Entrevista a Miren Etxezarreta: “Os traballadores non deberían admitir a mochila austríaca”

Gessamí Forner - 28 Xan 2021

A mochila austríaca é moi negativa para as indemnizacións de despedimento e particularmente negativa para a privatización das pensións. E se o Estado garante o nominal das mochilas con garantías públicas é terribelmente escandaloso. É como poñer un raposo a coidar das galiñas

- Cal é a definición de mochila austríaca?

 É un modelo de cambio nas relacións laborais que se inicia en 2003 en Austria e que gozou do favor dalgúns partidos políticos españois e de asesores importantes do Estado. É un fondo que se establece para cada traballador asalariado en función do salario que ten e que se vai acumulando no tempo que está traballando nesa empresa, pero cando o traballador se vai da empresa, lévaa consigo, pode dispoñer dela ou levala á seguinte empresa. A mochila é un extrasalarial que o traballador acumula e que, ao final da súa vida laboral, se non a utilizou antes, queda con ela.

- Unha definición curta de mochila austríaca é que nós mesmas pagariamos a nosa propia liquidación e pensión?

 Depende moito de quen vaia financiar a mochila austríaca. No caso de Austria, finánciana as empresas, mais no Estado español non está definido se se pretende integrar nos convenios colectivos, é dicir, se o propio traballador vai pagar o seu propio despedimento, ou se o vai financiar a empresa.

- Soa mal.

 Supón un aumento de salario ou unha diminución de salario, segundo quen a financie. E no Estado español todo son proxectos, aínda non está definida.

- Vexamos entón que axentes están a presionar para que se instaure.

 Os partidos conservadores PP e Ciudadanos e unha parte importante do PSOE liderada por Nadia Calviño. Son tres partidos que teñen bastante forza. O BBVA definiu a mochila austríaca pero non se pronunciou; as fundaciónss Funcas e Fedesa, a escola de negocios IESE e algúns empresarios mostráronse partidarios.

- Non pinta ben.

Se me poño no papel de empresario, non podo imaxinar que os empresarios estean a favor de pagar un sobrecusto ao salario. No caso de Austria, é do 1,53% do salario bruto. Non creo que gusten da idea, polo que temo que pedirán unha rebaixa das cotizacións sociais, é dicir, unha privatización do estado de benestar.

- No libro lembras que, na lexislatura de Zapatero, o Goberno socialista propuña pactar unhas reformas cos sindicatos CCOO e UGT que “debían conter pezas chave para a transformación radical do mercado laboral” e que se crease un fondo de capitalización, coloquialmente chamado mochila austríaca.

 Máis claro, auga. Por iso hai que temer e hai que estar tan alerta co que vaia pasar, porque é o PSOE o que está no poder maioritariamente.

- A reforma laboral posterior do PP, de 2012, contentou o empresariado e aparcou a mochila austríaca?

Non me parece que a idea fose aparcada, senón que o PP deu prioridade a outros elementos, continuou incluíndoa nos seus programas electorais e estivo presente en certos ámbitos doutros partidos, como o acordo de Goberno frustrado entre PSOE e Ciudadanos de 2016.

 Cando oio o PSOE dicir que hai que ir aos poucos coa derrogación da reforma laboral para que outra lexislación entre en vigor, sinto pavor ao pensar que poidan aproveitar para introducir a mochila austríaca.

 O PSOE non se atreve de todo porque o outro partido no Goberno de coalición, Unidas Podemos, está en contra. Pero vendo as medidas do Pacto de Toledo, que están vinculadas á mochila austríaca, o PSOE está intentando ir nesa dirección.

- Que medidas?

O Pacto de Toledo, nas súas recomendacións, pide rebaixar as desgravacións fiscais que tiñan as pensións privadas individuais. Proponse que o máximo de 8.000 euros ao ano por contribuínte diminúa a 2.000, pero como contrapartida, introdúcese que as pensións privadas colectivas “de empresa”, que antes non tiñan desgravación, pasen a ter unha de até 10.000 euros ao ano. É unha forma moi descarada de potenciar as pensións privadas de empresa. Isto pon un forte peso nos sindicatos, xa que estas medidas se articulan a través dos convenios colectivos.

