Estados Unidos: Por que o capitalismo está en constante conflito coa democracia?

Richard D. Wolff -

Para resolver o problema político do capitalismo, os capitalistas, como pequena minoría social, deben forxar alianzas con outros grupos sociais. Esas alianzas deben ser o suficientemente fortes como para desactivar, disuadir ou destruír todas e cada unha das maiorías emerxentes de traballadores que poidan ameazar os intereses dos capitalistas ou a supervivencia dos seus sistemas

 O sistema económico capitalista tivo sempre grandes problemas coa política en sociedades dotadas de sufraxio universal. En previsión de tal situación, a maioría dos capitalistas opuxéronse e resistíronse durante moito tempo a estender o sufraxio máis aló dos ricos posuidores de capital. Só presións masivas desde abaixo forzaron repetidas ampliacións do dereito ao voto até que se logrou o sufraxio universal, polo menos legalmente. Até o día de hoxe, os capitalistas desenvolven e aplican todo tipo de mecanismos legais e ilegais para limitar e restrinxir o sufraxio. Entre todos aqueles que están comprometidos coa conservación do capitalismo, o medo ao sufraxio universal é fondo. Trump e os seus republicanos exemplifican e actúan sobre ese medo ao achegáranse as eleccións presidenciais de novembro de 2020.

 O problema xorde da propia natureza básica do capitalismo. Os capitalistas que posúen e xestionan empresas comerciais —os empregadores como grupo— constitúen unha pequena minoría social. En cambio, os empregados e as súas familias son a maioría social. A minoría de empregadores domina claramente a microeconomía dentro de cada empresa. Nas corporacións capitalistas, os principais accionistas e a xunta directiva que aqueles seleccionan toman todas as decisións crave, incluída a distribución dos ingresos netos da empresa.

 As súas decisións asignan unha gran parte deses ingresos netos a eles mesmos en forma de dividendos de accionistas e paquetes remunerativos para os executivos da alta dirección. Por tanto, os seus ingresos e riqueza acumúlanse con moita maior velocidade que as medias sociais. Nas empresas capitalistas privadas, os seus propietarios e altos directivos compórtanse de maneira similar e gozan dun conxunto parecido de privilexios. A renda e a riqueza desigualmente distribuídas nas sociedades modernas flúen principalmente da organización interna das empresas capitalistas. Os propietarios e os seus altos directivos utilizan así a súa desproporcionada riqueza para moldear e controlar a macroeconomía e a política que vai entretecida con ela.

 Porén, o sufraxio universal permite aos empregados desfacer por medios políticos as desigualdades económicas subxacentes do capitalismo cando, por exemplo, as maiorías gañan as eleccións. Os empregados poden elixir políticos cuxas decisións lexislativas, executivas e xudiciais revertan efectivamente os resultados económicos do capitalismo. As leis sobre impostos, salario mínimo e gasto público poden redistribuír o ingreso e a riqueza de moitas formas diferentes. Se a redistribución non respecta a forma en que as maiorías elixiron acabar cos inaceptábeis niveis de desigualdade, poden adoptarse outras medidas. As maiorías poderían, por exemplo, votar ás organizacións internas de empresas en transición das xerarquías capitalistas ás cooperativas democráticas. Os ingresos netos das empresas serían entón distribuídos non polas minorías que están no alto das xerarquías capitalistas senón por decisións democráticas de todos os empregados, cada un cun voto. Así, os múltiples niveis de desigualdade típicos do capitalismo desaparecerían.

 O problema político actual do capitalismo foi como evitar da mellor forma posíbel que os empregados formen precisamente esas maiorías políticas. Durante as súas épocas recorrentes de especial dificultade (cracs periódicos, guerras, conflitos entre industrias monopolizadas e competitivas, pandemias…), o problema político do capitalismo intensifícase e amplíase. E convértese na mellor maneira de evitar que as maiorías políticas dos traballadores acaben por completo co capitalismo e impulsen á sociedade cara a un sistema económico alternativo.

