Estados Unidos: Resultados e perspectivas da presidencia de Donald Trump

James Petras - 28 Nov 2018

Trump soubo rendibilizar demagoxicamente os fracasos dos programas socioeconómicos (a favor das corporacións) e as múltiples guerras do Partido Demócrata para desenvolver as súas políticas interior e exterior.  Grazas a iso, soubo explotar o descontento popular e conseguiu o respaldo das grandes empresas prometendo reducións de impostos e a fin das regulacións.

Introdución

 É momento de realizar unha avaliación obxectiva da política interior e exterior do presidente Trump, dos medios empregados, os obxectivos propostos, e dos resultados e as consecuencias. A actuación de Trump esixe entrar a debater o estilo e o fondo das súas políticas na esfera nacional e internacional.

 Nesta tarefa, non avaliaremos as cousas que se centran en asuntos periféricos -como a investigación estatal sobre as historias conspiratorias da suposta intervención rusa- e centrarémonos nos temas estratéxicos con que a presidencia pretende transformar as relacións económicas, políticas e sociais a escala global.

“Trump en acción”: Política exterior

 O presidente Trump ten unha estratexia e traballa a fondo para facela realidade. A prioridade destacada da súa axenda é a defensa da supremacía global dos EUA mediante a palabra e os feitos.

 Para lograr o poder mundial, Trump utiliza múltiplas armas: acredita firmemente nos poderes máxicos do armamento e das palabras. Afirma que os anteriores presidentes “foron débiles e permitiron que outros nos explotasen”. Na súa opinión, o seu liderado fíxonos fortes e o noso poder está presente en todas partes e en todo momento.

 E como mostra o presidente a súa forza? A través de múltiplas guerras, sancións severas, aumento do gasto militar e unha maior concentración da riqueza, todo iso nos lugares estratéxicos. Con isto, segundo Trump, logramos intimidar os nosos rivais, competidores e adversarios.

 O presidente cita numerosos exemplos. En Siria, ocupamos rexións enteiras, construímos novas bases militares, contratamos e armamos a máis mercenarios e botamos as bombas máis potentes sobre cidades. Fachendea de ter debilitado a Irán ao dar por terminado o acordo nuclear e incrementar as sancións, o que precipitará, segundo el, un inminente colapso e un cambio de réxime. Proclama o éxito da súa guerra económica contra China e o devalar de Rusia, rodeada de mísiles nucleares e bases militares e  afogada polas sancións económicas.

 Trump gábasae dos novos triunfos políticos e aliados militares en América Latina. Considera que recuperou para o mercado a Arxentina, Brasil, Colombia, Chile e Ecuador, países que lle proporcionan un exército vasalo co que derrubar os gobernos de Venezuela, Cuba e Nicaragua.

 Trump presume do seu éxito na “r enegociación” do Tratado de Libre Comercio de América do Norte (NAFTA), cuxo nome foi cambiado e que en teoría fornece “acordos” mellores con México e Canadá.

 A Unión Europea e cada un dos seus membros sentiron a carraxe subxacente nas súas ameazas de guerra comercial e a súa esixencia de aumentar as contribucións á OTAN. Pediu aos alemáns que compren o petróleo e o gas aos EUA en lugar de llo mercar a Rusia; ameaza ás compañías europeas que se atrevan a cumprir os seus compromisos vixentes con Irán. Presume da venda de armas a Arabia Saudita por valor de 100.000 millóns de dólares e afirma a supremacía estadounidense en Oriente Próximo e norte de África.

 Se facemos caso das súas declaracións ruidosas e fanfurriñeiras, Trump gañou todas as guerras, conquistou a todos os seus competidores e sentou as bases para o “Século Americano” (sic). Cantos dos seus chíos sobre política exterior son un reflexo do mundo real e cantos son manifestacións baleiras?

O presidente Trump: pretensións e realidade

 A estratexia do presidente Trump en política exterior baséase máis en ameazas que en conquistas, máis en ruído que en negocios, máis en “loias” que en éxitos.

 Comecemos por Rusia. As sancións e o cerco militar non conseguiron debilitala. Berlín está incrementando os seus lazos comerciais co Kremlin, cómpralle máis petróleo e gas, constrúe gasodutos e afirma a autonomía da UE nos seus tratos con Rusia. O cerco militar baséase na implicación de socios bálticos de terceira categoría e bases de mísiles emprazadas en Polonia. En cambio, Rusia asinou acordos militares e económicos por valor de miles de millóns de dólares con China, unha potencia mundial.

 A resposta de Rusia ante a declaración de Trump da súa saída do acordo de mísiles nucleares foi a fabricación de armamento superior. En todos os aspectos, Rusia frustrou as sancións e as ameazas económicas de Trump.

 Malia a grandilocuencia con que Trump anunciou que “asfixiaría a China” con aranceis, o superávit comercial deste país cos EUA aumentou, mentres o déficit de EUA se incrementou.

 Estados Unidos creceu un 2,8 por cento, China un 6,5 por cento. Estados Unidos non conseguiu convencer a ningún dos seus aliados asiáticos de que se unan á súa guerra comercial contra China. Todo o contrario, pois incentivounos para buscareb alternativas coas que substituír as exportacións de EUA. Aínda que os asesores económicos de Trump ameazaron os grandes bancos de Wall Street para que deixen de ter negocios multimillonarios con China, a meirande parte deles fixeron caso omiso. Os banqueiros ignoran a guerra comercial de Trump porque os beneficios contan máis que a retórica gasosa.

 Arabia Saudita asina un acordo militar de 110.000 millóns de dólares con Trump... e logo só merca o 10 por cento! Parafraseando o presidente, son fake deals, acordos falsos.

