Estado español: Volven as turbulencias

Albert Recio Andreu - 13 Mai 2016

A presente crise forma parte da acumulación de problemas xerados por trinta anos de capitalismo neoliberal: globalización desregulada, liberalización extrema do sistema financeiro, socavamento dos recursos públicos en mil e un panamás, marxinación real de sindicatos e movementos sociais, endebedamento extremo...

  I

  A realidade está a esfarelar o relato da recuperación. Un relato ao que o Partido Popular tentou aferrarse para frear o seu afundimento, pero que basea a súa forza na enorme aceptación social das crises como unha especie de atranco ou de enfermidade pasaxeira. Algo que posibelmente vale para as recesións de curto prazo pero que resulta insatisfactorio para entender a crise actual.

 Que a recuperación estaba comezando  a estragarse hai meses era evidente, polo menos no plano europeo. Mesmo atravesamos un momento de movementos bursátiles nos que reapareceu a ameaza dunha nova desfeita a gran escala (cousa por outra banda que pode volver ocorrer). E é algo que tamén se percibe nos informes dos organismos internacionais, que van corrixindo á baixa as expectativas de crecemento.

 Os datos da última EPA son un novo indicativo do erróneo do discurso oficial. Que o emprego caia o primeiro trimestre do ano e o paro creza non é en si mesmo significativo. Ocorre case todos os anos debido ao carácter estacional dalgunhas actividades. Comparado coa situación de hai un ano, non se poden extraer conclusións definitivas: o descenso da ocupación foi maior no primeiro trimestre do ano anterior (127.000 empregos en 2015 fronte a 52.000 en 2016) pero daquela o paro reduciuse en 65.000 persoas porque moitos dos parados deixaron de buscar emprego mentres que agora este medrou.

 Expliqueino en múltiples ocasións: para entender o que ocorre no mercado laboral hai que analizar á vez o que ocorre co paro e coa actividade. O volume de paro pode baixar porque se crea emprego ou porque a xente se desanima e deixa de buscar. Estatisticamente o efecto sobre o paro é o mesmo, pero na práctica representan dúas cousas diferentes. Gran parte dos parados desanimados son simple exército de reserva expulsado do emprego. Este ano as cousas parecen distintas, pois saíu menos xente do mercado laboral (aproximadamente a metade que o ano anterior) e por iso o paro creceu. É difícil de interpretar este cambio. Pode ser polo efecto dos últimos meses, nos que houbo unha senda de crecemento do emprego que anima a xente a seguir buscando. Ou pode ser porque a situación social é tan dramática que a xente segue buscando (que este ano Semana Santa caia no primeiro trimestre pode afectar).

 Non hai, xa que logo, unha explicación clara ao mal dato do aumento do paro, aínda que reforza a imaxe social de que iso da recuperación era un relato de curta duración. De feito, a análise dos datos de afiliación á Seguridade Social e de Paro Rexistrado, que adoitan utilizarse para analizar a conxuntura laboral (aínda que a súa calidade é, sobre todo no segundo caso, moi discutíbel), reforzan esta imaxe dunha economía desacelerada (por dicilo dalgún modo). O crecemento das afiliacións foi no seu conxunto menor este primeiro trimestre e a evolución do paro rexistrado foi parecida, a pesar que Semana Santa estaba en marzo. A máquina de crear emprego da que falaba a berros o PP parece que encallou.

 II

Máis aló da conxuntura do emprego, a cuestión que resulta crucial é, ao meu ver, o recorte do gasto público. De momento o Goberno anunciou xa un recorte de 2.000 millóns de euros, pero é posíbel que a negociación con Bruxelas acabe supoñendo un recorte maior. Para entender que significa este recorte podemos comparalo co ocorrido en anos anteriores. O recorte anunciado equivale ao gasto público que recortou o Goberno Zapatero en 2012 e equivale a 2/3 do recorte realizado polo Goberno Rajoy en 2013. En ambos os anos, o PIB acabou con caídas do 1 e de 1,1% respectivamente (en 2012, o ano do gran recorte, o consumo público caeu en 6.600 millóns e o PIB en 2,6%).

