Entrevista a Luciano Vasapollo: “A UE non xurdiu para garantir unha maior democracia para os pobos”

Fabrizio Verde - 24 Out 2018

A saída do euro é unha opción política máis que económica e pode ser un paso cara á solución dos graves desequilibrios estruturais das economías periféricas, que estes non son desequilibrios financeiros senón produtivos

- Despois do tráxico colapso da ponte Morandi en Xénova a palabra nacionalización volveu ao centro do debate político a pesar que durante moito tempo esta palabra parecía unha blasfemia. Cales son os obxectivos das forzas políticas que convocan a mobilización centrada na nacionalización do 20 de outubro en Roma?

 O obxectivo desta mobilización é o relanzamento dunha consigna e un programa a medio prazo: a nacionalización dos sectores estratéxicos de produción.

 A catástrofe do verán da ponte Morandi en Xénova situou o asunto na axenda política: quedou ao descuberto a auténtico desfeita social producida polas privatizacións, desinvestimentos, subcontratacións, recortes de activos industriais e de infraestruturas do noso país. Este proceso marcou o curso económico do capitalismo italiano durante polo menos os últimos 25 anos, provocando non só a desregulación do traballo e os dereitos sociais, senón tamén un empeoramento da cantidade e a calidade de servizos públicos esenciais.

 De feito, ao periodizar esta fase de reestruturación podemos fechar no goberno de Amato (1993) o inicio dunha longa serie de privatizacións que cambiaron a cara e a estrutura do capitalismo tricolor xunto coas relacións produtivas, económicas e regulatorias da empresa en Italia.

 Experimentamos unha fase completa da historia económica na que grupos financeiros como Société Générale, Rothschild, Crédit Suisse, JP Morgan, Goldman Sachs (é dicir, a cúpula dos poderes do capitalismo internacional) fixeron que “os bos e os malos tempos” canibalicen a industria produtiva italiana.

 Estes grandes poderes financeiros ditaron as condicións das estruturas produtivas italianas afectando directamente aos traballadores e impoñendo as pautas a seguir. Aínda que con enfoques diferenciados, estas imposicións foron aceptadas e aplicadas cinicamente por unha sucesión de diversos gobernos durante máis de dúas décadas.

 O obxectivo do capital internacional foi impoñer un escenario económico no que só se aplique a lóxica do beneficio custe o que custe, se abandone calquera obriga social, se renegue de calquera planificación que teña utilidade para a comunidade . Foi o tempo do triunfo do feroz tótem ultra-liberal da “centralidade do mercado”.

 Isto sucedeu nunha conxuntura política onde os procesos de centralización e concentración dos sectores máis fortes da burguesía continental (añiñados ao redor do núcleo duro da Unión Europea) favoreceron e impulsaron a dinámica do espolio, redución e degradación da nosa economía.

 Estes sectores lograron impoñer ao país unha depreciación xeral da forza laboral , do seu salario e da súa calidade profesional. Un proceso cientificamente planificado que foi funcional para a nova división do traballo e as súas cadeas de subministración, en toda a zona euro nun contexto obxectivo de competencia internacional entre bloques globais e poderes mundiais.

- Como chegamos a este punto?

 Cando coas nacionalizacións aumentaba a forza do movemento obreiro e se desenvolvía o estado de benestar, o gran capital nacional e transnacional, capitaneado por Estados Unidos, xogou en Italia a arma do terrorismo fascista.

 Italia viviu unha tempada de masacres impunes e intentos de golpe de Estado. Non hai capitalismo bo nin malo. O capitalismo utiliza os seus instrumentos de acordo coa conxuntura política. Cando o equilibrio de poder foi positivo para os traballadores, o capital tivo que conceder as nacionalizacións e o estado de benestar. Unha vez que o capital derrotou o movemento obreiro impúxose a “normalización do sistema” e elimináronse todas as conquistas de décadas de loita.

- Nese escenario, cal era o papel da Unión Europea?

