Entrevista a Miren Etxezarreta: “Non queren que o sistema público de pensións sexa viábel”

F. Hortas -

O sistema financeiro que está intentando buscar negocio por todos os recantos quere xestionar ese diñeiro. E para o xestionar ten que llo sacar ao Estado que é quen o xestiona agora. O obxectivo é absorber eses fondos para a xestión privada dese diñeiro, deses 110.000 ou 120.000 millóns de euros anuais

- Nas últimas semanas tres medidas acapararon a atención sobre as pensións. A ampliación a toda a vida laboral do período para calcular as pensións. A aprobación polo goberno dun decreto para que se poidan rescatar os plans de pensións privados aos 10 anos e a proposta do Círculo de Empresarios para subir a idade de xubilación aos 75 anos. Que lle suxiren estas medidas?, que podemos ver detrás delas?

 Coido que todo iso e moitas outras medidas hai que situalas no tema das pensións públicas en xeral. Para min o tema das pensións é de moita importancia non só polos pensionistas senón pola economía que hai detrás.

 O que quero dicir con isto é que fixarnos nestas pequenas medidas axúdanos a entender que algo está pasando, pero que o importante é entender realmente o que está pasando.

 Todo o tema das pensións vén desde hai moito tempo, non xorde agora coa crise, nin con que se terminou o fondo de pensións. Isto vén desde 1988 polo menos, e non só no Estado español; desde 1994 vén xa da man do Banco Mundial.

 Porque estas medidas, insisto, non son máis nada que indicadores do que queren facer co sistema de pensións. E por iso a min paréceme moito máis importante afondar no sistema de pensións en si mesmo que deternos nesas tres medidas, porque non indican máis nada que o que realmente queren: gastar cada vez menos diñeiro en pensións públicas e, por outra banda, estimular as pensións privadas.

 E para iso, por unha banda baixan as pensións públicas para que a xente se asuste e os que poden comecen a facer pensións privadas. E por outra, dan facilidades ás pensións privadas, como os dez anos para que poidan sacar o diñeiro, o que realmente rompe con todo o esquema do que é unha pensión.

 Son “golpes” para ir orientando a cidadanía que ten un pouco de capacidade de aforro cara ás pensións privadas. E para iso teñen que asustar dicindo que non hai diñeiro para as pensións, que teremos que traballar ata os 75 anos -que se cadra si que será verdade!- e que nos obrigarán a traballar até os 75 porque non se poderá vivir dunha pensión pública. Tal e como está formulado agora non hai ningún interese en que o sistema público sexa viábel.

 É o modelo de EEUU. Alí vas a un supermercado e hai señoras e señores moi maiores empaquetando os produtos nas bolsas por un salario mísero. Pois iso é o que pretenden para nós.

 É dicir, a dinámica é dobre. Asustarnos rebaixando as pensións públicas e dicindo que as van a rebaixar máis e, doutra banda, estimular as pensións privadas.

- Estamos pois ante un proxecto planificado?

Así é; o obxectivo márcano, fundamentalmente os grandes poderes financeiros, apoiados, sobre todo, polo Banco Mundial. O FMI ou a OCDE teñen un papel máis subordinado. Tamén é entusiastamente apoiado polos gobernos de todos os países occidentais que se din democráticos.

 No Estado español, desde 1988, en que se aprobou a primeira lei dos plans de pensións. Até esa data a xente que tiña diñeiro aforraba nunha conta ou nun seguro de vida, pero non era un plan de pensións. En 1988 dáse entrada á figura xurídica do plan de pensións. Entón non tiñamos enriba a crise económica.

 Realmente todo isto é un plan de moita máis envergadura e a proba é que pasa en todos os países do mundo occidental. O sistema financeiro global está detrás da crise das pensións.

- A nivel económico que interese hai detrás?

 O problema xorde de que hai moito diñeiro en pensións. A cada pensionista chégalle pouco, pero como somos moitos hai moito diñeiro en pensións, tanto no Estado español como en calquera outro país.

 O sistema financeiro que está intentando buscar negocio por todos os recantos quere xestionar ese diñeiro. E para o xestionar ten que llo sacar ao Estado que é quen o xestiona agora. O obxectivo é absorber eses fondos para a xestión privada dese diñeiro, deses 110.000 ou 120.000 millóns de euros anuais.

- Pódese abrir camiño este proxecto porque, como din, o sistema público é inviábel porque non hai diñeiro ou polo avellentamento da poboación?

 Todo iso non son máis que trolas. Non é verdade. Son verdades a medias, parciais que son peores que as mentiras. Porque son vistas desde un prisma específico. Teñen que dicir todas esas cousas para asustar a xente.

 Iso de que non hai diñeiro é falso. O diñeiro que hai no país ten que se repartir entre os que estamos no país. Se non hai diñeiro para as pensións depende de como se reparte. Porque imos ver: se se van pagar pensións privadas non é diñeiro do país tamén?

