Estado español: Novo acordo social para manter o statu quo nas pensións e ampliar as competencias das Mutuas patronais
A suposta preocupación orixinal por favorecer a autonomía individual das persoas asalariadas á hora de decidir a súa idade de xubilación agocha o seu obxectivo real: lograr un equilibrio financeiro no sistema de pensións mediante a redución do gasto e só en menor medida mediante un aumento dos ingresos
O cuarto acordo asinado polo Goberno español, as patronais CEOE e CEPYME e os sindicatos CCOO e UGT, dado a coñecer polo Presidente do Goberno o pasado 31 de xullo, inspírase nos mesmos parámetros que os anteriores do proceso de cambios aberto coa revisión do Pacto de Toledo de novembro de 2020. Este proceso de reforma concretouse até o momento en tres leis: a do ano 2021, cuxo tema central foi sobre revalorización de pensións, a do 2022, sobre promoción de pensións privadas de emprego, e a de 2023 sobre aumento dos ingresos e ampliación do período de cálculo da pensión de xubilación. É dicir, melloras limitadas, con algún recorte novo, e mantemento do groso das reformas de 2011 e de 2013, cos obxectivos de controlar o gasto en pensións e de achegar a idade efectiva de xubilación á idade legal, como se recoñeceu explicitamente. O cumprimento deste segundo obxectivo deu lugar a que a idade efectiva do conxunto das xubilacións en calquera das súas modalidades pase de 64,1 anos no 2015 a 65,2 en xuño de 2024.
Até hoxe, o Acordo foi recibido con autosatisfacción polos sindicatos asinantes e polos dous partidos do goberno, e de forma silenciosa polas organizacións patronais. Opuxéronse con contundencia os sindicatos CGT e USO [NT.- En Galiza, a CIG] e pasou con escasas declaracións por parte da esquerda sindical de Euskal Herria. Os partidos da esquerda das nacionalidades parece que están a esperar para tomar oposición á tramitación parlamentaria.
A redución na contía das pensións novas como resultado das pasadas reformas-recortes de 2011 e de 2013 (ampliación do período de cálculo da pensión de xubilación), a degradación salarial e do aumento da idade legal de xubilación e das restricións á xubilación parcial e á xubilación anticipada, presionan para o aumento da idade efectiva de xubilación.
O acordo, que poderá ser modificado cando se traslade a lei se ten a maioría parlamentaria, o que non é evidente, mellora levemente o tratamento da xubilación parcial e a xubilación anticipada e estimula a xubilación demorada e a xubilación activa. Como outras reformas similares impulsadas pola Unión Europea preséntase baixo o aspecto de fomentar o avellentamento activo, substituíndo a xubilación total e obrigatoria a unha idade determinada por un sistema de xubilación flexíbel, parcial e gradual. Nos textos da UE e do Estado español, o avellentamento activo tería por obxectivo evitar manter e consolidar os dereitos das persoas maiores, eludir a súa exclusión da participación na vida social e evitar as súas expulsións do mercado de traballo. Con todo, cada vez é máis evidente que a suposta preocupación orixinal por favorecer a autonomía individual das persoas asalariadas á hora de decidir a súa idade de xubilación agocha o seu obxectivo real: lograr un equilibrio financeiro no sistema de pensións mediante a redución do gasto e só en menor medida mediante un aumento dos ingresos. A seguir, expóñense as modificacións do Acordo en relación coas diversas modalidades de xubilación, deixando para o final o tema non relacionado directamente coa xubilación, sobre as Mutuas patronais.
Cambios sobre modalidades de xubilación
A xubilación parcial instaurouse inicialmente para manter no emprego os traballadores e traballadoras de maior idade e, asemade, favorecer o emprego xuvenil. O Acordo amplía de dous a tres anos a anticipación en relación coa idade legal, pero sen que se volva á situación anterior á reforma de 2013 (RD Lei 5/2013), na que era posíbel acceder á xubilación parcial cinco anos antes da idade legal, que neses momentos era de 65 anos en lugar dos 66 e 6 meses en 2024 e que chegará aos 67 no 2027... salvo para quen dispoña de longas carreiras de cotización (38 anos en 2024 e 38 e seis meses no 2027). A redución da xornada laboral da persoa que se acolla a esta modalidade é moi reducida (entre un 20% e un 33% durante o primeiro ano) e mantense igual ao modelo anterior nos dous anos posteriores, entre o 25% e o 75%.
