Especulación e globalización financeira do capital

Julio C. Gambina - 08 Out 2021

Do que non se fala é da explotación da forza de traballo, que, á luz da distribución regresiva dos ingresos, a apropiación diminuída de renda en salarios e ingresos populares para a maioría da poboación mundial, contrasta coa acumulación de ganancias, base do mecanismo de reprodución, vía investimento, da lóxica mundial do capital

 Non sorprende a nova denuncia de investigación xornalística sobre a evasión, o lavado de diñeiro e o delito financeiro explicitado en «paraísos fiscais»[1].

 Estes paraísos foron mencionados en cuantiosos documentos a propósito de «solucións» nunca desenvolvidas na crise 2008. Nos documentos dos Organismos Internacionais, especialmente do G20, á cabeza das demandas aparecía a necesidade de limitar e controlar os paraísos fiscais, en tanto espazos visíbeis da especulación financeira mundial.

 Só foron palabras, sen ningunha posibilidade de se faceren efectivas, xa que a libre circulación internacional de capitais e o resgardo da fiscalidade estatal é parte esencial da lóxica mundial do capital desde hai medio século.

 En rigor, responde á lóxica da liberalización e a libre circulación e mobilización dos capitais internacionais. Máis aínda como mecanismo de escape ás tendencias recorrentes da crise mundial capitalista.

 Unha crise que se manifesta nas dificultades para a valorización produtiva do capital e, polo tanto, leva á disputa pola apropiación da renda xerada socialmente mediante mecanismos especulativos, o que explica a tendencia á crecente desigualdade, tal como se explica en diversos medios, entre outros e recentemente polo Credit Suisse[2].

 Pero tamén e tal como sinala a Directora Xerente do FMI, que xunto á suba dos prezos dos alimentos e da enerxía, é de salientar unha expansión do 100% da débeda, explicitada polos problemas da pandemia e a recesión inducida[3].

 Queda claro que as transnacionais da alimentación, da bioxenética, da enerxía, especialmente as petroleiras e o negocio bancario, entre outros, son os que inducen o mecanismo de apropiación privada do traballo social, mediante a suba dos prezos, a inflación, que retomou ao escenario mundial, incrementando as inequidades da orde capitalista.

 Os «paraísos fiscais» constitúen ámbitos de concentración territorial de enxaugamentos contábeis de circulación mundial de diñeiro asociada ao delito, a corrupción e o enriquecemento concentrado en poucas mans, de quen decide na sociedade capitalista contemporánea.

 Por iso é polo que aparecen políticos, empresarios e personalidades enriquecidas sobre a base da expansión de negocios, onde o legal e o ilegal se conxugan para escamotear o fenómeno da explotación e o saqueo dos bens comúns a mans do poder concentrado do capital transnacional.

 Son visíbeis gobernantes, empresarios e personalidades da cultura ou do deporte, que eluden e evaden impostos nos paraísos espallados en todo o mundo, mesmo nos EUA, caso do Estado de Delaware.

 A riqueza concentrada no 1% máis rico, que inclúe a multimillonarios e a grandes corporacións transnacionais, escamotéase cunha pléiade numerosa, pero non masiva, de intermediarios que favorecen o «circo» dunha elite enriquecida e que poboan as investigacións xornalísticas.

 Porén, o de fondo é o mecanismo da explotación, disimulado co escándalo de personaxes da farándula política, cultural ou deportiva.

 A discusión é por personaxes asociados á corrupción, arribistas dos Estados capitalistas e dunha farándula espectacular, que omite os grandes negocios da banca e das trasnacionais que dominan a economía mundial, a produción e a circulación do capital global.

 En rigor, o que indigna no debate social é a orixe de fondos, non só evadidos ao fisco, senón produto do delito, sexa da venda de armas ou de drogas, da trata de persoas ou directamente do xogo e a especulación financeira.

 Trátase do enxaugamento dunha chea de operacións por onde circula o plusvalor produto da explotación.

 Por iso, do que non se fala é, precisamente, da explotación da forza de traballo, que, á luz da distribución regresiva dos ingresos, a apropiación diminuída de renda en salarios e ingresos populares para a maioría da poboación mundial, contrasta coa acumulación de ganancias, base do mecanismo de reprodución, vía investimento, da lóxica mundial do capital.

 A ocasión serve para a denuncia da inmoralidade do réxime da propiedade privada dos medios de produción e a necesidade de avanzar en formas alternativas de organización da produción e a circulación de bens e servizos, sobre bases de cooperación e solidariedade, de dereitos sociais e non de mercantilización e destrución da vida e a natureza.

_____________________________________________________________________________

Notas:

[1] ICIJ. Paraísos costa afuera y riquezas ocultas de líderes mundiales y multimillonarios expuestos en una filtración sin precedentes, en: https://www.icij.org/investigations/pandora-papers/global-investigation-tax-havens-offshore/

[2] Credit Suisse. Informe sobre a riqueza global, xuño 2021, en: https://www.credit-suisse.com/about-us/en/reports-research/global-wealth-report.html

[3] Kristalina Georgieva. FMI. Superar as divisións e suprimir os atrancos á recuperación, 5 de outubro 2021; en: https://www.imf.org/es/News/Articles/2021/10/05/sp100521-md-curtain-raiser-overcoming-divides-and-removing-obstacles-to-recovery

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web do CADTM, do 7 de outubro de 2021]