Entrevista a Samir Amin: “A liberación nacional transformou o mundo para mellor”

Laia Altarriba e Joan Palomès -

A construción europea é unha construción neoliberal que non se pode reformar, unha construción deseñada para dar o poder íntegra, exclusivamente e totalmente á oligarquía financeira. Faría falta desconstruír a Unión Europea para poder reconstruír máis tarde outra Europa

- 200 anos despois do nacemento de Marx, por que continúa sendo de interese relelo e aprender del?

 O máis importante de Marx é que descubriu o que é esencial do funcionamento do capitalismo, que non é unicamente o modo de produción capitalista, senón que alcanza a sociedade en todas as súas dimensións. A especificidade do modo de produción capitalista é que o traballador vende a súa forza de traballo e, ao mesmo tempo, é vítima da ideoloxía dominante desta sociedade, que é a da clase dominante. E isto é o que descubriu Marx; só se pode comprender que é o capitalismo se se entende isto.

- Que máis achegou Marx de fundamental que continúe a nos axudar hoxe en día a entender o mundo onde vivimos?

 O outro elemento esencial que fai que Marx continúe sendo referente imprescindíbel é que comprendeu e explicou que o capitalismo ten tendencia á mundialización. Na súa expansión mundial, o capitalismo é polarizador por natureza, no sentido que xera enormes desigualdades entre centro e periferia. Esta dinámica forma parte da súa natura intrínseca e foise polarizando durante todas as etapas da súa historia: desde o mercantilismo derivado da conquista de América ata o capitalismo industrial do século XVIII, tamén na colonización da África e do sueste asiático. Evidentemente, a forma de relación desigual entre o centro histórico imperialista e a periferia dominada foi cambiante coa evolución do capitalismo, tomou formas diferentes.

- E cal é a forma actual?

 Actualmente hai o que eu denomino imperialismo colectivo da tríade. Refírome ao imperialismo comandado polos Estados Unidos e que integra Europa (mediante a construción europea), a OTAN e o Xapón (a través do Tratado de San Francisco e acordos posteriores). Esta tríade continúa a presionar e quere controlar o mundo enteiro. Se sumamos os habitantes da India, China, o sueste asiático, o mundo árabe, África, América Latina e o Caribe, temos que a periferia representa hoxe o 85% da poboación mundial. A mundialización controlada por esta tríade non se entende como unha relación entre os diversos pobos, nin como unha intensificación das relacións comerciais de mercadorías: é tamén, e sobre todo, unha mundialización baseada na intervención permanente dos EUA (á fronte da OTAN) sobre o mundo enteiro, xa sexa a través da guerra ou da ameaza de intervención.

- Vostede coñeceu intelectuais implicados nas loitas antiimperialistas das Antillas como Frantz Fanon ou Aimé Césaire, que complementaron o discurso de Marx coa perspectiva anticolonial.

 Si, coñecinos os dous e téñolles moito respecto. Os dous estiveron moi próximos ao comunismo marxista, pero tomaron certa distancia porque facían fincapé, de xeito lexítimo e xustificado, na importancia da loita pola liberación nacional, posto que para os pobos dominados era a condición para avanzar socialmente.

- Que balance fai dos movementos de liberación nacional, tendo en conta que moitos acabaron derivando en gobernos autoritarios?

 Sabedes que? A liberación nacional transformou o mundo. E fíxoo para mellor. Malia que a maioría de réximes xurdidos a partir da liberación nacional foron terríbeis cos seus pobos, aqueles movementos significaron unha transformación social progresista. Non o denomino socialista, nin radical, senón sinxelamente progresista.

- Mais hainos que cometeron crimes atroces contra a súa poboación...

 Si, e tanto. Poñereivos un exemplo: cando se produciu a independencia do Congo Belga en 1960, só había nove congoleses que cursaran estudos superiores. Nove: seis relixiosos e tres civís, entre avogados e médicos.

 Trinta anos despois, o réxime de Mobutu era un dos máis terríbeis, non só do África senón do mundo, mais había dous millóns de habitantes que estudaran na universidade. Así pois, o réxime máis terríbel xurdido da liberación nacional fíxoo mil veces mellor que a fermosa colonización anterior. Isto non se ten que esquecer. Eu estou nunha idade en que coñecín moitos países da África antes da descolonización. E foi horríbel, horríbel. O mundo actual e as xeracións novas non o viron. Non podemos imaxinar o que se chegou a facer nunha cincuentena de anos.

- Vostede tamén coñeceu os movementos laicos de inspiración socialista tan potentes que estiveron no poder na Oriente Medio: Nasser ou o Partido Baas en Iraq e Siria. Pero todo este movemento, que representou unha gran esperanza en toda a zona, acabouse derrubando.

 Os réximes que denomino nacional-populares realizaron xestas inmensas, pero tiñan os seus límites. O primeiro de todos foi que non querían asociar a clase popular á transformación. Eran réximes que se fixeron polo pobo pero sen o pobo, e isto comportou unha despolititzación entre o mesmo pobo, cousa que xerou un baleiro que o islam político tivo a capacidade de encher. E é por iso que se derrubaron.

