especulativo do capital financeiro. E o terceiro aspecto a ter en conta é o paso dun modelo de benestar social (máis realizado nalgúns países que noutros), a un modelo neoliberal de mercado. Estes tres factores regresivos representaron o cambio dun período histórico.

 América Latina foi unha vítima privilexiada diso. Primeiro, pola crise da débeda. A fins dos 70 principios dos 80 o FMI (Fondo Monetario Internacional) subiu a taxa de xuros, acabou c o ciclo de desenvolvemento que viña dos anos ?30. Segundo, a implantación das ditaduras militares en catro dos países politicamente máis importantes do continente (Brasil, Uruguai, Chile e Arxentina), que destruíron o movemento popular, o que permitiu o xurdimento do terceiro elemento, que foi que América Latina se transforme na rexión que tivo máis gobernos neoliberais, que á súa vez eran os máis radicalizados.

 Esas razóns son as que fixeron, xustamente, que América Latina teña gobernos antineoliberais. Aí dáse esa secuencia das eleccións en Venezuela, Brasil, Arxentina, Uruguai, Bolivia e Ecuador. Todos gobernos elixidos pola reacción popular ante o fracaso do modelo neoliberal e construíndo gobernos antineoliberais. Eses gobernos estaban caracterizados, primeiro, por poñer a súa prioridade nas políticas sociais e non no axuste fiscal (o que debería ser o normal para os gobernos democráticos do continente que é o máis desigual do mundo). Segundo, priorizar a integración rexional, o intercambio sur-sur (en particular con China) en lugar dos tratados de libre comercio con Estados Unidos. E terceiro, o rescate do papel activo do Estado, en lugar do Estado mínimo e a centralidade de mercado, o Estado recuperou a capacidade de desenvolver políticas sociais, ter unha política exterior soberana, fortalecer os bancos públicos.

- Que pasou que despois de tantos anos de crecemento, de recuperación de dereitos, de inclusión social, non se puideron evitar esas arremetidas da dereita?

 As debilidades viñeron, por unha banda, polo feito de actuar nun ciclo longo recesivo a escala internacional que presionou moi fortemente en particular a partir de 2008 cando se profundou ciclo de crise recesivo no que non viñan investimentos, senón capital especulativo.

 Non se contou cun contexto internacional de investimentos, nin cunha integración rexional que permitise construír un modelo económico alternativo. Houbo unha gran integración no político, pero non no económico. Nun momento houbo un intento co Mercosur ampliado que, ademais de Arxentina, Brasil, Uruguai e Paraguai, incorporaba Venezuela, Ecuador, Chile e Bolivia. Pero non se profundou.

 Poderíase ter articulado un modelo económico específico que nos autonomizase respecto do contexto internacional, pero non se fixo nunca. Nos momentos de crise, cada país reaccionaba individualmente. Internamente non se fixeron reformas estruturais.

 Pero o máis importante que pasou en Brasil, Venezuela, Arxentina, Uruguai e Ecuador é que perdemos unha parte dos sectores populares que conquistaramos coas nosas políticas sociais.

 O tema central é que non logramos consolidar e expandir os apoios populares que tiñamos e iso non é só un tema do goberno, senón do conxunto dos movementos sociais e os partidos do campo popular.

- Iso quere dicir que a construción de políticas sociais e programas de inclusión non necesariamente xeran conciencia social?

 Dilma Rousseff fixo un moi bo goberno en tanto desenvolvemento de políticas sociais, pero non argumentaba, non falaba. Coido que en parte por iso perdeu apoio. Entre as políticas concretas que se levan adiante e a conciencia debe haber un proceso de intermediación para a construción da conciencia social. Niso, os medios de comunicación teñen un rol moi importante.

- Tendo en conta ese diagnóstico, como se debe actuar para non cometer os mesmos erros, por exemplo, aquí en Arxentina onde agora o campo popular recuperou o goberno?

 Penso que a xente non se decataba que as melloras na súa vida tiñan que ver coas políticas de goberno. Os argumentos eran “esforceime”, “Deus axudoume”, etc. Pero cando cambiou o goberno perderon dereitos fundamentais. En Arxentina iso quedou moi claro. Aquí moita xente decatouse de que aquel cambio de goberno foi a razón de que a súa vida empeorase.

 En Brasil pasa o mesmo, por iso Lula é favorito para gañar en primeira volta. Perseguido, acusado e encarcerado aínda segue sendo o favorito porque está na memoria da xente que, cando deixou de gobernar o PT, a súa vida foi a peor.

 Sinalar iso non chega, mais é un factor político que axuda á conciencia da xente. A entender que a súa vida mellora ou empeora conforme o tipo de goberno.

- Tendo en conta a importancia que ten a construción de conciencia, a necesidade de crear un “sentido común” que permita valorar a importancia das políticas sociais levadas adiante polos gobernos populares e o fundamental que son os medios de comunicación para iso, como se pode enfrontar ese desafío no marco da brutal concentración mediática que existe nos nosos países?

