España é un mito

Fermín Paz Lamigueiro - 10 Xun 2020

A oportunidade histórica da moribunda ditadura non foi aproveitada e, de novo, o mito fundacional daquela España quedou blindado na Constitución española. A nación de nacións, debuxada no devandito texto e que logo foi sancionada por un referendo daquel xeito, é a mellor demostración disto

"Ser sincero non é dicir todo o que pensas, senón non dicir nunca o contrario do que pensas" (André Maurois)

 O significado da verba de procedencia grega mythos (“conto”) terma da miña conclusión da cabeceira. E, como todo mito, di Lévi-Strauss, precisa dunha historia. Dificilmente os feitos desa historia podo consideralos marabillosos e con protagonistas extraordinarios. No estudo da documentación dos acontecementos atoparemos sobre todo guerras, loita polo poder, anexión de territorios e imposición á forza de crenzas e ideoloxías. Só farei uns pequenos apuntamentos demostrativos.

 Precisamos recuar no tempo máis de cinco séculos para atopar algunha evidencia do nacemento do mito fundacional de España. Os Reis Católicos, naquel contexto, pode que pensasen anexionar e gobernar os territorios diversos da Península Ibérica como un espazo de cristiandade, pero aínda así mantiveron por separado as Cortes de Castela e Aragón; ou sexa, que, no mellor dos casos, só ían tras a unidade relixiosa e, aínda así, tiveron que empregar a forza; e non calquera: a da Inquisición. Na Galiza o proceso coñecido como “doma e castración" foi un marco de uniformización e centralización da coroa castelá, polo que o territorio galego ( Reino, daquela) pasa a ser unha simple provincia que fica subordinada ás decisións que se toman fóra do seu territorio. Tamén a nobreza galega do momento foi reducida até o seu completo sometemento e mesmo desaparición, sendo substituída por unha nobreza foránea.

 O acordo entre os Reis Católicos e Cristóbal Colón ten para min a consideración dun contrato entre un poder “altruísta” e un mercenario “patriota” que se foi ofrecendo ao mellor pagador, indo de Portugal a Francia antes de asinar as Capitulacións de Santa Fe cun forte contido mercantil, sen referencias ás cuestións relixiosas, aínda que ninguén dubida do obxectivo de impoñer unha fe naquela viaxe. No devandito documento quedaron reflectidas en favor de Colón as seguintes condicións: título vitalicio hereditario de Almirante do mar oceánico; vicerrei e gobernador das terras nas que puxese un pé; o dereito a percibir a décima parte de todos os tesouros e mercadorías; a autoridade para intervir e decidir sobre os problemas que se orixinasen nas devanditas cuestións das riquezas e o dereito a contribuír, sen preguntar a ninguén, coa oitava parte dos gastos de calquera expedición que logo cobraría dos beneficios obtidos.

 Dous séculos despois, houbo o primeiro intento de unidade política con Filipe V de Borbón (o primeiro da dinastía), que importou un esquema centralizado desde Francia. Como bo francés que era, os primeiros quince anos do seu reinado foron para impoñer as instrucións de Versalles a través da camarilla (nomeada por Luís XIV) de diplomáticos, militares, aristócratas comerciantes. Cando casou en segundas nupcias con Sabela de Farnesio pareceu que deixaba a influencia francesa, a través desta nova raíña, cuxas preferencias tiraban cara a Italia. No 1724 renunciou en favor do seu fillo Luís I, recluíndose no palacio de San Ildefonso que fixera construír a imaxe do de Versalles para meditar sobre a "salvación eterna" aínda que a verdadeira intención puido ser a de facerse coa coroa francesa, mais as previsións para o país galo non se cumpriron (morto o duque Orleáns e a punto de morrer Luís XV, só quedaba esperar un pouco), e o que morreu foi o seu fillo Filipe V, e contra da súa vontade, volveu reinar un ano despois de que o deixara. E logo, 20 anos nos que recuncou mandato e no que todo foi de mal a peor, durmindo polo día e atendendo os asuntos da gobernanza pola noite. Primeiro foron as extravagancias e máis adiante, a demencia, manifestada en numerosos episodios das cazarías nocturnas nas que pretendía montar nos cabalos dos tapices do palacio. Xamais entendeu o que era España e quen aproveitou a conxuntura foi a raíña cunha política tendente a afortalar a posición dos seus fillos que máis tarde chegaron aos tronos italianos.