- Por que vinculas as recomendacións do Pacto de Toledo á mochila austríaca?

Porque se deseñas pensións colectivas privadas no Pacto de Toledo é máis fácil chegar logo a implantar a mochila. Aínda que isto dependerá da propaganda que se faga, claro. Dicindo que a mochila será do traballador e que a pode levar a un fondo de pensións privado pode soar atractivo, que é o que esperan, cando a min paréceme bastante negativo para os traballadores.

- Por que?

Porque conduce á privatización das pensións e a que as indemnizacións por despedimento desaparezan, xa que quedarían substituídas pola mochila austríaca. Realmente o que fan é crear un fondo para despedimentos.

- Eliminar as indemnizacións por despedimento no país do paro non soa precisamente favorecedor para a clase traballadora nin para as mulleres en particular.

Exacto. A mochila austríaca non diferencia despedimentos procedentes dos improcedentes. E as condicións do mercado laboral español e austríaco son radicalmente distintas. En Austria, a taxa do paro é de arredor do 4%, polo que copiar esa mochila para un país cun 17% de paro paréceme que carece de sentido. Vante despedir sen ter que explicar por que, un pouco tipo Estados Unidos, e vai parecer que levas un anaquiño de indemnización na mochila, pero volvo dicir que iso dependerá de como se financie a mochila. Se se financia a través do salario, o traballador financiará o seu propio despedimento.

- E aínda que as empresas financien a mochila como en Austria, ademais de eliminar a diferenza entre procedente e improcedente, abarataría o despedimento aínda máis que a reforma laboral de 2012?

É difícil precisar os aspectos que dependen de como se estableza a fórmula legal, mais o entusiasmo dos empresarios faime temer que é moi posíbel que o resultado final sexa o abaratamento do despedimento.

- A mochila austríaca é un plan de pensións privado obrigatorio?

Non. Tal e como está deseñada en Austria, cando acabas a túa vida laboral, se aínda che quedan fondos, levas o diñeiro e por el pagas un 6% de impostos, pero se o depositas nun fondo privado de pensións obtés unha exoneración de impostos. É un instrumento que fomenta as pensións privadas.

- Mochila austríaca soa moito mellor que fondo de capitalización.

É un termo máis coloquial e simpático, de cando vas ao monte e estás alegre. O publicista que o pensou fíxoo moi ben. Por iso me gustaría que os traballadores lean o libro ou esta entrevista, porque é importante a conciencia da cidadanía para que esteamos preparados, porque están planeando algo moi negativo para os traballadores.

- O SEPE e a Seguridade Social, xestionadas polos bancos.

 Quero pensar que as institucións públicas se manterán como públicas, pero cada vez son máis pobres e, aínda que se manteñan como institucións, cada vez están máis degradadas e cumprirán un papel menor. Debilitar as institucións públicas para expandir os entes privados é algo que a cidadanía deberiamos evitar, e traballar para facelas activas, eficientes e potentes.

- Como?

 Non o sei. A poboación debe mostrarse moi firme. Os pensionistas estano facendo moi ben. E é moi necesario salientar o papel dos sindicatos: só os sindicatos poden aceptar a mochila austríaca. Non creo que se impoña por decreto, e é aí onde se ten que dicir que non. E se din que si, os sindicatos serán responsábeis de impoñer unha medida que facilita o despedimento. En Austria non todos os traballadores tiñan dereito a indemnizacións, pero no Estado español todos os traballadores que están dentro da lexislación teñen dereito a unha indemnización. Separadamente, os despedimentos austríacos tampouco son comparábeis aos do Estado español debido, unha vez máis, á súa baixa taxa de paro.

- Nin comparábel cos soldos?

