Estado español: O papel dos sindicatos na loita contra a desigualdade de ingresos

Alexander Guschanski e Özlem Onaran - 18 Nov 2019

O aumento da fenda entre ricos e pobres explícase máis polos cambios producidos no poder de negociación entre o capital e os traballadores que polas consecuencias da tecnoloxía e a globalización

 Nos últimos 40 anos asistimos a un salientábel incremento da desigualdade en canto a ingresos persoais e a un devalar da participación dos salarios no PIB nas economías avanzadas e emerxentes. Trátase de consecuencias inevitábeis da era da automatización, ou podemos deseñar políticas que invistan estas tendencias? Que papel poden desempeñar os sindicatos? E cal sería o impacto do incremento da igualdade sobre o emprego e o crecemento económico?

  1. A desigualdade de ingresos é elevada e vai en aumento na maioría dos países

 A renda nacional per capita real (isto é, descontada a inflación) no Estado español e na UE15 é agora máis do dobre que na década de 1970. Máis ou menos temos máis do dobre de ingresos que os nosos pais. Isto suscita a pregunta seguinte: por que a percepción dos traballadores é que non están moito mellor e que, nalgúns casos, están moito peor que as xeracións anteriores? Para responder a isto temos que examinar as tendencias que, até hai pouco, se obviaron por moitos economistas e responsábeis políticos. En primeiro lugar, a proporción da renda nacional do 1% máis rico pasou dun 8,2% a un 9,8% no Estado español (un incremento do 20%; Alvaredo, et al., 2019). En segundo lugar, mentres que no ano 1985 o 10% máis rico da poboación posuía tantos ingresos como o 50% da poboación máis pobre, a participación nos ingresos dese 10% máis rico veu aumentando continuamente (un 4,5% desde 1985), á vez que os ingresos do 50% máis pobre foron diminuíndo (un 7% desde 1985). Non é de estrañar que o coeficiente de Gini, a medida máis estendida da distribución de ingresos, se incrementase nun abraiante 42% entre 1987 e 2016 (UNU-WIDER, OCDE, 2019). A Gran recesión e a Crise do Euro exacerbaron estas tendencias, de maneira que o salario real medio é un 7% inferior ao máximo alcanzado en 2009 no Estado español, tras un longo e dramático período de descenso dos salarios reais.

 Para comprender por que se produciu esta forte tendencia á desigualdade hai que examinar os cambios que se produciron na participación dos salarios na renda nacional. A maioría da xente depende dos seus ingresos salariais, mentres que os ingresos do capital, provenientes dos beneficios empresariais, se concentran sobre todo nos máis ricos. Noutras palabras, os salarios distribúense dun xeito máis equitativo que os beneficios empresariais, que as rendas do capital. Xa que logo, un descenso da proporción dos salarios adoita significar que os colectivos con menos ingresos saen perdendo con respecto aos fogares máis ricos. As catro últimas décadas caracterizáronse por un brusco descenso da participación dos salarios na renda nacional tanto nas economías da OCDE como nas emerxentes. No Estado español, a participación dos salarios na renda nacional caeu desde o 72,9% en 1975 até o 60,6% en 2019 (AMECO, 2019). Cómpre salientar que a baixada da participación dos salarios recaeu principalmente sobre quen tiña salarios medios-baixos e baixos, mentres que os soldos dos directivos con ingresos moi elevados medraron moito. Efectivamente, as persoas con salarios medios e baixos sufriron un dobre golpe, teñen acceso a unha porción cada vez máis reducida dun pastel salarial que cada vez é máis pequeno.