 A festa que Madrid celebra o dous de maio ten un contexto: a batalla de Trafalgar, onde España dixo adeus ao seu poder e ao seu imperio coa independencia dos territorios “americanos”. Abonda con lembrarmos o acontecido en Cuba, Puerto Rico e Filipinas. A guerra contra a invasión francesa, baixo o mando de Napoleón Bonaparte, ten este precedente importante, no fracaso da conquista de Inglaterra. O obxectivo “confesábel” era impoñerlle un bloqueo económico para o que precisaba do territorio de Portugal, chegando a un acordo con Manuel Godoy, valido do monarca de España, Carlos IV. No 1808 as tropas francesas, en vez de achegarse a Portugal, en colaboración cos seus socios españois de conveniencia, OKUPARON as cidades de Burgos, Salamanca, Pamplona, Donostia, Barcelona, Figueres e Madrid, aproveitando a viaxe. Tamén neste caso houbo derivada e, a canda a liberación popular, os movementos internos de confronto entre liberais e conservadores deixaron pegada antes de aprobar a Constitución do 1812 nas Cortes de Cádiz. A belixerancia exterior comeza a concentrarse no interior.

 O século XIX foi de mal a peor e, para manter o mito, tres guerras civís que chegaron até o século seguinte na pelexa sucesoria aínda que tamén tivo unha derivada coas liortas entre o liberalismo e os defensores dos foros. As guerras carlistas son outro dos feitos determinantes na dialéctica histórica que trouxo aquel mito fundacional. O conflito sucesorio escondía un enfrontamento que dividiu política e socialmente o Estado. No bando isabelino agrupáronse as altas xerarquías do exército, a Igrexa e as institucións do estado, e a eles uníronse os liberais, que viron na defensa dos dereitos dinásticos da nena Sabela a posibilidade do triunfo dos seus ideais. No bando carlista agrupáronse todos os que se opoñían á revolución liberal: pequenos nobres das vilas, parte do baixo clero e moitos labregos de determinados territorios, moi influídos polas prédicas dos cregos e para os que o liberalismo viña supoñer simplemente máis impostos. Todos estes grupos identificaron os seus intereses coa defensa dos dereitos ao trono de Carlos e os ideais que o aspirante defendía, o absolutismo e o inmobilismo. Xa durante o reinado de Fernando VII, arredor de Carlos fixeron grupello, os denominados"apostólicos", núcleo do absolutismo máis intransixente.

 Seguramente estes derradeiros procesos levaron a Ortega e Gasset a formular a súa aceptación forzada do nacionalismo dentro da unidade histórica daquela España. Ou a Antonio Machado, e logo a Galdós, a fundamentar a tese das “dúas Españas”, entre un pobo que loita e as clases dirixentes, que só defenden os seus intereses. E talvez a Unamuno a dicir que o pobo que loita representa a intrahistoria ou a historia da xente que non ten historia.

 E, así, paseniñamente, achegámonos pouco a pouco aos tempos de hoxe, onde as elites políticas do aparello do Estado teñen medo de perder os seus privilexios tecidos na Transición, como onte as tiveron aqueles actores da ditadura, obrigados a impulsar, desde dentro, unha reforma política na que a monarquía vai substituír na Xefatura do Estado o cabeza do “golpe” do 1936 contra a República. Unha herdanza fundamentada nos principios que o ditador deixou na escrita do manifesto “atado e ben atado”.

 A oportunidade histórica da moribunda ditadura non foi aproveitada e, de novo, o mito fundacional daquela España quedou blindado na Constitución española. A nación de nacións, debuxada no devandito texto e que logo foi sancionada por un referendo daquel xeito, é a mellor demostración do que acabo de afirmar. Unha fusión de novo forzada, talvez a única acordábel polas partes negociadoras naquel momento histórico, no que mesturaron adrede dous conceptos de nación: a nación política (a de verdade), con tres nacións culturais (cun recoñecemento histórico degradado). E, para máis chapuza, o reclamo dunha Andalucía ferida por quedar fóra daquel convite constitucional pechou o círculo continuísta da mitificación, co obxectivo dun só Estado e dunha única soberanía nacional. Aceptar o acordo de mínimos do 1978, obrigado polo contexto no que se produciron os feitos, foi unha coartada para impoñer de novo o mito dunha unidade disque forxada ao longo de máis de cincocentos anos.

 Son das persoas que cren que hai unha vella veta autoritaria na cultura política española maioritaria, que agroma na resultante da crise actual, que non é só económica, senón tamén política e institucional. Unha maioría social demanda unha saída, mentres a dinámica histórica impón continuidade. En xaneiro de 1995, o PSOE por medio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), encarga un informe a James Petras sobre os efectos sociais da modernización do país e, unha vez lido, decide gardalo nun caixón. As conclusións do estudo resultaban demasiado demoledoras para a socioloxía españolista e a institución decidía non sacalo luz. Xa pasaron 25 anos e segue a ser recomendábel a súa lectura. Nunha das súas conclusión di: a suposta "modernización" da economía española baixo os auspicios do réxime socialista de Felipe González tivo un efecto profundamente negativo sobre a vida socioeconómica, política e cultural da clase traballadora e, en particular, sobre a familia e os traballadores novos. A liberalización da economía levou a maiores inxustizas sociais e a menos actividades políticas, en realidade a unha diminución da democracia política. Mais non serei eu quen vai negar que na esquerda tamén existen mitos cos que convivimos e que conviña, por saúde democrática, desterrar para sempre. Mellor será deixalo para outro día con máis vagar.