 Son datos moi brutos, posto que tomei como referencia a redución de consumo público da Contabilidade Nacional e os recortes no gasto poden realizarse tanto en consumo público (compra de bens e servizos por parte da Administración) como en transferencias (pagamento de pensións, subsidios etc.). Seguramente o recorte total naqueles anos foi maior, e o impacto negativo na demanda posibelmente sexa aínda de máis calado se os recortes se centran nas transferencias á xente máis pobre. En todo caso, resulta evidente que os recortes de gasto tenden a frear a economía e a xerar máis desemprego. Os resultados das políticas de axuste realizadas os últimos anos mostran que na maioría de casos os axustes do gasto público deprimen a actividade económica. E non se debe pensar que no clima depresivo da economía mundial o sector exterior poida suplir a caída do gasto público.

 Por todo iso, paréceme que a oposición de esquerdas perdeu unha boa oportunidade de facer pedagoxía política coa información do desvío do déficit no último ano. Ao centrarse en criticar as mentiras de Rajoy e Montoro, parecen dar por bo o ‘diktat’ da Unión Europea. O que ocorreu en realidade é que o aumento do déficit foi un desvío das esixencias de austeridade impostas pola troika. E grazas en parte a este desvío é que se explica o crecemento do emprego no último ano. Criticar a Montoro por mentireiro está ben. Pero tamén debería ser criticado porque se as cousas foron no pasado algo mellor non é pola súa política, senón precisamente porque a incumpiu. A cuestión non é baladí. Hai poucos meses os meus amigos alemáns comentábanme que España era presentada como exemplo do bo funcionamento da estratexia da austeridade. E precisamente o que ocorreu é que todo foi mellor cando se produciu un desvío desta.

 Este último aspecto é algo que convén ter presente cando volvamos padecer a nova vaga de esixencias de austeridade fiscal (acompañadas pola nova vaga de recortes). E sinalar isto non impide ao mesmo tempo criticar o carácter electoral e inadecuado do gasto público que o PP promoveu con fins electorais nin aínda menos a criminal reforma fiscal que obrigará a que os novos recortes se centren máis no gasto.

 III

 Se a miña análise é atinada, estamos ante o perigo dunha recesión provocada tanto polas turbulencias internacionais como polas políticas de axuste que se están aplicando. A economía real non funciona como pretenden os relatos da caída e a recuperación. As grandes crises experimentan subas e baixadas de actividade dentro dun período de estancamento. Isto é o que pasou na crise do 1929 até a Segunda Guerra Mundial, e o que leva anos sucedendo en Xapón. O tratamento da crise como unha cuestión de conxuntura resulta erróneo. E aínda máis se, como sucedeu nos últimos anos, este tratamento se limitou a realizar unha política monetaria cada vez menos ortodoxa (pero igual de ineficiente).

 A presente crise forma parte da acumulación de problemas xerados por trinta anos de capitalismo neoliberal: globalización desregulada, liberalización extrema do sistema financeiro, socavamento dos recursos públicos en mil e un panamás, marxinación real de sindicatos e movementos sociais, endebedamento extremo... De todo isto non se sae sen reformas en profundidade do conxunto de institucións que gobernan a economía mundial (sen perder de vista os problemas derivados da crise ecolóxica e o reto que para o mundo do traballo xera a dixitalización tecnolóxica). E como nin parece probábel, nin moito menos desexábel, unha solución do estilo de 1945, non queda outra posibilidade de saída que xerar un potente movemento internacionalista que conteña un relato entendedor e unhas propostas plausíbeis para crebar o neoliberalismo e fornecer outro modelo de organización social. E isto, temo, leva tempo.

 Volvendo aterrar no futuro inmediato, coido que a curto prazo un novo Goberno do país se vai enfrontar a esta posíbel recesión e a estas novas demandas de austeridade. Por iso, non estou seguro de que o máis urxente desde a esquerda sexa entrar nun goberno sen antes xerar entre a poboación unha base social suficiente para afrontar doutra forma esta crise social. E por esa razón penso que, máis que estar ou non no goberno, é preciso realizar tres movementos básicos: o de construír un relato entendedor da crise e as políticas erradas, desenvolver unha base social organizada capaz de desenvolver múltiples accións de resposta -desde a acción política e reivindicativa até accións de solidariedade social-, e en terceiro lugar promover a elaboración colectiva de alternativas á actual situación. Ou sexa denuncia, organización, e produción intelectual colectiva.

 

[Artigo tirado do sitio web ‘Mientras Tanto’, núm. 146, maio de 2016]