As causas da desigualdade de ingresos radican na redución do poder de negociación dos traballadores

 Os cambios producidos na capacidade de negociación entre o capital e o traballado foron o principal motivo que explica esta tendencia á desigualdade. Producíronse cambios socioeconómicos radicais nas últimas décadas, en particular:

 O cambio tecnolóxico, especificamente o uso crecente da robótica e das tecnoloxías da información e as comunicacións;

 A crecente importancia das cadeas de valor mundiais entre as economías avanzadas e as emerxentes, con acontecementos sinalados como a entrada de China na OMC e o aumento das migracións;

 Os directivos orientaron a xestión empresarial cada vez en maior medida cara ao curtopracismo e a creación de “valor para os accionistas”;

 Na maioría dos países da OCDE producíronse cambios no marco institucional no que se desenvolve a negociación colectiva, o que inclúe un importante descenso da densidade sindical e da cobertura dos convenios colectivos;

 No noso estudo analizamos a repercusión destes factores sobre a participación dos salarios en distintos sectores en 14 países da OCDE, incluído Estado o español (Guschanski e Onaran, 2017). As nosas conclusións indican que os cambios producidos no poder de negociación explican máis de dous terzos do descenso da participación dos salarios na renda nacional. Iso ten que ver principalmente coa forte deterioración da densidade sindical e a redución do estado do benestar. No Estado español, despois da Transición dos anos 70, a densidade sindical diminuíu menos que no Reino Unido ou EE UU, pero segue sendo cinco puntos porcentuais inferior ao máximo alcanzado en 1993, e nun nivel moi baixo (14,8% en 2016) en comparanza con outros membros da OCDE. Os nosos datos indican que, se non fose pola relativa estabilidade do índice de densidade sindical que hai no Estado español, a participación dos salarios na renda nacional diminuiría aínda máis. Segundo as nosas investigacións, os sindicatos son particularmente eficaces á hora de incrementar os salarios dos traballadores pouco cualificados, especialmente cando se coordina a negociación colectiva e o seu grao de cobertura é alto. Porén, nos países onde a cobertura da negociación colectiva é baixa, as medidas a escala nacional, como o gasto social gobernamental, son máis importantes para determinar o poder de negociación dos traballadores. Unha recente investigación do FMI confirma que hai un impacto positivo da densidade sindical sobre a distribución dos salarios, xa que os sindicatos inflúen en que se moderen os salarios moi elevados (Jaumotte e Osorio Buitrón, 2015).

 Decote, sinálase as migracións como o fenómeno ocasionado pola globalización que ten máis importancia no incremento da desigualdade. Así e todo, segundo as nosas investigacións, é a deslocalización, é dicir, o traslado da produción a países con baixos salarios, a principal causa do impacto negativo da globalización nas sociedades desenvolvidas. O cambio tecnolóxico ten un efecto negativo debido á automatización das tarefas rutineiras; porén, non é a única causa da forte redución da participación dos salarios na renda nacional, concretamente dos obreiros pouco cualificados. Pola contra, os nosos datos apuntan a que foi a perda de poder de negociación dos traballadores o que impediu que estes se beneficiasen en igual medida que o capital dos avances tecnolóxicos. O incremento do emprego feminino no marco dun sistema de negociación colectiva que tivo até o de agora unha escasa representación das traballadoras e dunha débil lexislación en materia de igualdade salarial foi tamén un elemento que contribuíu á caída da participación dos salarios na renda nacional. Para rematar, tamén vemos que en Gran Bretaña a redución do peso da remuneración dos traballadores na renda nacional foi ocasionada pola crecente orientación da xestión empresarial a crear “valor para os accionistas” e polo aumento da financeirización da actividade empresarial (Guschanski e Onaran, 2018).

 Entón, como inverter a desigualdade? A chave é o desenvolvemento dun marco institucional que estableza un equilibrio no poder de negociación entre os traballadores e os accionistas, entre o traballo e o capital. As relacións laborais están determinadas polas institucións e as políticas, e estas poden ser modificadas para contrarrestar o impacto negativo que, até o de agora, tiveron o cambio tecnolóxico e a globalización sobre a desigualdade. Os efectos negativos da apertura comercial ou da integración mundial non son algo inevitábel, son a consecuencia das actuais políticas nacionais e internacionais que están baseadas na austeridade persistente e nas políticas de precarización do emprego en prol da flexibilidade do mercado laboral. Para facer fronte á crecente desigualdade de rendas é preciso reestruturar o marco institucional e político no que se desenvolven a negociación colectiva e garantir que a capacidade negociadora dos traballadores estea máis equilibrada coa do capital.

