Esixen a Correos que incorpore o persoal necesario para evitar que se repita "a situación de caos" das pasadas eleccións

Comité e xunta de persoal da Coruña denuncian que a contratación "é insuficiente e precaria"
A Coruña - 16 Mai 2019

O comité de empresa e a xunta de persoal de Correos na provincia da Coruña alertan da falta de traballadoras/es necesarias/os para levar adiante a xestión do voto por correo e o reparto da propaganda electoral e que, por esta razón, se volverá repetir a situación de caos vivida nas pasadas eleccións xerais. Dende os órganos de representación denuncian que a contratación para esta campaña está a ser totalmente insuficiente e precaria e insta á dirección de Correos na provincia "a efectuar inmediatamente os contratos necesarios para levar a cabo o servizo coa calidade esixida, evitando os atrasos e as colas de vividas nas eleccións de abril".

O reforzo para toda a provincia é de 23 contratos a tempo completo e 20 a tempo parcial. E destes, só dúas persoas para reforzar a atención á clientela"

Explican que o número de contratos de reforzo de Correos para toda a provincia é de 23 contratos a tempo completo e 20 a tempo parcial con xornadas de 4 horas, e destes unicamente 2 persoas para reforzar o servizo de Atención ao/á Cliente. "O cadro de persoal de Correos neste ámbito é de 1500 persoas, o que supón que o persoal unicamente aumenta nun escaso e insuficiente 2% ante unha campaña electoral que chega a quintuplicar a carga de traballo diaria de calquera repartidor/a".

Responsabilizan á dirección dos previsíbeis inconvenientes que se poidan producir:  atrasos en recibir a documentación electoral e as colas nas oficinas para votar. Tal e como aconteceu hai escasas semanas "tendo no último momento a Xunta Electoral Central que instar e obrigar a Correos a abrir todas as unidades de atención ao cliente o 18 de abril e obrigando tamén a Correos a abrir as unidades até as 24:00 do 26 de abril, algo que desde este comité e aunta de persoal entendemos que podería terse evitado".

Subliñan tamén que durante a última campaña, o resto do servizo postal universal sufriu un grave deterioro con retrasos e paralización da correspondencia non electoral, retrasos e incumprimento de prazos de entrega de notificacións, etc., por mor da sobrecarga de traballo do persoal de reparto. "Todo indica que esta situación, se a dirección non pon remedio, se repetirá nesta campaña".

Para evitalo, a representación social reivindica á dirección de Correos que reforce o servizo de reparto e especialmente de atención ao cliente e que reforce convenientemente, onde existan, as unidades de Servizos Especiais, encargadas de levar a documentación para votar por Correos aos domicilios.

Incumprimento "grave e reiterado" das condición de traballo

A causa da sobrecarga de traballo, moito persoal está acudindo aos centros postais fóra das horas laborais habituais"

Denuncian tamén que a causa da sobrecarga de traballo, hai moitos empregados e empregadas que están acudindo aos centros postais fóra das horas laborais habituais. "Desde o comité queremos rexeitar e denunciar esta práctica consentida, cando non directamente promovida, pola dirección de Correos baixo a ameaza de ter que repartir o traballo habitual para poder levar a escasa compensación económica que se recibe por cada obxecto postal repartido. Compensación que apenas ten mudado desde hai 20 anos, situándose nos 0.0063 euros por cada envío".

O persoal, obrigado a traballar sen os descansos preceptivos

Xunto a isto, denuncian que a dirección, "improvisadamente e sen aviso previo", obrigará (de non encontrar persoal voluntario abondo) a traballar os días 17, 18 e 19 de maio. "Medidas que desde este comité achacamos tamén ao alto grado de improvisación da dirección e que inciden de xeito moi negativo na saúde do persoal; medida que entendemos que roza a ilegalidade é que e produto, unha vez máis, da mesquindade e a falta de previsión desta da dirección de esta sociedade estatal".