 O papel da Unión Europea foi definido pola ortodoxia neoliberal. A UE non xurdiu para garantir unha maior democracia para os pobos. Isto está funcionando exactamente como foi concibido. A súa estrutura, que podemos definir como a “gaiola europea”, baséase en tratados que representan un sistema de goberno posdemocrático.

 De feito coa Unión Europea os estados membros renuncian á soberanía democrática e popular, destrúese paulatinamente o estado de benestar, privatízase os servizos públicos, e coa precarización aniquílase o dereito ao traballo que segundo o formula literalmente a nosa propia Constitución debería “crear unha vida digna para un e para a familia”.

 Os tratados da UE son completamente incompatíbeis cos principios que garanten a seguridade social, a saúde, a protección do ambiente e o dereito ao traballo. Estes tratados están baseados totalmente na libre competencia co famoso “equilibrio orzamentario” que establece o artigo 81.

 Esta formulación impide a realización de políticas económicas expansivas dirixidas ao ben público e social. O artigo e os tratados controlan os orzamentos nacionais, estimulan as ganancias privadas e eluden o investimento en infraestruturas . Unha das consecuencias foi a caída da ponte Morandi en Xénova.

 Estas políticas penalizaron aos países chamados despectivamente PIGS, que foron masacrados coa lóxica da débeda crediticia, reforzando deste xeito a suxeición dos países periféricos aos países do centro. A historia grega neste sentido é paradigmática.

- Enfrontámonos a un tema candente que con frecuencia se axita como un espantallo: debería Italia abandonar o euro?

 É necesario reiterar que o tema da saída do euro e da Unión Europea non se concibe dun xeito nacionalista, é dicir, dunha reacción nacionalista xenérica, impropia, inadecuada e prexudicial, senón que ten unha dimensión de clase. Trátase de crear unha subxectividade política capaz de sentar as bases para a transformación das actuais relacións de capital de traballo no polo imperialista europeo.

 A creación do euro estivo acompañada pola intensificación do mercado único e a división europea do traballo, o que levou a unha nova formación económica a escala europea. Na actualidade, o mercado común calcúlase nunha cuarta parte do PIB dos países europeos.

 Hoxe a especialización sectorial intra-europea atópase nunha fase de desindustrialización acelerada nos países periféricos. Aínda que este proceso aínda non se completou na zona euro existe unha posibilidade real de volver ás moedas nacionais. Esta medida se non vai acompañada de máis transformacións lonxe de representar a recuperación soberanía monetaria, podería ser só un acto simbólico pois as nosas economías seguirán dependendo da área de influencia do gran capital europeo.

 Se os países da periferia europea desexan recuperar o control sobre a actividade produtiva, só poderán facelo de xeito conxunto e mediante un proceso de ruptura co modelo de finanzas privado e cun espazo monetario propio e asimétrico.

 A saída do euro é unha opción política máis que económica e pode ser un paso cara á solución dos graves desequilibrios estruturais das economías periféricas, que estes non son desequilibrios financeiros senón produtivos: temos unha base industrial en devalo, unha enorme perda de man de obra e unha escandalosa concentración de riqueza e de patrimonio.

 O desafío político para saír do euro supera o grao de autonomía de calquera país danado polo pacto orixinal do euro. Só se poderá saír do euro de xeito conxunto e mediante un proceso de ruptura co modelo de finanzas privadas e o actual espazo monetario.

 Saír do euro propoñendo unha nova moeda para países con estruturas produtivas máis ou menos similares sería a única alternativa viábel; este modelo permitiría manter unha marxe de negociación coas institucións comunitarias e co Banco Central Europeo. O obxectivo será crear un novo bloque político, unha nova institución capaz de crear un modelo de acumulación favorábel aos traballadores.

- Así que hai vida máis aló do euro e da Unión Europea?