 Concretamente, o impacto negativo da globalización ou do cambio tecnolóxico pode ser considerablemente moderado ou contrarrestado mediante:

 O fortalecemento do poder de negociación dos traballadores a través de mellorar a lexislación sobre os sindicatos, volvendo regular o mercado laboral e ampliando a cobertura da negociación colectiva;

O incremento do salario mínimo legal e a posta en marcha de procedementos para lograr un aumento progresivo do salario mínimo ata o nivel dun salario digno; aceleración deste proceso a través do uso da contratación pública;

 Mellorar e fortalecer a lexislación sobre igualdade salarial e representación das mulleres na negociación colectiva;

 Reorientación das políticas macroeconómicas co obxectivo de garantir o pleno emprego e reequilibrar tanto as relacións de poder na negociación colectiva como a estrutura da economía;

 Redución substancial da xornada laboral en paralelo co crecemento histórico da produtividade con compensación salarial, polo menos, para quen teñen salarios por baixo da media;

 Implantación dun sistema impositivo deseñado adecuadamente e dunha gobernanza corporativa que xere incentivos para reducir os pagamentos de dividendos e as recompras de accións e incremente os salarios en liña co crecemento da produtividade, incluíndo maiores gravames fiscais para os beneficios empresariais e as ganancias de capital, e prohibición das recompras de accións; desvinculación da remuneración dos directivos do valor das accións; inclusión dos representantes dos traballadores, e da sociedade en xeral, nos consellos de administración das empresas.

 É probábel que o recente auxe do populismo político -desde o Brexit até Trump ou o nacionalismo da Europa continental- sexa en parte unha resposta ante o incremento da desigualdade. En lugar dos principais motores de creación desigualdade que identificamos na nosa análise, con frecuencia cúlpase os migrantes, xa que constitúen un branco fácil: son visíbeis, mentres que os procesos socioeconómicos como a financeirización da economía e a deslocalización son menos tanxíbeis. A nosa investigación indica que estas estratexias populistas non conducirán a ningunha mellora da igualdade, senón que reducirán o poder de negociación dos traballadores ao desviar a atención dos factores institucionais reais que están detrás da caída da participación dos salarios na renda nacional.

 O aumento da desigualdade de ingresos ocasiona consecuencias económicas negativas.

 A nosa investigación mostra que este conxunto de políticas daría lugar a unha situación na que todos sairían beneficiados, win-win en termos anglosaxóns, caracterizada por unha sociedade radicalmente máis xusta e un maior crecemento económico (Onaran e Obst, 2015; Onaran e Galanis, 2014; Stockhammer e Onaran, 2004). O descenso da participación dos salarios no PIB ao longo das tres últimas décadas estivo acompañado dun crecemento máis débil da produción. As taxas de crecemento do Estado español aparentemente máis altas dos anos 2000-07 parecen, se volvemos a vista atrás, unha miraxe: neses anos o que posibilitou o incremento do consumo, no contexto estrutural dunha perda de peso dos salarios, foi o crecente endebedamento dos fogares. Un modelo de crecemento moi fráxil que se derrubou ao chegar a Gran Recesión de 2007-2008.

 A política económica neoliberal só considera os salarios como custos para as empresas. Cando a proporción de salarios se reduce, aumentan os beneficios. Como consecuencia diso, a visión neoliberal da economía considera que cando se reducen os salarios se incrementan os beneficios, se impulsa o crecemento; os investimentos empresariais se recuperan e as exportacións son máis competitivas grazas á redución dos custos laborais. Neste tipo de razoamento é no que se basean as políticas da Unión Europea que apostan pola moderación salarial, e que son responsábeis da redución da protección do emprego co obxectivo de incrementar a flexibilidade do mercado laboral. Porén, os economistas neoliberais non logran explicar as razóns da persistencia da caída da participación do traballo na renda e a redución das taxas de crecemento na UE e outras grandes economías.

 A resposta está na outra cara desta historia: os salarios non son un simple custo económico que se detrae dos beneficios da empresa, senón a fonte da demanda na economía. Debido a que a maioría das persoas que teñen ingresos medios e baixos dependen dos seus soldos, incrementar a participación dos salarios no PIB implica, na práctica, unha redistribución da renda desde os fogares de ingresos altos cara aos de ingresos medios e baixos, que dedican unha maior proporción dos seus ingresos ao consumo que os ricos. Así pois, un incremento da participación dos salarios no PIB aumentará o gasto dos fogares, o que á súa vez xerará maior demanda para as empresas e estimulará os seus investimentos. Deste xeito, os salarios desempeñan un dobre papel na economía: os incrementos salariais son, ao mesmo tempo, un custo para as empresas e a posibilidade de aumentar as vendas; reducen os beneficios, e, con todo, á vez pódenos aumentar.

