"Eólica, así non" convoca mobilizacións o 11 de decembro por unha moratoria eólica real e efectiva
Representantes de "Eólica, así non" compareceron esta mañá en rolda de prensa para anunciar a convocatoria dunha gran xornada de mobilizacións en máis de 20 concellos fronte a actual invasión eólica. As protestas coinciden coa conmemoración do Día mundial das montañas o vindeiro sábado, 11 de decembro, e a Coordinadora, apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galiza, escolleu esta data polo seu carácter especialmente simbólico na loita social contra a vaga eólica colonial que está a sufrir o noso país.
As mobilizacións desenvolveranse baixo o lema “Na defensa das montañas. Eólica, así non", xa que, como se explicou na comparecencia, "as montañas galegas son as principais vítimas desta aloucada e caótica vaga eólica que estamos a vivir". Pois constitúen os lugares preferentes polas promotoras para colocar os seus megaproxectos, despoxándoas practicamente de todos os seus valores e funcións de carácter ambiental, paisaxístico, cultural e socioeconómico "para pasaren a ser meros polígonos industriais ao servizo exclusivo do oligopolio eléctrico".
Lembrouse que os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación no país, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, que se suman aos 186 proxectos xa en funcionamento, terían un impacto singular e irreparábel no conxunto de montañas, picos, petoutos, cumios, cordilleiras, serras, macizos, montes e outros tipos de elevacións naturais nos que se prevén implantar, incluso, poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país.
Por unha moratoria inmediata e real
N súa intervención, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, salientou que con estas mobilizacións quérese reclamar unha moratoria inmediata e real fronte a falsa moratoria do PP. Criticou que dende o primeiro chamamento que se fixo en Compostela o pasado 5 de xuño, "nin a administración galega nin a estatal fixeron nada para frear esta vaga e só estiveron a facilitar con regulación e con financiamento esta invasión eólica".
Hoxe en día, salientou, xa son máis de 300 os megaproxectos eólicos que están en tramitación, e que en total proxectan 10.000MW de potencia, o que equivalería ao 43% do obxectivo en potencia eólica para o 2030 en todo o Estado español.
Xunto a isto, Carril incidiu en que Galiza exporta unha media de máis do 30% da electricidade que produce, "sen que isto sirva para que tiremos proveito no abaratamento da tarifa da luz, nin para a industrialización, nin para a actividade económica ou para facer real o dereito universal ao acceso á enerxía de todas as persoas para o seu benestar".
Neste senso, indicou que o 70% da enerxía eléctrica que se produce en Galiza procede de fontes renovábeis, e que 8 de cada 10 concellos xa teñen unha instalación de xeración de electricidade (sen contar as que están en marcha). "Con esta moratoria os gobernos o que fan é facilitar que siga quedando en mans dos oligopolios eléctricos o futuro do noso territorio", advertiu.
Engadiu o secretario xeral da CIG que a mal chamada moratoria eólica anunciada polo goberno pretende "confundir e desmobilizar". "Queremos denunciar a falsidade desta moratoria que só afectaría a aqueles proxectos que iniciaran a súa tramitación a partir do ano 2022, polo que non paralizaría os máis de 300 que están actualmente en tramitación". Ademais, do mesmo xeito que aconteceu coa moratoria do eucalipto, a falsa moratoria eólica do PP podería estar provocando un efecto chamada, e animando as promotoras a iniciar a tramitación dun maior número de proxectos antes de que remate o ano.
Puxo o acento en que os colectivos e organizacións que fan parte desta plataforma "estamos a favor das enerxías renovábeis, necesarias para afrontar a loita contra o cambio climático e para superar o actual modelo enerxético". Deste xeito, defendeu que unha moratoria eficaz dos proxectos esixe que haxa unha reformulación radical no modelo enerxético, fundamentado na soberanía enerxética, no fomento do aforro e na eficiencia, no autoconsumo, na xestión pública dos recursos e que a enerxía se poña ao servizo do pobo e non a favor do capital e dos oligopolios que representan as empresas eléctricas.
Mobilización descentralizada por comarcas ou zonas de afectación
O vindeiro 11 de decembro, Día das Montañas, a coordinadora “Eólica Así Non” promoverá unha mobilización descentralizada por áreas xeográficas especialmente afectadas pola actual vaga eólica, desta volta, co obxectivo de dar especial visibilidade ás plataformas e colectivos da veciñanza que viven nos territorios máis directamente afectados por esta enxurrada incesante de proxectos eólicos.
Así pois, realizaranse concentracións como mínimo en 22 enclaves repartidos nas catro provincias galegas, situados nas seguintes localidades: Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol, Mazaricos (provincia A Coruña); Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba (provincia de Lugo); A Lama, Bueu, Cerdedo, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces (provincia de Pontevedra); Castro Caldelas e Laza (provincia de Ourense).
A meirande parte dos actos de mobilización terán formato de concentración reivindicativa na que se lerá o manifesto “Eólica Así Non”, e nalgúns casos, como o de Bembibre, Cerdedo, A Lama, Mazaricos, Ferrol, Antas de Ulla ou Gondomar, prevense subidas ao monte ou percorridos a pé a modo de manifestación. Algunhas das convocatorias previstas acollerán outros actos complementarios como recitais poéticos, chocolatadas, magostos, performance ou palestras.
A mobilización “Na Defensa das Montañas. Eólica Así Non” estará secundada por máis de 170 colectivos, plataformas e entidades galegas de carácter ecoloxista, veciñal, social, cultural, sindical ou político, que forman parte da coordinadora “Eólica Así Non”.
As montañas, as máis prexudicadas pola actual vaga eólica
Na comparecencia destacouse que a rede de montañas galega abastece a meirande parte da demanda de auga e alimentos do país e está conformada por verdadeiros santuarios de biodiversidade, que aínda preservan endemismos e hábitats de especial interese para a súa conservación na loita contra o quecemento global, como poden ser as brañas, lagoas, bosques húmidos, turbeiras.... Tamén son o refuxio de especies de flora e fauna singulares, dos grandes mamíferos ameazados ou en perigo de extinción, de aves, morcegos e outras especies que son garante do equilibro ecolóxico de Galiza.
As montañas representan as nacentes dos ríos e regos dos que nos abastecemos de auga, ofrecendo o 80% dos recursos hídricos que consumimos,e proporcionando outros múltiples e variados servizos ecosistémicos como o control da erosión do solo, a regulación atmosférica, a paisaxe, reservorio do noso patrimonio cultural, etc. Polo tanto, a actual vaga eólica estaría poñendo nun risco extremo a preservación duns ecosistemas, os de montaña, que son fundamentais para a vida.
Na Galiza, caracterizada por unha grande dispersión poboacional e unha forte identidade rural, as montañas son tamén fogar e medio de vida dunha boa parte da poboación galega, a miúdo esquecida e especialmente indefensa ante o asoballamento das empresas especuladoras da enerxía que ademais contan coa conivencia das administracións públicas.