Entrevista a Noam Chomsky: “Non me sorprende para nada o que ocorre en Chile”

El Mostrador - 25 Out 2019

Desde a década de 1920, as principais figuras do neoliberalismo, Von Mises, Hayek e outros, acolleron con satisfacción a violencia estatal a gran escala para destruír os sindicatos e outras interferencias similares á "boa economía". Pinochet é un exemplo clarísimo disto

- Sorpréndelle o que está pasando en Chile?

 Non me sorprendente para nada o que ocorre en Chile. Estas son as consecuencias que eran perfectamente previsíbeis tras o asalto neoliberal á poboación nos últimos 40 anos, verificadas constantemente en todo o mundo. Nos Estados Unidos, por exemplo, o 0.1 por cento da poboación agora posúe máis do 20 por cento da riqueza, a metade da poboación ten un patrimonio neto negativo, os salarios reais son case os mesmos que hai 40 anos, por primeira vez nun século a mortalidade está aumentando, principalmente entre os brancos en idade laboral e un longo etcétera.

- O sistema económico chileno presentouse como unha fórmula exitosa en América Latina. Que tan ilusorio era?

 A ditadura de Pinochet proporcionou condicións experimentais perfectas para a aplicación dos principios neoliberais guiados polas principais figuras da doutrina. Foi un fracaso total. Contra 1982, a economía colapsou. O Estado tivo que intervir radicalmente. Os economistas internacionais chufáronse diso dicindo que era "o camiño de Chicago cara ao socialismo". Porén, os efectos perniciosos permaneceron e continuaron.

- Pero no caso chileno, malia seguir as receitas de Friedmann, non se privatizou Codelco.

 Os expertos de Chicago foron o suficientemente intelixentes como para se apartar do dogma no caso de Codelco, unha produtora de cobre estatal altamente eficiente e unha fonte importante, senón a principal, de ingresos para o Estado.

- Ese é o único caso en Chile. Como describe ese dogma?

 Margaret Thatcher expresou ben o dogma neoliberal: non hai sociedade, só individuos, sós para enfrontaren as devastadoras forzas do mercado. A solidariedade é un crime. É por iso polo que desde a década de 1920, as principais figuras do neoliberalismo, Von Mises, Hayek e outros, acolleron con satisfacción a violencia estatal a gran escala para destruír os sindicatos e outras interferencias similares á "boa economía". Pinochet é un exemplo clarísimo disto.

- O neoliberalismo supón que o dereito á propiedade é superior ao dereito á vida, pero de onde vén a carraxe que explodiu en Chile?

 Como comentei, o neoliberalismo foi fundado por Von Mises e outros en Viena, na década de 1920. É unha versión particularmente salvaxe do capitalismo. Gañou poder con Reagan e Thatcher, con efectos devastadores en gran parte do mundo. Esa é a razón básica da carraxe, o resentimento e o desprezo polas institucións políticas que están varrendo gran parte do mundo, creando oportunidades para os demagogos de ultradereita como Trump, Bolsonaro, Orban, Salvini e outros que buscan desviar a ira xustificada cara a chibos expiatorios, como inmigrantes, negros, musulmáns, etcétera. Unha táctica milenaria, con graves consecuencias.

 

[Entrevista tirada do sitio web chileno El Mostrador, do 24 de outubro de 2019]