 Nese sentido, é particularmente importante, polas súas implicacións políticas e prácticas para as loitas populares e os movementos sociais. Cómpre a elaboración un Programa Alternativo ao actual Sistema. Para saír da UE, haberá que apoiar a creación dunha Área Euro-mediterránea.

 Desde a Plataforma Social Euro-Stop, acreditamos en que as loitas por lograr a nacionalización dos sectores estratéxicos da economía son un punto programático serio e constitutivo. É un paso para unha acumulación de forzas que estruture un novo movemento popular e obreiro capaz de aplicar outra economía e unha nova configuración xeopolítica dos pobos do Mediterráneo.

 Non teño medo de cruzar o límite do existente. Entón, construír a área Euro-mediterránea poderá desmantelar o medo a saltar na escuridade e debería impulsar a organización de redes unificadas contra a política da mala fe, que frecuentemente é a dos ignorantes.

 Para contrarrestar as ambicións neocoloniais actuais que producen miles e miles de inmigrantes é necesario un proxecto no que a autodeterminación dos pobos sexa a base dunha alianza internacionalista que non se negocia. É o internacionalismo dos pobos contra o globalismo burgués, un globalismo conformado por persoas que acusan sistematicamente o veciño máis pobre como a causa de todos os males.

- Para terminar, que pensa sobre o goberno actual italiano, que deu algúns pasos tímidos de descontinuidade co pasado?

 O goberno é moi contraditorio. Insinuou a nacionalización de sectores estratéxicos como Alitalia. Apoiamos estas nacionalizacións. Por esta razón, o sábado 20 estaremos nas rúas para presionar o goberno sobre este tema estratéxico para a economía italiana.

 Non nos importa se son de Di Maio ou do Movemento 5 Estrelas. Esiximos as nacionalizacións como unha medida necesaria para revivir o desenvolvemento económico de Italia e da súa poboación, que estivo sometida durante máis de vinte anos a un neoliberalismo desenfreado. Ademais, estamos a favor da anulación das restricións orzamentarias impostas por Bruxelas.

 Doutra banda, no goberno hai ministros reaccionarios aos que non lles importa as boas relacións internacionais. En primeiro lugar está a Liga coas súas políticas racistas e xenófobas.

 Outro exemplo é a participación do Ministro de Economía e Finanzas, Giovanni Tria, nunha reunión con outros 14 ministros de finanzas de varios países satélites en Washington convocada polo Secretario de Facenda dos Estados Unidos, Steven Terner Mnuchin, para discutir medidas contra Venezuela.

 Esta xuntanza foi unha inxerencia inaceptábel nos asuntos internos de Caracas. Giovanni Tria é a parte escura do goberno amarelo-verde que depende directamente do Presidente da República, Sergio Mattarella, quen está atacando un país soberano con grandes dificultades e que é vítima dunha guerra económica sen cuartel desenvolvida pola primeira potencia mundial.

 Finalmente, permítame dicir que este país non hai oposición. O PD é o primeiro culpábel de todas as leis privatizadoras e das concesións ás multinacionais promovidas polo demócrata Pierluigi Bersani. Tampouco os italianos esquecemos os criminais bombardeos levados a cabo contra Serbia cando Massimo D’Alema era xefe do goberno.

 Os líderes do Partido Democrático venderon e destruíron a esquerda italiana e abriron as portas do país á Troica. Non teñen conexión coa clase traballadora. Só responden aos intereses de certos sectores do capital internacional.

 Este é un país que actualmente non ten goberno nin oposición. A única oposición está nas rúas, nuns poucos medios de comunicación independentes, en sindicatos como USB, nos movementos sociais e en forzas como Poder para o pobo que intentan dar unha perspectiva de mudanza. Unha perspectiva que xunto con Euro-Stop sostén que coa saída do Euro e da OTAN hai que crear unha sorte de ALBA Euro-Mediterránea. Un proxecto de nacionalización, de desenvolvemento autocentrado e de democracia económica socialista.

 

[Entrevista tirada do sitio web Kritica, do 18 de outubro de 2018]