 Trump sostén que a monarquía saudita é unha gran aliada, malia o seu boicot a Qatar, onde se sitúa a maior base militar estadounidense da rexión. Israel, o seu gran aliado en Oriente Próximo, ignora as sancións económicas a Rusia e a guerra comercial con China, dous dos seus maiores socios comerciais no sector da alta tecnoloxía.

 As guerras estadounidenses están perdendo apoio. Os rebeldes afgáns controlan a maior parte do país, rodean as capitais de provincia e forzan os xenerais estadounidenses a repregárense. Os aliados dos EUA en Siria retiráronse. Quédannos os separatistas kurdos, pero eles defenden os seus propios intereses, non os de Trump.

 En América Latina, Trump recibe gabanzas dos réximes de ultradereita de Brasil e Arxentina, que andan moi preto do colapso económico, a crise social e a revolta política.

Éxitos internos de dubidoso valor

 Trump gábase da gran redución de impostos para os multimillonarios con holdings no estranxeiro. Considérao todo un triunfo que creará emprego e producirá crecemento. En realidade, máis das tres cuartas partes dos beneficios repatriados foron investidos na recompra de accións que aumentaron os dividendos corporativos, non se investiron en ningunha actividade produtiva.

 A guerra comercial con China non creou empregos, engadiu custos aos consumidores, pois supuxo incrementos dos prezos.

 As súas políticas favorábeis á empresa reforzaron a influencia das grandes corporacións á hora de conseguir concesións multimillonarias dos gobernos locais e estatais. Jeff Bezos, o multi-mega-millonario propietario de Amazon, recuperou máis de 10.000 millóns de dólares en exencións fiscais, ademais das concesións financiadas polo Estado.

 En efecto, as transferencias de renda a gran escala e longo prazo de Trump benefician aos ricos máis que aos pobres, aumentan as desigualdades e reducen os fondos públicos para educación, sanidade e asistencia social.

 A oposición de Trump á sanidade universal, aos acordos internacionais sobre cambio climático, aos investimentos en infraestruturas nacionais e á regulación da supervisión bancaria aumentou o risco de desastres naturais, crises financeiras e mal funcionamento dos transportes.

 Malia o seu programa nacional retrógrado, Trump mantén o apoio electoral e non se enfronta a ningunha ameaza política inmediata por unha razón básica: os Demócratas non ofrecen ningunha alternativa.

 Os Demócratas corporativos que dirixen o partido apoian todas as políticas retrógradas de Trump: apoian o seu aumento do gasto militar e a redución fiscal aos superricos, ademais de se opoñeren a un programa nacional de sanidade para todos.

 Ademais, durante o dobre mandato do presidente Obama, os grandes bancos recibiron un rescate billonario, mentres 3 millóns de fogares foron desafiuzados por non poder facer fronte ao pagamento dos seus hipotecas; os salarios mínimos mantivéronse por baixo da liña de pobreza; e as desigualdades aumentaron, do mesmo xeito que as disparidades raciais.

 Baixo a presidencia de Obama detívose e deportouse a 2 millóns de inmigrantes, creando un precedente para as políticas contrarias á emigración de Trump. É dicir, os programas implementados por Trump son unha continuación e unha radicalización dos postos en marcha polo réxime de Obama.

Conclusión

 Trump soubo rendibilizar demagoxicamente os fracasos dos programas socioeconómicos (a favor das corporacións) e as múltiples guerras do Partido Demócrata para desenvolver as súas políticas interior e exterior.

 Grazas a iso, soubo explotar o descontento popular e conseguiu o respaldo das grandes empresas prometendo reducións de impostos e a fin das regulacións. Na práctica, a imposición de programas agresivos no ámbito nacional e no exterior contribuíu ao illamento e a perda de influencia de Washington. Ningún dos seus obxectivos orixinais foi alcanzado. Estados Unidos multiplicou os seus adversarios, e estes fortalecéronse e unificáronse. Washington perdeu mercados ben establecidos sen gañar ningún novo. O seu apoio viuse reducido sen gañar novos adherentes. Os “aliados” de confianza de Trump (Israel, Arabia Saudita, Alemaña e outros) fixeron perder forza ás súas agresivas políticas comerciais con Rusia e China. As sancións contra Irán eximiron aos principais compradores das exportacións petroleiras de Teherán. Mostrouse incapaz de conseguir os seus obxectivos en política interior e exterior pero estes fracasos non se traduciron nunha perda significativa de influencia.

 Europa está dividida internamente e móstrase incapaz de formular unha alternativa consecuente. América Latina afronta crises económicas que exclúen calquera intervención militar conxunta, malia os “acordos sobre o papel”.

 Pero o maior fracaso de Trump son as súas políticas con China. Todos e cada un dos principais aliados de EUA en Asia mantiveron e aumentaron os seus acordos comerciais con Pequín. A prematura celebración da vitoria diplomática sobre Corea do Norte esvaeuse, pois este país recuperou os seus lazos con China e Rusia e ampliounos.

 As opcións estratéxicas de Trump non alcanzaron os seus obxectivos. Non se produciu ningunha transformación global de gran impacto. Se os xenerais de Trump abandonan Afganistán, non será grazas ao Partido Demócrata ou aos europeos.

 As guerras comerciais con China non serviron para aumentar o emprego en EUA, pero os críticos de Trump en Wall Street negociaron novos acordos financeiros máis lucrativos.

 En resumo, os fracasos de Trump non crearon novas e mellores condicións para os mercados globais, non acabaron coas guerras nin melloraron o nivel de vida. Malia iso, moitos progresistas están satisfeitos por estes fracasos, aínda que non se beneficien deles.

 

[Artigo tirado do sitio web Rebelión, do 24 de novembro de 2018]