 Para resolver o problema político do capitalismo, os capitalistas, como pequena minoría social, deben forxar alianzas con outros grupos sociais. Esas alianzas deben ser o suficientemente fortes como para desactivar, disuadir ou destruír todas e cada unha das maiorías emerxentes de traballadores que poidan ameazar os intereses dos capitalistas ou a supervivencia dos seus sistemas. Canto máis pequenas ou débiles son as minorías capitalistas, máis importante é a alianza cos militares. En moitas partes do mundo, o capitalismo está asegurado por unha ditadura militar que ataca e destrúe os movementos emerxentes a favor do cambio anticapitalista entre os traballadores ou entre os sectores non capitalistas. Mesmo onde os capitalistas son unha minoría relativamente grande e ben establecida, se o seu dominio social se ve ameazado, por exemplo, por un gran movemento anticapitalista desde abaixo, a alianza cunha ditadura militar pode ser un mecanismo de supervivencia de último recurso. Cando tales alianzas culminan en fusións de capitalistas e aparello estatal, prodúcese a chegada do fascismo.

 Durante momentos non extremos do capitalismo, cando non se ve ameazado por inminentes explosións sociais, o seu problema político básico permanece. Os capitalistas deben impedir que as maiorías de traballadores arruínen o funcionamento e os resultados do sistema económico capitalista e especialmente as súas distribucións características de ingresos, riqueza, poder e cultura. Con ese fin, os capitalistas buscan segmentos da clase traballadora con quen se aliar para desconectalos doutros compañeiros de traballo. Polo xeral, traballan con partidos políticos e utilízanos para formar e manter tales alianzas.

 En palabras do gran teórico marxista Antonio Gramsci, os capitalistas utilizan os seus partidos políticos aliados para formar un “bloque político” con segmentos da clase traballadora e posibelmente outras de fóra da economía capitalista. Ese bloque debe ser o suficientemente forte como para frustrar os obxectivos anticapitalistas dos movementos da clase traballadora. Para os capitalistas, no mellor dos casos, o seu bloque debería gobernar a sociedade —ser o poder hexemónico—, controlar os medios de comunicación, gañar eleccións, producir maiorías parlamentarias e propagar unha ideoloxía nas escolas e máis aló que xustifique o capitalismo. Desta forma, a hexemonía capitalista mantería os impulsos anticapitalistas desorganizados ou incapaces de construír un movemento social nun bloque contrahexemónico o suficientemente forte como para desafiar a hexemonía do capitalismo.

 Trump ilustra as condicións actuais da hexemonía capitalista. En primeiro lugar, o seu goberno financia xenerosamente e homenaxea os militares. En segundo lugar, concedeu un enorme recorte de impostos en 2017 ás corporacións e aos ricos, a pesar de gozar de varias décadas anteriores de redistribución ascendente da riqueza. En terceiro lugar, segue desregulando empresas e mercados capitalistas. Para manter a xenerosidade do seu goberno cara aos seus patrocinadores capitalistas, cultiva notoriamente alianzas tradicionais con segmentos da clase dos empregados. O Partido Republicano que Trump herdou permitiuse certos erros, debilitárase e provocara perdas políticas perigosas. Había que se reconstruírse e fortalecer ou, pola contra, o Partido Republicano xa non podería ser o medio para que os capitalistas construísen e mantivesen organizativamente un bloque hexemónico. O Partido Republicano probabelmente se esvaería, deixando que os capitalistas se aliasen e utilizasen o Partido Demócrata para lograr ese bloque tan hexemónico.