 Lamentabelmente, non logramos xerar unha reforma democrática dos medios, nin sequera en Arxentina onde se aprobou no Congreso a Lei de Servizos Audiovisuais.

 Ademais, non abonda con estatizar medios privados. Non se trata só da información. Gran parte do tempo a xente ve telenovelas, deportes, música e se non os atopa nas canles estatais vainos buscar ás canles privadas.

 A iso súmase que os valores implícitos en Hollywood son moi fortes. Non se trata de disputar os valores só no político, senón na vida cotiá. En Arxentina, en Brasil, mesmo en Bolivia, o “American way of life”, a forma de vida americana (estadounidense) segue sendo un modelo de vida moi forte que non ten contrapunto.

 Estados Unidos é hexemónico na ficción: no cine, na televisión, en internet, no ritmo, no tipo de personaxes, o tipo de beleza. Determinan o que é bo, o que é malo, o que é bonito, o que é feo e o que se pode ou non se pode. Unha maquinaria cultural impresionante.

- Nos 90, en Arxentina, o neoliberalismo chegou con moita forza e ese modelo quedou por 12 anos (de 1989 a 1999, Carlos Menem, e de 1999 a 2001, Fernando de la Rúa). Na volta do neoliberalismo da man de Mauricio Macri, o modelo só puido sosterse durante catro anos. Acabou moito máis rápido e tivo que se ir logo unha contundente derrota electoral en primeira volta. Que lectura fai diso?

 Nos 90 o control da inflación representaba unha conquista. Fernando Henrique Cardoso, dicíao de xeito intelixente: “a inflación é un imposto aos pobres”. Pola estabilidade representou unha conquista e por iso, naquel momento, todos puideron conseguir a reelección: Alberto Fujimori en Perú, Carlos Menem en Arxentina e Fernando Henrique Cardoso en Brasil.

 Agora iso non é así. Quedou demostrado que é unha idea moi artificial, sen sustento, propor que o control do gasto público vaia levar ao crecemento económico. Por iso son proxectos que teñen alento moi curto.

- O goberno de Alberto Fernández deberá afrontar as problemáticas dun país que está inmerso nunha profunda crise, terribelmente endebedado e no marco dun contexto internacional que tampouco é favorábel. Como se recompón un país nesas condicións?

 Neste momento cómpre aplicar unha política de salvación nacional con medidas de urxencia. Por unha banda, ten que atender as necesidades da xente pero, pola outra, o goberno está sen capacidade de investimento, sen reservas.

 Dalgún xeito vai ser un tempo de illamento do goberno arxentino. Por máis solidario que queira ser López Obrador, México está atrapado nun tratado de libre comercio con Estados Unidos, o que fai que sexa moi difícil que poida construír un eixe de integración con Arxentina.

 Todo indica que ese illamento do goberno arxentino vaise manter ata que Brasil poida dar unha viraxe. Pero iso non será no inmediato. As condicións para ese xiro en Brasil están dadas. O goberno de Bolsonaro está desgastado e Lula reapareceu como o líder alternativo. Pero esa viraxe non se vai dar até 2022.

 A rexión está convulsionada: Chile espertou, tamén Ecuador e Colombia. Neses tres países déronse levantamentos sociais contra gobernos de dereita. Pero, á súa vez, en Bolivia deuse un golpe de Estado contra un goberno popular.

 En referencia ao de Ecuador, Colombia e Chile poderíase dicir “é o neoliberalismo, parvo” (parafraseando a expresión que uso Bill Clinton na década dos 90: “é a economía, parvo”). O que aí sucede é, claramente, o rexeitamento a medidas concretas de políticas gobernamentais que logo se xeneralizan en rexeitamentos a gobernos que representan a restauración neoliberal.

 Doutra banda, o que sucede en Bolivia é unha especie de guerra hibrida, aínda que nese caso non actuou o Poder Xudicial, pero si as Forzas Armadas. É unha combinación de elementos novos e antigos. Novos porque os medios de comunicación foron determinantes para crear ese clima, facendo crer que o tema central era o cuarto mandato de Evo, iso malia que as condicións de vida dos bolivianos melloraran e seguían mellorando, e de que a avaliación do goberno de Evo Morales é moi favorábel. Pero os medios puxeron o foco nas condicións electorais.

 De todos os xeitos, agora vese que a dereita ten dificultades para ir a unhas eleccións e impoñer o modelo restaurador neoliberal. Vai ser a hora da verdade para discutir que é o que se fixo e que é o que a dereita pretende facer.

 O tema do neoliberalismo segue sendo central. Aínda que logra vitorias conxunturais, a dereita está en dificultades para consolidar o seu proxecto porque o neoliberalismo é incompatíbel coa democracia. Si hai democracia, a dereita perde.

 

[Entrevista tirada do sitio web arxentino Diario Contexto, do 12 de decembro de 2019]

 

Volver