• Nova

Eólica así non! mobilizarase no Parlamento, sob o lema “non imos calar!”, o 23 de marzo

Denuncian trabas para acceder aos expedientes administrativos dos proxectos eólicos
Nacional - 15 Mar 2022

Máis de 175 entidades e colectivos de toda Galiza que conforman a Coordinadora “Eólica Así Non” convocan para o mércores, 23 de marzo, ás 12:00 horas, unha concentración diante do Parlamento de Galiza e da Valedora do Pobo, para denunciar o recorte de dereitos democráticos, promovido polo goberno da Xunta, para facilitar a autorización de proxectos eólicos e favorecer ás eléctricas.

Ao berro de “Non imos calar!”, entidades ecoloxistas, veciñais, sociais, culturais, sindicais ou de afectados/as, queren denunciar con esta mobilización as trabas e dificultades ás que se vén sometidas por parte das administracións públicas para acceder, con tempo e na debida forma, á información relativa aos expedientes de proxectos eólicos, para presentar alegacións nos rexistros públicos ou para participar en condicións de igualdade nos órganos consultivos e na planificación enerxética do país. Unha mala praxe administrativa que está obrigando aos cidadáns e cidadás galegas a recorrer sistematicamente ao amparo da Valedora do Pobo, -institución á que tamén se pretende interpelar a través desta mobilización-, para defender os seus dereitos.

“Leis de depredación” para facilitar o espolio

Desde a Coordinadora Eólica Así Non acusan ao presidente da Xunta, Núñez Feijóo de abusar da súa maioría absoluta para promover reformas legais que son “auténticos golpes de estado” contra os dereitos democráticos de información e participación públicas.

Nese sentido denuncian que a sociedade galega está a sufrir máis que nunca as repercusións da aprobación da “Lei de fomento da implantación de inciativas empresariais” de 2017 e a “Lei de simplificación administrativa” de 2021. Os feitos corroboran que as chamadas “leis de depredación” foron concibidas polo goberno do PP para eliminar garantías ambientais, facilitar a expropiación de terras, privatizar os recusos públicos e poñer obstáculos á contestación social.

Ambas normas, tramitadas pola vía da urxencia e sen sometemento á exposición pública, sitúan á sociedade galega nunha posición de absoluta indefensión e discriminación fronte as promotoras de proxectos agresivos co territorio, unha indefensión que se está a facer especialmente patente diante da actual invasión eólica.

A Xustiza acredita o déficit democrático da Xunta

O déficit democrático que a sociedade galega está sufrindo nesta vaga eólica xa foi acreditado pola Xustiza. Recentemente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia considerou contrario a dereito o recorte de prazos de consulta pública impulsado pola Xunta de Feijóo para alegar aos estudos de impacto ambiental. O fallo reprende á administración galega por vulnerar dúas directivas europeas e a lei de avaliación ambiental. Con todo, a Xunta aínda non dispuxo ningunha medida de reparación legal sobre os numerosos procedementos de consulta pública recurtados en prazo e relativos a proxectos eólicos denominados de “interese especial”.

Tamén resulta significativo que, en tan só en dous anos, a Xustiza teña anulado xa tres proxectos eólicos aprobados polo actual goberno da Xunta, que foron denunciados pola cidadanía diante dos tribunais. Trástase do parque eólico Serra do Oribio, anulado ser aprobado irregularmente nunha zona de Rede Natura e contar cunha DIA obsoleta; o repotenciamento do parque eólico de Corme, por incumprir o procedemento legal de consulta pública; e o parque eólico Sasdónigas Fase I e Fase II, por ter sido obxecto de fragmentación ilegal.

A imposición do veto e da discrecionalidade

Ao tempo, a Xunta segue a actuar con total discrecionalidade á hora de autorizar parques eólicos, arrogándose o dereito de aprobar proxectos fóra das áreas de desenvolvemento eólico (ADE) establecidas no plan sectorial ou saltándose a suposta moratoria eólica que teoricamente está vixente desde inicios de ano. Estas prácticas abusivas poñen de relevancia a falta de garantías legais coas que o goberno galego está a tramitar e a autorizar novos proxectos eólicos.

Por outra banda, denuncian a exclusión da sociedade galega dos órganos de consulta. O pasado ano, a Xunta vetou a participación das entidades ecoloxistas no Observatorio da Eólica Mariña e censurou someter a votación a moratoria eólica proposta polas organizacións ecoloxistas e sindicais no último Consello Galego de Medio Ambiente.

Concentración reivindicativa e denuncia na Comisión Europea

Diante desta situación, a Coordinadora Eólica Así Non convoca e anima a toda a sociedade galega a manifestarse o vindeiro mércores, 23 de marzo, ás 12 horas, diante do Parlamento Galego, para instar ao goberno da Xunta a derrogar as “leis de depredación” e promover unha moratoria eólica real e efectiva que procure o antes posible a elaboración dunha planificación racional do sector, participada pola sociedade, e que atenda ás necesidades da transición ecolóxica fundamentándose en criterios de aforro, eficiencia, autoconsumo e xestión pública da enerxía.

A este respecto lembran ás administracións públicas que a participación cidadá nun estado democrático non se debe limitar aos períodos de exposición pública de proxectos ou aso procesos electorais. “Tamén temos dereito a participar no deseño e elaboración de leis e dos instrumentos de planificación”, conclúen.

Por iso a Coordinadora anuncia que presentará unha denuncia diante da Comisión Europea contra a administración galega pola vulneración das directivas europeas relativas ao dereito de información e participación pública en materia de medio ambiente.