‘España’: a democracia imposíbel

Antoni Soy - 21 Out 2021

Son os titulares do poder franquista os que tiveron a iniciativa sobre o tipo de democracia que sairía da Transición, os que definiron o marco normativo polo exercicio do dereito ao sufraxio para as primeiras eleccións

 

 España non é unha democracia e menos unha democracia plena. Pola forma como se fixo a Transición do franquismo á chamada democracia española. Non houbo unha ruptura coa ditadura e a Constitución é ríxida e practicamente irreformábel. É filla da reforma do franquismo e, como dicía hai pouco Albert Noguera, a cultura política autoritaria impúxose, de forma crecente, á cultura política democrática, mesmo cos gobernos, como o actual, supostamente de “esquerdas”.

 As últimas semanas houbo un debate sobre a Transición entre intelectuais españois. Por unha banda, Ignacio Sánchez-Cuenca defende que os valores da Transición non son conxunturais. A aspiración a unha democracia inclusiva e integradora tería que ser permanente. Habería que esperar que as elites daquel momento concluísen que a mellor defensa do seu legado consiste en reformalo e poñelo ao día. Mais optaron para situárense á contra, nun españolismo pasado de moda e un anoxo constante”. Polo tanto, reclama ás elites que recuperen os valores fundacionais da Transición -que segundo el, abriron un amplo espazo que non se utilizou do mellor xeito posíbel-, cousa que considera máis xusta e máis eficaz que impugnar o modelo da transición do que, pensa, a sociedade ten unha visión positiva (sic).

 En cambio, Amador Fernández-Savater considera que o problema deste “reformismo” de Sánchez-Cuenca é que non abre ningún debate que poña en cuestión as limitacións profundas da democracia española e que non ten ningunha forza para superar a inercia de moitos anos do relato do “consenso”, que converteu o réxime do 78 (incluída a Constitución) nunha relixión, no único xeito posíbel de evitar o “caos” e o retorno no “estado de guerra entre españois”. Dito coas súas palabras, “a cultura da Transición non deixou nunca de estar ‘anoxada’”, sempre gardou unha ameaza por baixo do seu sorriso. Pero agora, cando o seu relato de prosperidade e harmonía cae polo seu peso, xa só sabe estar anoxada... A cultura da Transición está baseada no que di que quere superar:(...) a ameaza como estratexia política e o medo como base da convivencia. É unha saída cara a dentro do labirinto español. Tense que empezar desde outra banda”.

 Xa hai uns cantos anos que o constitucionalista Javier Pérez Royo nos explicou as limitacións e imperfeccións do proceso de Transición que fan que a chamada democracia española sexa inviábel, imposíbel. Para comezar, o sistema de partidos españois ten unha orixe preconstitucional, posto que se configurou como resultado dunhas eleccións (15-6-1977) baseadas nun “bloque normativo non constitucional” en relación co dereito de participación política. É dicir, o dereito constitutivo da igualdade constitucional e que identifica e valida a democracia como forma política. É con este sistema de partidos co que se elaborou a Constitución, a cal aprobou un “bloque normativo da constitucionalidade” que “reproduce esencialmente, sen ningunha desviación salientábel, “o bloque normativo preconstitucional'”. Neste último bloque normativo só había a Lei da Reforma Política, aprobada polas últimas Cortes franquistas, e o Decreto Lei de Normas Electorais de marzo 1977. Non había ningunha Lei de Partidos, polo tanto os partidos non se presentaron ás primeiras eleccións exercendo o seu dereito a facelo, senón que foi o Goberno o que permitiu, ou non, que puidesen participar.

 E serán as Cortes que saian destas eleccións as que fan e aproban a Constitución e tamén a Lei de Partidos (que curiosamente é preconstitucional porque se aprobou antes de que a Constitución fose aprobada en referendo, se publicase e entrase en vigor). En definitiva, son os titulares do poder franquista os que tiveron a iniciativa sobre o tipo de democracia que sairía da transición, os que aprobaron a Lei de Reforma Política e o DL de Normas Electorais e, polo tanto, os que definiron o marco normativo polo exercicio do dereito ao sufraxio para as primeiras eleccións.