 Tanto o efecto negativo no consumo dun menor peso dos salarios na economía como que haxa un maior efecto positivo sobre o investimento e as exportacións netas dependerán da estrutura da economía, por exemplo, a diferente propensión ao consumo dos salarios e os beneficios, a sensibilidade do investimento ás vendas fronte á rendibilidade, o impacto dos custos laborais sobre os prezos, a intensidade de man de obra que requira a produción, a sensibilidade das exportacións e importacións á relación entre os prezos nacionais e os exteriores, e a importancia dos mercados estranxeiros con respecto ao tamaño da economía. Dado que, en teoría, é posíbel calquera destas situacións, o impacto é unha cuestión empírica.

Pode existir unha recuperación impulsada polos salarios no Estado español e en Europa

 Investigacións recentes indican que no Estado español, os efectos positivos dun incremento do peso dos salarios na economía compensan calquera consecuencia negativa sobre os beneficios empresariais ou as exportacións. O Estado español medra máis rápido con máis igualdade na distribución da renda, non con menos, o que tecnicamente se denomina unha economía "dirixida polos salarios" (Onaran e Obst, 2016).

 Obst et al. (2017) consideran que un incremento do 1% da participación dos salarios na renda nacional incrementaría o PIB español nun 0,8%. Os efectos son considerabelmente maiores se temos en conta o comportamento dos socios comerciais da economía española. As repercusións positivas dunha redución salarial que, en teoría, se producen ao incrementar a competitividade-prezo das exportacións desaparecen se todos os países realizan xuntos os mesmos recortes salariais, o que se chama o modelo de "empobrecer o veciño" (beggar thy neighbour). Isto é o que caracterizou a política económica das catro últimas décadas na UE-15, nas que asistimos a un descenso da participación dos salarios en todos os países membros. Posuímos sólidas probas empíricas para concluír que as economías do Estado español e da UE no seu conxunto están “dirixidas polos salarios” e que, xa que logo, obterían un gran beneficio dun incremento simultáneo na participación dos salarios na renda (Onaran e Obst, 2016; Obst, Onaran, Nikolaidi, 2017). Un incremento simultáneo do 1% na participación dos salarios no PIB de todos os membros da UE15 incrementaría o PIB nun 1,64%.

 O positivo impacto dos incrementos salariais amplifícase se se combina unha política económica que aposte por unha fiscalidade progresiva de impostos e un incremento do investimento público. Segundo uns modelos económicos realizados por Obst et al. (2017) se en todos os países membros da UE15 se producise: un aumento do 1% na participación dos salarios na renda, combinado cun crecemento do gasto público do 1% do PIB, un incremento do 1% no tipo impositivo medio sobre o capital e un recorte do tipo impositivo medio sobre as rendas do traballo do 1%, todo iso daría lugar a un incremento do PIB do 6,7% na UE15 (Obst, Onaran, Nikolaidi, 2017). O investimento privado tamén medra, debido a que o investimento público a complementa, e a que as expectativas de vendas futuras fomentan o investimento en lugar de que os accionistas só busquen os beneficios curtopracistas. Xa que logo, os incrementos salariais e o impulso ao investimento estimulan o crecemento da produtividade. O balance orzamentario público tamén mellora grazas ao maior crecemento económico e aos maiores ingresos fiscais derivados del.

Conclusión

 A renda total veu medrando mais os traballadores non recibiron o que lles correspondería en xustiza. Mentres os ingresos das rendas baixas se estancaron en moitos países, os dos máis ricos seguiron aumentando. Esta tendencia reflíctese nun descenso da participación dos salarios PIB. As nosas investigacións indican que detrás desta tendencia están os cambios producidos no poder de negociación entre o capital e os traballadores, máis que nas supostas consecuencias inevitábeis do cambio tecnolóxico e a globalización. Por conseguinte, está nas nosas mans facer que as institucións establezan unhas regras do xogo máis equilibradas que aposten pola igualdade de oportunidades, de maneira que se equilibre o poder dos traballadores na negociación colectiva en relación co do capital, e se recupere a participación dos salarios dos traballadores na renda nacional que se perdeu nas catro últimas décadas.