O Acordo de 2024 tampouco mellora outro elemento importante da reforma de 2013, como é o aumento do tempo cotizado para acceder á xubilación parcial, que pasou a ser de 33 anos: como mostra un estudo de Mª Andrée López, publicado en outubro de 2023, a media do número de anos cotizados das mulleres cando se xubilan é bastante inferior ao dos homes e en moitos casos non alcanza a cifra dos 33 anos requiridos, o que impide acceder a esta modalidade a un gran número de mulleres, que se ven obrigadas a seguir traballando e cotizando.
Respecto das persoas relevistas das xubiladas parciais, neste Acordo mellórase o contrato, que deberá ser por tempo indefinido e a xornada completa, coa obriga de manter tal carácter até os dous anos posteriores á xubilación ordinaria das persoas xubiladas parciais, aínda que non se aclara se, en caso de se producir o despedimento da persoa relevista neses dous anos, se deberá cualificar como nulo, con obriga incondicional de readmisión. As traballadoras e traballadores fixos descontinuos quedan incluídos entre os que poderán formar parte do proceso de substitución.
Un dos elementos chave do Acordo é fomentar a xubilación demorada. A mellora dos incentivos a esta, ao introducir un incremento novo cada seis meses posteriores a partir do segundo ano, pretende aumentar o número de quen segue a traballar e cotizar tras a idade legal de xubilación. Esta modalidade responde a dous colectivos moi diferentes. Un agrupa a xente de salarios altos, en moitos casos superiores á contía da pensión máxima e que ocupa postos de traballo relativamente cómodos e sen penosidade. A súa permanencia no traballo vese estimulada polas recargas nas pensións, que agora se prevén aumentar. Como se di nunha declaración sobre o acordo do sindicato CGT, iso supón alimentar unha cultura da “meritocracia” bastante desprezábel, “pois millóns de persoas asalariadas están en traballos precarios e causantes de danos á saúde e para nada poden ter o luxo de continuar traballando máis aló dos 67, 68, 69, 70, 71,72…, até o día da súa morte”(1).
O outro grupo está formado por quen por mor da escasa contía da súa pensión, sexa por un tempo de cotización moi reducido, por salarios reducidos e, con iso, cotizacións baixas, se ve presionado para seguir traballando e cotizando -sempre que a súa saúde llo permita- o que unido ás recargas lles permite mellorar pensións moi cativas. Este é o caso dun certo número de mulleres, cuxa idade de acceso a esta modalidade de xubilación demorada supera en 0,98 anos á dos homes en xuño de 2024.
O Goberno calcula, e o cálculo neste caso paréceme certeiro, que o custo das recargas é inferior ao aforro que supón atrasar o cobro das pensións, mantendo ademais a recadación de cotizacións altas polos salarios elevados de boa parte de quen se acolle a esta modalidade de xubilación. Aínda que os economistas convencionais inspirados no pensamento neoliberal teimen en negalo, a prolongación na actividade profesional das persoas maiores de idade dificulta o acceso e a permanencia no emprego do numeroso grupo de mozos sen emprego, cuxa taxa de desemprego no cuarto trimestre de 2023, segundo o INE, era de máis do 28% no Estado español entre os menores de 25 anos.
Este desemprego presiona cara á baixa o salario das e os mozos e impídelles acceder á vivenda, como se pode apreciar con algún exemplo: na CAV o alugueiro dunha vivenda supón o 80% do salario medio novo e o 70% en Nafarroa e a primeira entrega para a súa compra equivale a sete anos do salario íntegro. Segundo o Observatorio da Emancipación do Consello da Mocidade de España (CJE), a finais de 2023 só estaba emancipada o 16,2% da mocidade navarra e o 16,7% na CAV.
O Acordo incentiva a chamada xubilación activa que permite compatibilizar o traballo e a pensión. Fronte á actual porcentaxe do 50% en todos os anos, a porcentaxe de cobro empeza co 45% durante o primeiro ano de traballo e vaise aumentando cada ano até alcanzar o 100% o quinto ano. Deixa de ser necesario ter unha carreira completa de cotización: abonda con cotizar os 15 anos necesarios para acceder á xubilación, a condición de que non se perciba o complemento de mínimos. Esta compatibilidade entre traballo e pensión permite compensar a caída das pensións novas, que están aumentado en contía inferior á inflación desde o 2016, pero ao prezo de seguir traballando a idades moi elevadas.
