Entrevista Julio Gambina: «Hai condicións para unha integración latinoamericana alternativa, non subordinada»

Mario Hernandez - 06 Nov 2020

O neokeynesianismo nin o monetarismo son solución para os pobos. Estamos nunha encrucillada de tipo civilizatorio que require un debate en profundidade, e, non queda outra que xerar acumulacións de forza social e de políticas para transformar a realidade, en Arxentina, en América Latina e no mundo

- Comecemos pola situación internacional, coido que se produciron dous acontecementos moi importantes en Latinoamérica, as eleccións en Chile e Bolivia. Gustaría de coñecer a túa visión deses dous feitos.

 O de Chile xera moitas expectativas como hai un ano a revolta popular en outubro. Porque o plebiscito foi consecuencia daquela revolta popular xuvenil. Que empezou polo tema do incremento do prezo do transporte, pero despois foise á crítica cara ás AFP, ao pinochetismo presente na Constitución, ao réxime neoliberal. Foi unha crítica en Chile, e así foi lida en todo o mundo, como unha crítica ao país, ao territorio onde xurdiron as políticas neoliberais.

 Hoxe calquera fala de neoliberalismo, mesmo coa imprecisión que ten a categoría ‘neoliberal’ porque non é nin nova, nin liberal. Pero máis aló diso, o neoliberalismo, as políticas monetaristas ortodoxas, o credo de Milton Friedman, afianzouse en Chile en 1973 e nas ditaduras militares do Cono Sur e, polo tanto, o reinado como corrente económica principal en todo o mundo, do monetarismo ortodoxo, Milton Friedman e o neoliberalismo, consolidouse en Chile coa ditadura militar de Pinochet.

 Por iso, o ano pasado desenvolveuse esa protesta xuvenil que aparecía por unha reivindicación mínima do billete de transporte estudantil, xeneralizouse como unha expectativa crítica á orde neoliberal e, polo tanto, á forma hexemónica que tomou o capitalismo no último medio século. Iso terminouse de consolidar o domingo 25, consolidar en certo sentido, porque é unha votación que maioritariamente indica que hai que reformar a Constitución.

 Agora ábrese unha nova etapa sobre como vai ser ese debate pola nova Constitución, cales son as forzas políticas que o van a conformar, pero diríache que, a escala mundial, a revolta de hai un ano e a votación do domingo en Chile mostra un punto de crise daquilo que empezou en 1973 que hoxe é hexemónico e que expresa a corrente principal en teoría e política económica en todo o mundo.

 Eu animaríame a dicir que se amosa en Chile o que se expresa hoxe como guerra comercial entre os EUA e China sobre os límites que ten a política estadounidense e as incertezas que hai polas eleccións nos EUA. Iso haberá que poñelo na análise tamén.

 O de Bolivia tamén é para sacarlle punta ao lapis da análise. Porque o ano pasado en outubro levouse adiante un golpe deste novo tipo que hai, aínda que tiña elementos de forzas policiais e de seguridade armadas que interviñeron, non é unha característica dos golpes tradicionais das décadas dos anos 30/50/60/70 de América Latina e o Caribe. É unha especie de golpe máis agudo que outros, pero curiosamente despois dun triunfo nas eleccións de Evo Morales que o situaba nun período de goberno máis.

 Agora quedou demostrado que as eleccións se gañaron, pero non de xeito contundente. E dalgún xeito a elección do 2019 amosou o triunfo de Evo Morales, pero ao mesmo tempo certas reticencias en ámbitos sociais que un ano despois se reverten de xeito moi importante.

 O dato non é só o episodio electoral senón a revolta popular, a organización popular social, a consolidación de acumulación política de moitos factores, non só do movemento indígexa orixinario campesiño, do movemento social, senón unha acumulación política que se expresa e condensa na fórmula.

 Hai que pensar que Luis Arce e David Choquehuanca son dous ex ministros de Evo Morales e Álvaro García Linera. Lucho Arce, o home máis visíbel da política económica dos 13 anos do goberno de Evo Morales, aínda que durante dous anos non foi ministro por razóns de saúde, atendeuse en Brasil. Pero desde o comezo e no final do goberno de Evo Morales Luis Arce foi ministro de Economía e foi multipremiado na rexión e no mundo e moito se explicou que o ordenamento das contas macroeconómicas, a diminución da pobreza, o impacto económico social favorábel de crecemento económico, distribución do ingreso e alento e desenvolvemento a políticas estratéxicas sobre a base da nacionalización e recuperación da renda dos recursos naturais é un tema substancial e adxudícanllo a Luis Arce, o presidente electo e que esta semana toma posesión da presidencia de Bolivia.