O salario medio de Austria é de 35.000 euros ao ano. Neste país está entre 24.000 e 27.000, pero moitos traballadores están por baixo da media. Son dúas situacións que non se poden comparar nin xustificar nin entender. Se eu poño o gorro de empresario, pregúntome: Por que teño que financiar un fondo a todos os traballadores aínda que non os despida? Iso é un aumento de salario? Iso é o que se vai a negociar no Estado español co nome dun bo publicista que lle chamou mochila austríaca.

- No teu libro citas tamén a temporalidade como outro trazo que non é comparable entre o Estado español e Austria.

 Aquí non hai un problema de inmobilidade laboral, que é o motivo polo que xustificaron a implantación en Austria. Porén, máis do 90% dos novos contratos son temporais e case un 60% non chegan sequera aos tres meses de duración. Nada que ver con Austria, país no cal insisto que practicamente non hai paro.

- O meu escepticismo impídeme fiarme dos sindicatos de concertación (CCOO e UGT) e apuntas que o rexeitamento debería ir da súa man?

 Si, supoño que a aceptación da mochila austríaca non a farán por decreto sen negociación previa. Se os sindicatos non a aceptan, non se fará. Aínda que tamén son moi escéptica acerca do que farán. Se o fixesen, aínda sería máis grave, pero o que pode pasar é que se leven a cabo medidas que conduzan cara á mochila e se presente como algo positivo.

- Se estamos a debater sobre fondos individuais, onde queda a solidariedade colectiva?

 Iso non conta na posmodernidade. Falar de solidariedade hoxe vese como unha aberración antiga. Todo o que vaia polo camiño da privatización é tirar a solidariedade pola borda, xa que nas privatizacións só che van dar o que a túa poñas previamente. Estanse degradando todos os valores colectivos que se desenvolveron noutras etapas e a solidariedade é un deles. Se esa é a sociedade á que imos, triste é.

- Trátase de reforzar as Entidades de Previsión Social Voluntaria (EPSV), algo que xa funciona no País Vasco e que impulsou o PNV xunto coas súas caixas bancarias amigas?

 Si, vai nesa dirección. Non é que se trate de reforzar esa entidades concretas, senón copialas no resto do Estado. Son unha fórmula máis de privatización das pensións, dígase o que se diga.

- Explica de novo por que a mochila austríaca é tan negativa para nós.

Porque nos engana acerca da nosa verdadeira situación. A mochila austríaca é moi negativa para as indemnizacións de despedimento e particularmente negativa para a privatización das pensións. E se o Estado garante o nominal das mochilas con garantías públicas, como sinalan algúns comentaristas, é terribelmente escandaloso. É como poñer un raposo a coidar das galiñas. Se son da Caixa ou do BBVA non me vou ter que preocupar do valor das pensións porque están aseguradas coa garantía do Estado. Os traballadores non deberían admitir a mochila austríaca. O máis importante é decatarnos e que hai detrás desa cousa que nos propoñen. Se a mochila está integrada no salario do traballador, no canto de reforzar a estabilidade, reforza a precariedade laboral.

- A mochila austríaca non chista nada.

 A mochila austríaca é unha mochila que ten pedras dentro, non a merenda para a excursión. Debemos facerlle fronte, remar xuntas neste barco.

- Gústame que escribistes un libro curto e fácil sobre un tema complexo.

 Xa nos gustaría que fose aínda máis sinxelo, pero mestúrase Austria por unha banda e diferentes propostas españolas por outro, e aínda non hai bibliografía crítica respecto diso.

- Esta situación é consecuencia do avance da dereita en Europa?

É unha medida máis que responde ao poder dunha dereita forte, que se manifesta na maioría de medidas de política económica desde os anos setenta. E da debilidade da esquerda. Enfrontarse á mochila é un aspecto máis que temos que facer a cidadanía en xeral e os traballadores en particular para que non vexamos deteriorarse aínda máis nosa situación.

 

[Entrevista tirada do sitio web El Salto, do 25 de xaneiro de 2021]