Establecen xornadas que van desde 24 horas e 15 días ininterrompidos para o persoal de servizos sociais do Consorcio

A CIG-Administración Autonómica considera que ser servizo esencial non pode xustificar o “abuso”
Nacional - 26 Mar 2020

A CIG-Administración Autonómica denuncia o establecemento unilateral de quendas continuadas que van dende xornadas de 24 horas e 15 días ininterrompidos no persoal de servizos sociais do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar dependente da Consellería de Política Social.

Ao longo da maña do mércores 25, e por medio de avisos por WhatsApp e ameazas da directora de area en chamada telefónica, as direccións modificaron as condicións de traballo ao persoal do Consorcio. Entre as modificacións está o aumento de quendas de ata 24 ou 38 horas de xornada e ata 15 días continuados, e cambio de centro de traballo públicos ou integrados dun día para outro. Entendemos que a función destas traballadoras e traballadores é vital e importantísima dado a crise sanitaria polo COVID 19 e o caos nas residencias de maiores de Política Social e nas privadas, pero ser servizo esencial non pode conducir ao abuso.

Segundo a CIG-Administración Autonómica a “improvisación” é “de tal magnitude” que ante a negativa dalgunha compañeira a presentarse esta mesma tarde a traballar noutro centro de traballo, dúas horas antes e sen coñecer as condicións laborais, a Xerencia do Consorcio resposta cunha instrución por escrito coa ameaza de que, de non facelo, pode ter consecuencias penais. “Ameaza con responsabilidade penal pero non proporciona un horario, un Plan de Prevención, indicación de garantías sanitarias ou con que EPI van traballar: quen é o criminal aquí?”, cuestionan.

Unha modificación substancial das condicións laborais “escura e abusiva”

Nin a CIG, como representación sindical da maioría do persoal, nin os comités de empresa nin o comité intercentros, teñen constancia "oficial" desta situación esperpéntica. Por iso denuncian que “o estado de alarma non é escusa para pasarse toda a lexislación laboral e de prevención de riscos laborais polo forro” e exixen a “negociación urxente das condicións que vai ter o persoa” demandando que, mentres isto non se negocie, que non se modifiquen de xeito unilateral as condicións e sexan concorde o V convenio.

Non se teñen en conta ás persoas traballadoras sensibles ou con fillas/os menores

O Consorcio manifesta que ao estar excluídos os servizos sociais da resolución do 15 de marzo de 2020 da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (DOG nº 51 do 15 de marzo)… que non hai dereito nin a xustificación de ausencia por desamparo do menor, abandono de maiores ao cargo nin a non facer estas funcións por ser persoal especialmente sensible (enfermidades crónicas ou patoloxías previas, embazadas…). “Unha verdadeira vergoña”, afirma a CIG-Administración Autonómica quen recomenda ao persoal que se está nesta situación, se poña en contacto coa CIG. “Non permitamos o abuso”.

“Queremos coidar ás nosas persoas maiores con seguridade, sen arriscar a súa saúde, a nosa ou a das nosas familias”

Diante desta situación o sector da Autonómica da CIG volve solicitar “que se traballe coas garantías de seguridade e saúde laboral necesarias, os equipos de protección adecuados perante o risco de contaxio e con quendas racionais establecidas con criterio sanitario tanto para o persoal usuario e para o persoal empregado publico e as súas familias”. E avisa: “o persoal poderá suspender a actividade se observa un perigo grave e inminente para a súa saúde como deixa claro o artigo 21 da Lei de prevención de riscos laborais”.