 Entón que quere dicir, que quen teña pensións xestionadas polo Estado non terá diñeiro pero os que teñan pensións xestionadas pola banca privada si terán diñeiro?

 É unha crise construída, unha crise elaborada. Tal como a formulan os medios de comunicación si que é unha crise porque a formulan desde unha óptica manipulada.

 Nin é verdade que non hai diñeiro, nin é verdade que hai demasiada xente, porque entón quere dicir que nos aconsellan o que dixo o ministro xaponés: “que morramos antes”. Que polo menos teñan o valor de dicilo.

 Se resulta que o Estado español, malia as crises, ten agora o dobre de produción ou máis que o ano 1977, e a poboación non aumentou máis que un 25%, por que non hai diñeiro? O que nos teriamos que preguntar é onde está o diñeiro.

- Vostede di que non hai un problema de pensións, que o que hai é interese porque o sistema público sexa inviábel.

 O diñeiro é o mesmo vaia ao Estado ou vaia ao banco que sexa. Por que se o xestiona o Estado non hai diñeiro -para as pensións- e se o xestiona a banca si?

 Todo iso demostra que a crise é unha crise manipulada. Que quero dicir con iso? Pois que parten dunhas premisas falsas, no sentido seguinte.

 Nestes momentos no Estado español as pensións páganse coas contribucións dos traballadores. É dicir, as pensións son só, insisto só, unha transferencia dos traballadores en activo aos traballadores en pasivo. Pero iso non ten por que ser así. Quen dixo que teña que ser así? Hai unha lei, pero as leis cámbianse.

 Todos os demais gastos do Estado se financian con impostos, pero as pensións non. Por que? Porque historicamente no Estado español se pagaron cos salarios dos traballadores en activo, coas contribucións, pero esa é unha premisa de partida que é cambiábel moi doadamente. E non se cambia porque non lles convén.

 En realidade as pensións pagámolas os traballadores sós, mentres que o sostemento dos anciáns tería que ser unha cuestión de todo o país, o mesmo que pagamos todos os demais gastos.

 Por exemplo quen paga o Exército ou a Casa Real, quen pagou o rescate bancario... Todo iso está a pagarse cos ingresos colectivos a través dos impostos.

As cotizacións son tamén impostos proporcionais.

 Resulta que neste país a riqueza que se xera -a distribución primaria- vai aproximadamente un 54%-56% ao capital e un 46%-48% ao traballo. Pero resulta que para manter as pensións só se quita do traballo.

 Abofé que isto é enormemente conveniente para o capital. Razón pola que nin se menciona que se poida cambiar. Persoalmente penso que as pensións se teñen que pagar coas cotizacións; e se non chegan, co fondo común que son os impostos.

 Claro que entón me dirás, e imos pagar aínda máis impostos?

 Non, o que hai que facer é unha reforma fiscal, e que os paguen os que non pagan impostos agora, que son as empresas.

- Unha reforma fiscal progresiva?

 Debería, pero mesmo co sistema de agora os impostos poderían pagar as pensións, porque estamos pagando moito diñeiro mesmo co sistema de agora para outras cousas. Por exemplo encargamos submarinos, facemos estradas, aeroportos, rescátase a banca, se todo iso se paga cos impostos de agora, por que as pensións non? O que falta para completar as cotizacións.

 É un problema de vontade política.

 Diñeiro hai, o que se produce no país. Agora, como se distribúe é a cuestión. O problema de fondo ese.

- Que pode agardar a xente nova se isto non se cambia?

 Só poden esperar pensións de miseria. Xa están baixando e teñen que baixar aínda máis porque o proxecto debe levarse adiante. Todas as estimacións que hai son de polo menos “aforrar” uns 4.000 millóns ao ano sobre o que hai agora... Mais é que se non melloran os salarios, se non melloran os contratos de traballo e non se queren utilizar os impostos cada día as pensións serán máis baixas. Iso xa pasou en Inglaterra por exemplo. Alí as pensións eran decentes, hoxe non pode vivir ninguén dunha pensión pública.

 Pero hai unha cousa que eu quero dicir tamén; as pensións non se gañaron sen loita social, gañáronse sempre a través das loitas dos traballadores. Cando os mozos din agora “non teremos pensións”, eu sempre contesto: depende de vós, do que esteades dispostos a loitar por elas.

 Esta ten que ser a mensaxe: loitemos polas pensións. Porque nunca houbo diñeiro para o gasto social, para escolas, a sanidade, para a dependencia. O que pasa é que as pensións, ademais, son moi bo negocio para o sector financeiro […]

 

 

[Entrevista tirada do sitio web DeVerdadDigital, do 22 de febreiro de 2018]

Volver