 E David Choquehuanca un dirixente indíxena orixinario campesiño que foi Chanceler dun goberno que moito tivo que ver coa nova dinámica da integración latinoamericana na primeira década do século XXI. Hai que lembrar que en Bolivia se fixo a Cimeira dos pobos sobre a terra, despois de que se conmemorase en Brasil a Cimeira da terra. Tras a Cimeira da terra, 500 anos despois da chegada de Cristovo Colón, ou sexa 1992, veu a Cimeira popular da terra en Cochabamba e Bolivia transformouse nun foro de obxectivos e mira de movementos sociais e populares en todo o mundo, no debate do aproveitamento dos recursos naturais, da crítica aos extractivismos, co cal Bolivia demostrou en moi pouco tempo, a un ano desde o golpe de outubro de 2019 até este triunfo electoral do 18 de outubro do 2020, que hai capacidade de recomposición e que había unha acumulación no movemento popular boliviano. Algo que se poñía en discusión.

 E é un triunfo inesperado a todo nivel. Nin a fórmula ganadora nin a coalición ganadora esperaban un 55% de apoios. O que demostra que hai unha acumulación de poder popular xigantesca. Haberá que ver agora cales son as condicións que se xeran unha vez que tome posesións o goberno en Bolivia.

 E aí dígoche, unha das expectativas e debates que hai en función da situación da economía mundial, da situación da economía de América Latina, hai expectativas de que se recreen condicións para unha integración de tipo alternativa, non subordinada. Porque é moito o que avanzou a política de agresión estadounidense na rexión, non só contra Cuba e Venezuela, senón subordinando os países da rexión á política exterior estadounidense que agora se pon en discusión tamén co resultado electoral nos EUA.

 E quizais o triunfo tan contundente de Bolivia, poida poñer de novo a Bolivia como un árbitro de regulación política na rexión que recree o UNASUR, a CELAC, onde ademais dos actores tradicionais que crearon eses instrumentos no seu momento, agora engadiríase México. Quedaría fóra Brasil que é un ariete da política agresiva estadounidense na conxuntura. Pero paréceme que o resultado electoral chileno e o boliviano interveñen na conxuntura dun xeito moi importante. Sobre todo, porque os datos da realidade son moi graves.

 O FMI acaba de publicar un informe onde di que hai preocupación polo avance do coronavirus en todo o mundo, iso vese claro na recesión que hai en Europa. Segue sendo EUA o máis afectado en termos absolutos, pero o FMI di que hai que ter coidado porque América Latina e o Caribe teñen un chisco máis do 8% da poboación mundial, mais o 30% dos infectados, un 28% de afectados pola covid e en materia de mortes ten o 34% con datos a fins de setembro.

 E desde o punto de vista do impacto económico dunha crise que a covid suma á recesión que viña de antes en moitos países e que para o caso de Arxentina é dramático, cunha profunda crise recesiva do 2018-2019 e agora o 2020 cun goberno que di que vai caer 12,1% no Proxecto de orzamento. O FMI di que Arxentina vai caer un 11,8% en 2020, pero di que Sudamérica vai caer moito máis que toda América Latina e o Caribe, o problema está sobre todo en Sudamérica e Arxentina está no epicentro disto, obviamente arrastra a situación venezolana, pero a situación económica da rexión latinoamericana é moi crúa no marco da urxencia sanitaria e económica derivada da covid e que vén de antes.

 É máis, di o informe do FMI que o impacto disto é o crecemento da pobreza e do desemprego. O desemprego crece en todo o mundo, nos países desenvolvidos a un ritmo do 20% e hai países de América latina como Perú onde o desemprego crece ao 40%. Entón a situación de América Latina é realmente dramática, estamos nunha encrucillada onde non só é importante analizar o que aconteceu o domingo 25 de outubro e o anterior, senón que hai que ver o contexto social, económico político da nosa América e require pensarse como se supera esta situación. Iso leva a debates moi importantes. Casualmente agora en Arxentina e a propósito do debate polo dólar, da discusión co FMI, hai algúns que imaxinan que o tema da Arxentina se pode resolver cun pacto de goberno, un pacto social, político e económico.

- Acábao de sinalar Cristina na súa carta. É posíbel facer un pacto con quen se negan a tratar aos delincuentes de Vicentín como tales?

 Por iso o sinalo, porque no plano mundial os Demócratas dos EUA tamén están propugnando que a solución da crise mundial é un pacto económico, algúns falan dun pacto verde, un pacto pola ecoloxía e sempre que promoven un pacto o tema é que son entre sectores sociais económicos e sociais que están nas antípodas.

 A pregunta é se é posíbel pactar cos que fixeron retroceder a estratexia de intervención, expropiación e constitución dunha empresa testemuña para cambiar o modelo do agronegocio en Vicentín, ou máis aló do debate intra-familia que hai en Entrerríos co clan Echevehere, a defensa da propiedade privada de Echevehere en confrontación co proxecto Artigas. É posíbel un pacto aí? Ou mesmo, o que se demorou a consideración, aprobación do imposto ás grandes fortunas, chamado ‘aforro solidario’.