 Doutra banda, como sinala Pérez Royo, a Transición é orixinalmente, e en primeiro lugar, unha operación para estabilizar e consolidar a restauración da monarquía. Unha restauración que se produciu en 1947, coa Lei (franquista) de “Sucesión na Xefatura do Estado”. Así pois, restauración da monarquía e “bloque normativo preconstitucional” ían da man: a monarquía necesitaba unhas Cortes Xerais escolleitas por sufraxio universal, mais a composición destas Cortes tiña que garantir que non se poñería en cuestión a restauración monárquica. Polo tanto, sufraxio universal que garantise a continuidade monárquica (de raíz franquista).

 Isto foi posíbel mediante dous mecanismos: primeiro, a aceptación desta condición por parte dos partidos tradicionalmente antifranquistas a cambio de que os deixasen participar nas primeiras eleccións; segundo, “unha desviación calculada do principio de igualdade do dereito ao sufraxio, é dicir, un recoñecemento só parcial do principio de lexitimación democrática”, que permitise uns resultados electorais que non puxesen en cuestión a monarquía. Esta foi a función do “bloque normativo preconstitucional” (no artigo 2 da Lei da Reforma Política “o sufraxio é universal, directo e secreto”, pero non se di en ningún momento que sexa “igual”), o que os partidos tradicionalmente antifranquistas, de dereitas e de esquerdas, aceptaron, con algunha excepción, sen protestar.

 O xeito de facelo, por parte das últimas Cortes franquistas (mediante a Disposición Transitoria Primeira da Lei de Reforma Política, e aínda máis no DL de Normas electorais), era separando de xeito estatístico moi significativo o número de escanos de cada circunscrición electoral (a provincia) do número de habitantes desta, co cal o valor do voto ás diferentes circunscricións variaba moito: estaba sobrevalorado as de pouca poboación e minusvalorado as de máis poboación. Isto no caso do Congreso de Deputados, porque o Senado, co mesmo número de senadores en cada provincia e con senadores de designación real, estaba fóra de calquera principio de constitucionalidade. E o “bloque normativo preconstitucional” conseguiu os obxectivos que tiña nas primeiras eleccións celebradas despois da morte de Franco.

 Mais a cousa non acaba aquí. Este sistema electoral, que parecía provisional e propio do “bloque normativo preconstitucional”, foi adoptado, practicamente sen discusión, polo “bloque normativo constitucional”. De feito, as Cortes constituíntes limitáronse a facer súas a composición e o sistema electoral previstos polas Cortes franquistas, antidemocráticas e anticonstitucionais; neste disparate, respecto ao dereito de participación política, baseouse a construción do “bloque normativo constitucional”. En concreto, foi o Grupo Parlamentario Socialista, intermediando Gregorio Peces Barba, que participaba na Comisión Constitucional, quen suxeriu o redactado do artigo 68 da Constitución sobre o Congreso dos Deputados que se aprobou. A Constitución convertíase basicamente en bipartidista, facendo lexítimo, pois, o que inicialmente fora unha proposta dun goberno non constitucional nin democrático a unhas Cortes franquistas, nin constitucionais nin democráticas, para iniciar a Transición.

 Evidentemente, este sistema favorecía o PSOE para se converter no partido de “esquerdas” dun sistema basicamente bipartidista. Aínda peor é o caso do Senado: as Cortes constituíntes fan seu o que dicía a Lei de Reforma Política preconstitucional de catro senadores por provincia máis os que propoñerán as CCAA. Con isto conseguíanse dúas cousas á vez: reforzábase o bipartidismo e impedíase que se puidese constituír un estado federal. Ao definir as Cortes Xerais da “democracia” española sempre se privilexia o territorio por riba da poboación e en concreto a provincia -a única que non ten lexitimación democrática directa- sobre o resto das entidades territoriais. Iso fai que a Constitución sexa explicitamente antifederal. En definitiva, pois, segundo Pérez Royo, a Transición deu lugar a unha “democracia” moi deficitaria, monárquica (de raíz franquista), bipartidista e antifederal.

 

[Artigo tirado do sitio web La Directa, do 20 de outubro de 2021]