- Se nos situamos na actualidade, vemos que en Europa e noutros puntos do planeta a mundialización está ligada a un auxe do autoritarismo. Vemos a forza de movementos como a ultradereita en Hungría, Macron e Le Pen en Francia, a UKIP na Gran Bretaña, Berlusconi e o Movemento 5 Estrelas en Italia e o populismo de Ciudadanos no Estado español, entre outros.

 Isto non ten que sorprender. A construción europea é unha construción neoliberal que non se pode reformar. Faría falta desconstruir a Unión Europea para poder reconstruír máis tarde outra Europa.

 Eu non son un antieuropeo culturalista; admiro as culturas de Europa. Mais o que se fixo é unha construción deseñada para dar o poder íntegra, exclusivamente e totalmente á oligarquía financeira. Deuse á propiedade privada un carácter sacrosanto que pasa diante de todas as liberdades. E isto significa que calquera forma de democracia, como a liberdade individual, os dereitos humanos e os dereitos das mulleres, son subalternos e están nun segundo lugar en comparanza co de propiedade. Sobre todo a propiedade dos grandes monopolios, é dicir, a propiedade do monopolio financeiro que domina o sistema actual. Vivimos nun sistema autoritario.

- Non é esaxerada esta afirmación?

 Non é, non. O poder do gran capital en Europa é un sistema totalitario, que podemos cualificar de soft porque non nos piden que desfilemos pola rúa co brazo levantado, pero é totalitario no sentido de que o gran monopolio financeiro non só controla toda a economía senón que captou o poder político. E reduciu todos os partidos políticos históricos -da dereita e da esquerda- a unha servidume ligada ao neoliberalismo. Este poder tamén captou todos os medios de comunicación dominantes, que foron transformados nun tipo de clero ao servizo da aristocracia financeira, tal como facía o clero que coñecestes en España e que estaba ao servizo da monarquía e da aristocracia españolas.

- Como nos afecta, á vida cotiá, todo este escenario que debuxa?

 Este sistema, a través dos medios e outros mecanismos, forma os individuos para que crean que son libres e independentes, malia que á vez aceptan un estatus de traballadores subalternos e explotados dun xeito feroz. E isto explica o éxito neofascista: é un sistema de pensamento único que repite sen cesar que non hai alternativa, mais en realidade sempre hai alternativas.

- Mais as esquerdas clásicas europeas perderon moita credibilidade ante a clase traballadora.

 Infelizmente, a esquerda europea histórica, é dicir, por unha banda, socialdemócratas -que noutro momento eran realmente socialdemócratas-, e da outra, os comunistas -que foron comunistas noutro tempo- capitularon e convertéronse ao que se denomina social-liberais. Isto é unha contradición en si mesmo: non se pode ser socialista e liberal á vez porque o liberalismo é, na teoría e na práctica, a dominación do capital, mentres que o socialismo tería que traballar para limitar o poder do capital e, mesmo, ir máis lonxe.

- Cales terían que ser as prioridades das esquerdas que non derivaron cara a estas políticas social-liberais?

 O que lle falta á esquerda europea potencialmente radical é aceptar unha perspectiva de nacionalización do gran monopolio financeiro. Non falo de nacionalizar as pequenas empresas, senón de nacionalizar o gran monopolio. E o seguinte pasaría por socializar a xestión das empresas nacionalizadas.

- Vostede escribiu que actualmente a descomposición caótica do sistema capitalista pode abrir o camiño a unha oportunidade para avanzar cara a unha situación revolucionaria. É máis ben un desexo ou realmente considera que hai as condicións materiais porque isto pase?

 As condicións materiais están. Os movementos de loita social intensifícanse en todo o mundo, mais son movementos fragmentados. A meirande parte destas loitas son perfectamente lexítimas: sobre os dereitos das mulleres, os dereitos ecolóxicos, os dereitos democráticos, os dereitos sociais á xubilación, os dereitos laborais, etc. Pero hai que pasar desta fase á reconstrución do que denomino unha internacional, unha organización que conecte os diversos movementos e que sexa capaz de fixar obxectivos estratéxicos comúns.

- Como se tería que construír esta nova organización internacional?

 Eu non a considero unha repetición da Segunda ou a Terceira Internacional, senón un espazo de unión da diversidade. Un espazo onde haxa respecto polas diferenzas entre fontes ideolóxicas, formas de organización e formas de loita. O que é importante é que sexa capaz de fixar obxectivos comúns.

- Como entronca esta proposta coa da Primeira Internacional, en que precisamente participou Marx?

 Precisamente, inspírase na internacional que Marx construíu, que recoñecía a lexitimidade da diversidade de organizacións de loita contra o sistema da época. Aí, por exemplo, traballaron conxuntamente os anarquistas e os revolucionarios franceses herdeiros dos xacobinos. Cando Marx escribiu o Manifesto comunista o 1847 xa dixo que os comunistas non eran os únicos representantes da clase obreira e que se tiñan que unir co resto de organizacións xurdidas desta clase.

- Mais, despois de Marx, dentro do marxismo houbo moitas diverxencias sobre a interpretación dos seus textos, e isto foi en detrimento da unidade na loita.

 A nova internacional que propoño ten que aceptar a independencia das organizacións que a conformen, pero con tal de que estas sexan organizacións de loita efectiva e non simplemente foros de discusión e debate.

 

[Entrevista tirada do sitio web catalán Diari Jornada, do 5 de maio de 2018]

Volver