 O que hai na Arxentina é que o sector de maior poder económico, incluso vendo os 15 millóns de pobres, aínda vendo esa situación hai unha pechada defensa da propiedade privada que é a base da concentración dos ingresos e da riqueza na Arxentina. Daquela a pregunta é, é posíbel facer un pacto con quen se nega a tratar os delincuentes de Vicentín como tales? os que intentan frear procesos de distribución da terra para que millóns de empobrecidos poidan intentar un proceso de desenvolvemento produtivo e de distribución que resolva unha mínima satisfacción de calidade de vida? É posíbel un pacto con aqueles que renegan dunha achega solidaria ou un imposto ás grandes fortunas por única vez? Digo isto ao mesmo tempo que no Estado español se está a aprobar que as grandes fortunas paguen, ou nos Estados Unidos e Gran Bretaña haxa unha corrente de millonarios que din que este é un momento de acrecentar a tributación dos que máis teñen porque ven a grave situación civilizatoria xerada a escala global.

 Por iso digo que o de Chile e o de Bolivia entra nun debate que máis que económico é político, sobre como ten que se organizar cada un dos nosos países. Fíxate no debate ou non debate sobre o FMI. Está claro que o empréstito que outorgou o FMI en 2018 foi para favorecer a campaña electoral de Cambiemos. E perderon. Polo tanto, é un empréstito obxectábel politicamente, economicamente e, porén, está nun proceso de negociación e hai rumores de que se estaría negociando para que o FMI desembolse todo o que non desembolsou, ou unha parte do que non desembolsou para avanzar na solución dos problemas.

 Mesmo, a emisión de cinco novos títulos para coller débeda, un dos cales está vinculado á evolución da divisa, que canalizou débeda por 1.660 millóns de dólares. E a pregunta é até cando a Arxentina vai seguir con esta dinámica de endebedamento para pagar vellas débedas. Porque boa parte da licitación do 27 de outubro foi para pagar vencementos de letras diversas que asumiu o Estado co propio Estado. Parte do recadado hoxe vai cancelar anticipos do Banco Central, para mostrar que a Arxentina ten capacidade de financiamento. Arxentina este ano dilapidou recursos de reservas internacionais que son necesarios para promover outro rumbo civilizatorio, outra política económica.

 A depreciación que hai e a que se demanda é un mecanismo de axuste para mellorar a rendibilidade e os ingresos dos sectores máis concentrados da economía

- Mesmo o ditame respecto do Orzamento, supón pagamentos de xuros de débeda polo 1.5% do PIB.

 Pero o máis grave é o que se fixo este ano, pagáronse no primeiro trimestre 3.200 millóns de dólares de débeda pública mais o capital privado utilizou preto de 7.000 millóns de dólares favorecidos polo BC onde o capital privado cancelou anticipadamente débeda, que en moitos casos é coas súas propias casas matrices, aproveitando este imaxinario de dólar barato que explica a presión para que haxa unha forte depreciación e toda depreciación é un tremendo axuste para a maioría da poboación.

 Pensemos en como evolucionou o dólar respecto da economía e do salario e é nesa orde, o que máis medrou desde o 10 de decembro cando tomou posesión o novo goberno, ou desde o 1° de xaneiro, foi o dólar oficial e nin sequera estou falando dos dólares paralelos. O oficial actualizouse por riba dos prezos medios que mide o INDEC e, por suposto, por riba dos salarios. Queda claro que a depreciación que hai e a que se demanda é un mecanismo de axuste para mellorar a rendibilidade e os ingresos dos sectores máis concentrados da economía.

 Por iso os problemas de América Latina, e do mundo son económicos si, pero son políticos porque requiren discutirse dun xeito diferenciado. Por iso, volvendo ao principio, se ante a crise dos 70 o capitalismo saíu con monetarismo ortodoxo, a esta altura un pode discutir que o keynesianimo non resolveu a maioría dos problemas da sociedade dos 70 e non hai ningunha dúbida, xa case medio século de hexemonía do monetarismo, que é do que máis falan nos medios os personaxes máis consultados sobre estes temas na Arxentina, ou os anarcocapitalistas, todos eses personaxes; está claro que o neokeynesianismo nin o monetarismo, ou como queiras chamalos, son solución para os pobos. Estamos nunha encrucillada de tipo civilizatorio que require un debate en profundidade.

 Se este é o clima mundial e o impacto en Arxentina é este, non queda outra que xerar acumulacións de forza social e de políticas para transformar a realidade. En Arxentina, en América Latina e no mundo. Bolivia e Chile demóstrannos que as cousas se poden mudar. Iso require dun proceso de acumulación moi forte. Porque o de Chile tamén hai que ser consciente de cantas décadas, cantos gobernos ‘elixidos’ por consensos electorais pasaron e se mantiveron coa Constitución pinochetista. É como moitas veces falamos de canto pasou desde 1983 que volveron os réximes constitucionais e aínda temos vixente a Lei de identidades financeiras de 1977 de Martínez de Hoz. A resposta segue sendo política, económica e política. Non se pode pensar a economía fóra da política nin ao revés [...]

 

[Entrevista tirada do sitio web Rebelión, do 6 de novembro de 2010]