EPA: As horas extras non pagadas superan as pagadas

Clodomiro Montero M. -

Para o movemento sindical sempre foi difícil abordar o debate sobre as horas extraordinarias, xa que en moitos sectores foron e son unha parte substancial dos salarios. Pero non é menos certo que noutros existiu unha bolsa de fraude que foi crecendo dende o estoupido da crise e nomeadamente dende as reformas laborais.

É moi difícil poder coñecer o número de horas extraordinarias non pagadas nin compensadas, xa que a falta de rexistro permite como moito realizar estimacións. Con todo e malia quedaren moi curtas as estatísticas oficiais da EPA, elaboradas polo INE, demostran que se antes da crise o número das horas extras pagadas superaba o das non pagadas, na actualidade virou a situación. Certo que hai sectores nos que sempre foi un mal endémico nomeadamente nas pequenas empresas, pero tamén nas grandes coma na banca. Pero hoxe como recolle a propia EPA é un fenómeno global que afecta a todas as actividades empresariais.

Segundo a EPA dende o estoupido da crise foise incrementando progresivamente o número de horas extraordinarias non pagadas e no ano 2012 (coincidindo coa reforma laboral do PP) por primeira vez as non pagadas superaron as pagadas. No ano 2015, un 56% das horas extras non son pagadas, cotizadas á Seguridade Social, nin se tributa por elas.

O medo a perder o posto de traballo e as reducións de persoal nas empresas co conseguinte incremento das cargas de traballo, nun marco de reformas laborais e represivas que minguaron o poder sindical, explicaría que milleiros de persoas traballen de balde.

As horas extras non pagadas contribúen a precarizar as condicións laborais, á desvalorización salarial e imposibilitan a conciliación da vida laboral e a persoal. Nunha sociedade machista, na que os roles familiares recaen máis sobre as mulleres, a situación é máis grave para elas.

No mundo do traballo hai unha preocupación evidente sobre este fenómeno, o mesmo que pola necesidade de racionalizar os horarios. A aposta pola flexibilidade horaria realizada por CCOO e UGT no Acordo Estatal de Negociación Colectiva é nefasta.

A propia lexislación restrinxe as ferramentas sindicais para combatelas, quedando basicamente o recurso ás denuncias nas Inspeccións de Traballo. Pero moitas veces o papel das Inspeccións de Traballo é de clara colaboración coas empresas, cando ademais a estas lles resulta máis barato pagar as posibles sancións que pagar as horas.

No sector da banca a CIG ten posto en marcha unha nova campaña que inclúe conflitos colectivos contra entidades financeiras. Entendemos que de conformidade co artigo 35.5 as empresas teñen a obriga de establecer sistemas de rexistro da xornada efectiva; e aválanos a cada vez máis abondosa xurisprudencia neste senso. O primeiro xuízo na Audiencia Nacional será o 17 de febreiro.

Os empresarios saben utilizar os medios de comunicación para crear estados de opinión para tratar de xustificar reformas contra a clase traballadora. Moitas veces se fala do suposto absentismo laboral para incrementar o poder das Mutuas (que son agrupacións empresariais) sobre as baixas por enfermidade. Pero nunca se fala das horas que os traballadores e traballadoras regalan ás empresas, cando menos teremos que facelo nós.

Xa está ben de traballar menos persoas e máis horas; a necesidade de racionalizar os horarios recucindo a xornada laboral é urxente e imprescindible para loitar contra o desemprego. Para iso é preciso derrogar a reforma laboral do PP e a do PSOE, e debe dotarse aos sindicatos de máis ferramentas para abordar o seu traballo comezando pola derrogación da Lei Mordaza e o artigo 315.3 do Código Penal.

 

[16 de febreiro de 2016]

Volver