Por outra banda, prevese modificar a normativa regulamentaria da xubilación anticipada polo traballo en actividades penosas, tóxicas, perigosas e insalubres, mediante un novo procedemento para a fixación de coeficientes redutores da idade de xubilación. Deberá ter en conta e complementarse con informes de incidencia de baixas laborais por causas comúns e profesionais, por xénero e grupo de idade, de sucesos graves que dean lugar a mortes e incapacidade permanentes e pola duración media dos procesos. Tamén se inclúen outros elementos que, se se cumpren, merecen unha valoración positiva, como a toma en consideración de elementos das relacións de traballo como a rotación nos postos de traballo ou a parcialidade das contratacións, así como a posibilidade de incorporar informes epidemiolóxicos.
Está por ver o resultado destas propostas, pero o que se sabe é que é moi baixo o número de traballadoras e traballadores que teñen recoñecidos a redución da idade de xubilación pola realización de traballos que afectan negativamente á saúde e a vida. E que apenas se cumpriu o mandato que fixaba un Decreto de 2011 de estabelecer un procedemento para a súa inclusión na listaxe de actividades ás que se aplicarían coeficientes redutores baseado no acordo entre patronal e traballadores/as ou de oficio pola Seguridade Social (que deu lugar a procesos atrancados sen que o goberno actúe) para aprobar o que agora se di que se vai culminar antes de fin de ano. Os poucos casos exceptuados afectaron ás forzas de policía de todos os ámbitos: estatal, autonómico e municipal.
O Acordo condiciona a anticipación sen penalización a que “non sexa posíbel a modificación das condicións de traballo”, o que é de temer que sexa de moi difícil e tardía verificación. Máis aínda cando o Ministerio de Seguridade Social declara que a anticipación da penalización “é un mecanismo de último recurso”, sen estabelecer os medios suficientes, tal como unha axeitada dotación da Inspección de Traballo, para controlar que o traballo se realice nas debidas condicións. A pesar da urxencia de dar unha resposta a colectivos como as coidadoras, as kellys, etc., cuxas condicións de traballo teñen graves afectacións tanto físicas como psíquicas, a dimensión de xénero para determinar a penosidade dos traballos, no Acordo reenvía estas cuestións á creación dun “grupo de traballo” (outro máis). En definitiva, propostas de futuro, pero neste Acordo non se introduciu directamente a anticipación sen coeficientes redutores a ningún novo sector, sendo de salientar o caso do transporte por estrada, cunha taxa moi alta de accidentes mortais e no que as seccións sindicais de UGT e CC OO chamaron a un paro xeral o próximo mes de outubro.
Aumento da privatización da sanidade pública: nova ampliación das competencias das Mutuas patronais
O Acordo aumenta as competencias das Mutuas patronais de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais ao facelas intervir na Incapacidade Laboral de orixe traumática, co obxectivo declarado de evitar as longas listaxes de agarda na sanidade pública e, aínda que iso non se recoñece abertamente, contribuír a reducir a duración das baixas por accidentes de traballo e enfermidades profesionais. Iso supón continuar co proceso de traspaso de competencias ás Mutuas que impulsa o Ministerio de Seguridade Social e, con iso, de privatización da asistencia sanitaria. Un caso recente é o do estimulo que realiza o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) á subscrición de convenios de colaboración entre as Comunidades Autónomas (CA) e as mutuas a través da Asociación de Mutuas de Accidentes de traballo (AMAT), co conseguinte financiamento ás mesmas por parte as CA(2).
Conclusións
O Acordo reflicte a vontade do “goberno progresista” de lograr acordos coa patronal a case calquera prezo. Aí está o caso da redución da xornada de traballo, que para evitar ou esquivar a oposición frontal da patronal, deu lugar a anuncios gobernamentais de atrasar as datas de aplicación. Tamén acredita a política de contención do gasto en pensións, mantendo os elementos esenciais das reformas anteriores e introducindo leves melloras nalgunhas materias que favorecen maioritariamente os sectores da clase traballadora de mellores salarios e condicións de traballo. Tamén é unha mostra dunha privatización encuberta da sanidade pública, neste caso a favor das mutuas patronais.
_____________________________________________________________________________
Notas:
(1) CGT, “Otra vuelta de tuerca a las pensiones”, 1/8/2024.
(2) Ver unha análise crítica sobre este tema de Iñaki Moreno Sueskun e Felix Zabalza, “Órdago de la Seguridad Social y las Mutuas al sistema público de salud”, 1/4/2023.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, do 19 de agosto de 2024]