 Temos sólidas probas empíricas para concluír que un incremento da igualdade na distribución da renda conduciría a un maior crecemento. O motivo é que o Estado español é unha economía dirixida polos salarios e, por conseguinte, os efectos positivos dunha redución da desigualdade de ingresos compensan calquera efecto negativo. Este efecto sería aínda máis potente se se vise apoiado por un paquete de políticas públicas progresistas e se se dese simultaneamente en todos os estados membros da UE ou en todo o mundo. Aínda que o impulso dun incremento global coordinado dos salarios poida parecer unha va ilusión, en realidade nas catro últimas décadas estivo sucedendo xusto o contrario: o peso dos salarios diminuíu simultaneamente, tanto nas economías avanzadas como nas emerxentes.

_____________________________________________________________________________

[Este texto baséase en gran medida no traballo de Onaran, Ö. e Guschanski, A. (2018) “Win-Win: How Tackling Inequality Improves Growth and Distribution”. En Harrop, A. (ed.) Raising the bar, Londres, Fabian Society, páxs. 45-54.

_____________________________________________________________________________

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

Alvaredo, F., Atkinson, A. B., Piketty, T., Sáez, E. e Zucman, G. The World Inequality Database. Dispoñíbel en: http://www.wid.world. [Consultado: outubro de 2019].

AMECO: base de datos macroeconómica anual da Comisión Europea. Acceso en liña: http://ec.europa.eu/economy_finance/ameco/user/serie/SelectSerie.cfm. [Consultado: outubro de 2019].

Guschanski, Alexander e Onaran, Özlem (2018) The labour share and financialisation: Evidence from publicly listed firms. Greenwich Papers in Political Economy, Business School, Londres.

Guschanski, A. e Onaran, Ö. (2018), ‘Determinants of the wage share: a cross-country comparison using sectoral data’, CESifo Forum.

 Guschanski, Alexander e Onaran, Özlem (2017) The political economy of income distribution: industry level evidence from 14 OECD countries. Greenwich Papers in Political Economy, University of Greenwich Business School, Londres.

Jaumotte, F. e Osorio Buitrón, C. (2015) Inequality and Labor Market Institutions, IMF Staff Discussion Notes, Washington D.C., FMI.

 Kohler, K.; Guschanski, A.; Stockhammer, E. (2019), ‘The impact of financialisation on the wage share. A theoretical clarification and empirical test’, Cambridge Journal of Economics, 43(4). págs. 937–974. 

 Obst, Thomas, Onaran, Özlem e Nikolaidi, Maria (2017) The effect of income distribution and fiscal policy on growth, investment, and budget balance: the case of Europe. Greenwich Papers in Political Economy, University of Greenwich Business School, Londres.

OCDE (2019), Income inequality (indicator). doi: 10.1787/459aa7f1-en (Consultado: outubro de 2019).

Onaran, Özlem e Galanis, Giorgos (2014) Income distribution and growth: a global model. Environment and Planning A, 46:2489-2513. 

Onaran, Özlem y Obst, Thomas (2016) Wage-led growth in the EU15 member states: the effects of income distribution on growth, investment, trade balance, and inflation. Cambridge Journal of Economics, 40(6):1517-1551. 

Onaran, Ö. e Guschanski, A. (2018) ‘Win-Win: How Tackling Inequality Improves Growth and Distribution”. En Harrop, A. (ed.) Raising the bar, Londres, Fabian Society, páxs. 45–54.

Stockhammer, Engelbert e Onaran, Özlem (2004). Accumulation, distribution and employment: a structural VAR approach to a Kaleckian macro model. Structural Change and Economic Dynamics, 15(4):421-447.

UNU-WIDER, ‘World Income Inequality Database (WIID3.4)’.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web CXTX, do 13 de novembro de 2019]