‘Eólica Así non’ denuncia o desamparo do Consello Xeral do Poder Xudicial e da presidencia do TSXG ante o traslado masivo de preitos

A Coordinadora presentara unha queixa tras a decisión de mover a outra sección os asuntos relativos a proxectos eólicos
Nacional - 16 Out 2026

A Coordinadora ‘Eólica Así Non denuncia a falta de amparo e desaire amosados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) ante a queixa presentada perante este organismo contra a decisión arbitraria e inxustificada da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), Azucena Recio, de trasladar de sección xudicial todos os preitos relativos a proxectos eólicos e a liñas de evacuación. Esta decisión prodúcese despois de xa ter ordenado o traslado forzoso a outra sección dalgúns dos maxistrados que fallaron a favor da paralización cautelar de polígonos eólicos.

Varias das entidades e colectivos que conforman a Coordinadora galega ‘Eólica Así Non’, entre as que se atopa a CIG, acudiron o pasado mes de abril ao amparo do Consello Xeral do Poder Xudicial para que adoptara medidas que protexeran as entidades litigantes afectadas do funcionamento aparentemente arbitrario e irregular do tribunal, ao entender que os traslados de xuíces e de procedementos de sección estarían vulnerando o dereito a xuíz predeterminado por lei e as vixentes normas de reparto de competencias entre seccións.

En resposta á queixa dos colectivos e plataformas afectadas, o CXPX manifesta que “non ten competencia” para intervir naquelas reclamacións baseadas en “discrepancias ou desacordos co decidido polos órganos de goberno no desenvolvemento das súas funcións relativas a cuestións que deban ser substanciadas polo correspondente curso legal” e suxírelle aos colectivos recorrentes que acudan aos Servizos de Orientación Xurídica ou a equipos xurídicos privados para defender os seus dereitos e intereses lexítimos.

O Consello Xeral do Poder Xudicial, máximo órgano responsábel na vixilancia do bo funcionamento dos tribunais e xulgados do Estado, desenténdese así das súas funcións e “pasa a pataca quente” a outras instancias xudiciais, cando foi a propia presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG a que remitiu ás entidades litigantes a presentar recurso contra as súas decisións diante do CXPX, conforme ao artigo 59 do Acordo do 26 de xullo de 2000, do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial.

A mesma queixa foi tamén presentada diante do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG), Ignacio Picatoste Sueiras, quen até o momento se mantén en silencio.

Un traslado inédito, ilegal e que satisfai as pretensión da Xunta e da patronal eólica

Despois de apartar da Sección Terceira (competente en materia de industria) do Contencioso do TSXG os xuíces Luis Villares e Dolores López, a nova presidenta de Sala ordenou o traslado masivo e en bloque de centos de preitos e recursos xudiciais en curso relativos a proxectos eólicos á Sección Segunda da Sala do Contencioso (competente en materia de medio ambiente). Este traslado masivo altera o tribunal predeterminado que debe resolver sobre a legalidade destes proxectos, unha situación inusual e sen precedente na historia democrática do país que deriva nun novo e importante conflito xurídico, por canto se produce sen teren mudado previamente as normas de reparto de competencias entre seccións, aprobada en 2023 e ratificada ese mesmo ano polo Consello Xeral do Poder Xudicial.

Tamén se produce nun contexto de profunda inseguridade xurídica e nun momento delicado e controvertido, pois a grande maioría dos recursos contra parques eólicos atópanse na fase final do procedemento xudicial, á agarda do fallo ou sentenza por parte do TSXG.

Ante esta inusual situación, a Coordinadora ‘Eólica Así Non’ denuncia os efectos que esta redistribución masiva de preitos provoca na vulneración dos dereitos das entidades litigantes, as cales non só se ven privadas do seu dereito fundamental á tutela xudicial efectiva e ao xuíz predeterminado por lei, senón que agora tamén, ante a pasividade do órgano de goberno da xudicatura, se ven obrigadas a interpoñer os correspondentes recursos contencioso administrativos contra os cambios de sección, con todas as consecuencias económicas e sociais que iso comporta, e que podería disuadir a moitas destas entidades de continuar coa contenda xudicial.

Situación que, a mais abastanza, se verá agravada polo segundo outorgamento de autorizacións a proxectos eólicos con autorizacións cautelarmente paralizadas, como a do Parque Eólico Paxareiras II, de hai uns días, práctica inédita nun estado civilizado e propia dun estado corrupto, que en Galiza é posíbel grazas a unha modificación da Lei eólica promovida polo Partido Popular.

Neste contexto, ‘Eólica Así Non’ lémbralle ao Consello Xeral do Poder Xudicial e á presidencia do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza que as plataformas veciñais de persoas afectadas pola eólica ou as organizacións sociais que están a recorrer as autorizacións de proxectos eólicos en sede xudicial por seren contrarias a dereito, son entidades sen ánimo de lucro que defenden intereses colectivos e públicos, fronte a unha administración totalmente entregada aos intereses do capital privado e que só procura o beneficio lucrativo das eólicas.

Asemade, ínstase á presidencia do TSXG a dar resposta diante da denuncia de ‘Eólica Así Non’ polo traslado inxustificado, inédito e irregular dos preitos eólicos contra o estabelecido nas vixentes normas de reparto, o que beneficia claramente unha das partes litigantes en detrimento da outra, e pon en risco a credibilidade, obxectividade e independencia do propio tribunal.

Chama a atención que tanto a Xunta de Galiza como a patronal eólica se gaben publicamente de que estes cambios no seo interno do TSXG contentan amplamente as súas pretensións e vaticinan que servirán para “desbloquear” a paralización de proxectos eólicos en sede xudicial. De feito, a Xunta xa tiña reclamado anteriormente a inhibición da Sección Terceira nos asuntos eólicos a favor da Sección Segunda, obtendo daquela a negativa ás súas pretensión por iren en contra das vixentes normas de reparto.

Polo tanto, a recente orde de traslado dos preitos eólicos a outra sección executouse por parte da nova presidenta da Sala do Contencioso-Administrativo sabendo que estaba a contrariar o criterio da Sección Terceira e a satisfacer as pretensións da Xunta en detrimento dos intereses e dereitos da outra parte do conflito, a constituída polas organizacións ecoloxistas, comunidades de montes veciñais e plataformas de persoas afectados por proxectos eólicos.

Os colectivos da Coordinadora ‘Eólica Así Non’ manifestan que non se renderán ante o intento descarado da Xunta de desgastar o movemento social contra a invasión eólica, tanto no ámbito administrativo como no xudicial, e anima a sociedade galega a mobilizarse diante desta nova ofensiva.