 Os capitalistas cambiaron repetidamente de aliados e axentes hexemónicos entre os dous partidos principais na historia de Estados Unidos. Do mesmo xeito que o Partido Republicano deixou caer as súas alianzas con sectores da clase traballadora abrindo o espazo para Trump, tamén o fixo o Partido Demócrata cos seus aliados tradicionais. Iso abriu espazo para Bernie Sanders, Alexandria Ocasio-Cortez e os progresistas. Para recuperar e reconstruír o Partido Republicano como aliado hexemónico cos capitalistas estadounidenses, Trump tivo que dar bastante máis aos fundamentalistas cristiáns, os supremacistas brancos, as forzas antiinmigración, os chovinistas (e antiestranxeiros), os entusiastas da lei e a orde e os amantes das armas que o antigo establishment republicano. Esa foi a causa de que puidese derrotar a ese establishment. Por razóns históricas, Clinton, Obama e o antigo establishment do Partido Demócrata sobreviviron unha vez máis a pesar de dar moi pouco aos seus aliados da clase empregada (traballadores, sindicatos, afroamericanos, latinos, mulleres, estudantes, académicos e desempregados). Mantiveron o control do partido, bloquearon a Sanders e o crecente desafío progresista e gañaron o voto popular en 2016. Mais perderon as eleccións.

 Os capitalistas prefiren utilizar os republicanos como socios hexemónicos porque estes cumpren de maneira máis fiábel e regular que os demócratas o que queren os capitalistas. Pero se cando o bloque republicano de alianzas se debilita ou funciona de maneira inadecuada como socio hexemónico, os capitalistas estadounidenses inclinaranse cara aos demócratas. Aceptarán políticas menos favorábeis, polo menos por un tempo, se obteñen a cambio un socio hexemónico sólido. Se as alianzas de Trump con segmentos da clase dos empregados se debilitasen ou se disolvesen, os capitalistas estadounidenses decantaríanse polos demócratas Biden-Clinton-Obama no seu lugar. Se fose necesario, tamén se unirían aos progresistas, como fixeron na década de 1930 con Franklin Delano Roosevelt.

 Trump tenta repetidamente fortalecer as súas alianzas con máis dun terzo dos empregados estadounidenses que parecen aprobar o seu réxime, sen importar canto ofenda aos demais. El acredita en que iso é suficiente para que a maioría dos capitalistas queden cos republicanos. Despois de todo, a maioría deses capitalistas prefire os republicanos; o seu réxime apoiou con toda firmeza o beneficio militar e empresarial. Só os fracasos colosais de Trump e os republicanos para preparar ou conter tanto a pandemia como o colapso económico causado polo capitalismo poderían cambiar o sentimento dos votantes e elixir os demócratas. Así é que Trump e os republicanos se concentran en negar eses fracasos e distraer a atención pública destes. O establishment do Partido Demócrata tenta persuadir os capitalistas de que un réxime con Biden xestionará mellor a pandemia e o colapso, brindará unha base de masas máis grande que apoie o capitalismo e só marxinalmente reformará as súas desigualdades.

 Para os progresistas de dentro e fóra do Partido Demócrata achégase unha gran elección. Moitos están a sentíreno así. Por unha banda, os progresistas poden acceder ao poder como os aliados hexemónicos máis atractivos para os capitalistas. Ao agudizar as críticas sociais en lugar de moderalas, os progresistas poden dar aos empregadores capitalistas alianzas hexemónicas máis fortes cos empregados que as que o establishment tradicional demócrata pode ou se atreve a ofrecer. Iso é máis ou menos o que fixo Trump ao desprazar o establishment tradicional do Partido Republicano. Doutra banda, os progresistas veranse tentados polo seu propio crecemento a romper coa alternancia bipartidista que mantén a hexemonía do capitalismo. Ademais, os progresistas poderían abrir a política estadounidense para que a xente tivese unha maior liberdade de elección: un partido anticapitalista e prosocialista competindo contra os dous partidos tradicionais procapitalistas.

 O problema político do capitalismo xurdiu da súa xustaposición intrinsecamente antidemocrática entre unha minoría de empregadores e unha maioría de empregados. As contradicións desa estrutura chocaron co sufraxio universal. As interminábeis manobras políticas ao redor de bloques hexemónicos con sectores alternativos de empregados permitiron sobrevivir ao capitalismo. Con todo, esas contradicións excederían finalmente a capacidade das manobras hexemónicas para contelas e controlalas. Unha pandemia combinada cun colapso económico importante pode provocar e permitir que os progresistas rompan con todo iso, muden a política dos Estados Unidos e fagan realidade cambios sociais longamente esperados.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 17 de agosto de 2020]

Volver