 A saída da crise non pode facerse esquecendo os dereitos dos cidadáns, as novas canles de participación na relación co poder, o control independente deste, a libre decisión para as nacións sen estado e institucións republicanas. Farei unha advertencia, non estamos tan lonxe como podería parecer dun acordo PP-PSOE para a reforma da lei electoral. Unha saída á española para reeditar situacións anteriores, cando o desprestixio do poder é moi grande. Ou sexa, unha refundación patrioteira para perpetuarse.

 De novo aparece no horizonte a tendencia histórica española de refuxiarse en pasados mitificados de heroes e tumbas. O discurso da perda é moi perigoso. Gunter Grass advertíullelo aos alemáns. Xera rabia polo refugallo imaxinado. É o caldo de cultivo de mesías e masas seguidistas. Bágoas e sufrimento esperan aos pobos unha vez tomadas derivas como as que estamos a vivir que son caldo de cultivo para caudillos.

 España, no mellor dos casos, representa a síntese dun pasado forxado no belicismo externo e interno que trouxo un presente con moitas eivas. Calquera relato histórico pode debaterse e interpretarse. As grandes “verdades”como a da unidade forzada non se debaten, impóñense. Farei un pequeno recordatorio do camiño seguido polo procés catalán para comprobar a cobertura que a xustiza española fixo a favor do entramado institucional do Estado para facer inviábel a vía catalá dunha saída democrática.

 A orixe do conflito vén da sentenza do Tribunal Constitucional español, diante do recurso impulsado polo PP, que anulou en 2010 algúns artigos do novo Estatuto de Autonomía catalán que fora aprobado por referendo en 2006. Do 2012 ao 2020 unha serie de acontecementos foron desenvolvéndose no territorio catalán para acadar unha consulta popular pactada e poder decidir libremente cal era o encaixe do Estado Español e Cataluña, cousa que xamais foi consentida senón combatida por todos os medios, inclusive coa aplicación do artigo 155 da Constitución española e a intervención da autonomía catalá, o cesamento do Presidente, a convocatoria dun novo proceso electoral, o apresamento e o xuízo para algúns dos principais dirixentes namentres que outros fuxiron. Finalmente o Tribunal Supremo despois de 52 sesións de xuízo, decreta unhas penas de prisión para 12 persoas que van dos nove os trece anos por un delito de sedición polo que, até de aquela, ninguén fora condenado.

 Non convén esquecer o contexto previo: o Plan Ibarretxe foi un proxecto de reforma do estatuto de autonomía do País Vasco seguindo as canles marcadas polo artigo 46 do citado texto que fora aprobado polo pleno do Parlamento Vasco o xoves 30 de decembro de 2004 e logo fora enviado ao Congreso dos Deputados para o seu debate e votación, sendo rexeitado o 1 de febreiro do 2005 por 313 votos en contra, e 29 a favor. A experiencia dos vascos obrigaba a facer as cousas de xeito diferente, digo eu, que non son de Bilbao, nin dos arredores.

 Non vou negar que unha maioría de españolas e españois sinta aquilo que foi conformándose á sombra do poder político e relixioso dominante durante tantos años. Acepto que non é posíbel descamiñar o tempo pero tampouco é realista, soster tal como está, a andamiaxe do Estado Español. O mais acaído sería unha nova Constitución (porque, de non facerse o risco, do involución é grande), onde queden reflectidos os novos encaixes necesarios tanto no asunto territorial como na convivencia social para que a saúde, o traballo, as pensións, a vivenda, a seguridade social, etc., teñan a mesma protección e recoñecemento que os dereitos civís e políticos. O texto que se aprobou en 1978 non da máis de si (só houbo dous cambios pola porta de atrás) e, polo tanto, non deberían seguir apoiándose nel, os políticos e a Xustiza (que tamén precisa dunha grande renovación). A constatación da falta de honestidade ético-política nunha boa parte do entramado político e institucional é hoxe o impedimento para que todo siga sen moverse (camiño do suicidio social), e de que non existan mecanismos de democracia directa como o referendo e outros.

 Quixera rematar con dúas peticións. A primeira, que cidadáns cataláns, vascos e galegos poidan decidir libremente cal é a súa nación. E a segunda (aos que sintan que a única nación é a española), por favor, non me impoñan o seu mito.

 

 

[Galiza, 10 de xuño de 2020]