EUA: O final do neoliberalismo “progresista”

Nancy Fraser -

Continuadas polos seus sucesores, incluído Barak Obama, as políticas de Clinton degradaron as condicións de vida de todo o pobo traballador, e nomeadamente dos empregados na produción industrial

A elección de Donald Trump é unha máis dunha serie de insubordinacións políticas espectaculares que, en conxunto, apuntan a un colapso da hexemonía neoliberal. Entre esas insubordinacións, podemos mencionar, entre outras, o voto do Brexit no Reino Unido, o rexeitamento das reformas de Renzi en Italia, a campaña de Bernie Sanders para a nominación Demócrata nos EEUU e o apoio crecente recollido pola Fronte Nacional en Francia. Aínda cando difiren en ideoloxía e obxectivos, eses motíns electorais comparten un branco común: rexeitan a globalización gran-empresarial, o neoliberalismo e o establishment político que os promoveu. En todos os casos, os votantes din “Non!... á letal combinación de austeridade, libre comercio, débeda predatoria e traballo precario e mal pago que resulta característica do actual capitalismo financeirizado. Os seus votos son unha resposta á crise estrutural desta forma de capitalismo, crise que saltou por primeira vez á vista de todos coa case fusión da orde financeira global en 2008.

 Porén, até hai pouco, a resposta máis común a esta crise era a protesta social: espectacular e vívida, desde logo, pero de carácter ben efémero. Os sistemas políticos, en troca, parecían relativamente inmunes, aínda controlados por funcionarios de partido e elites do establishment, polo menos nos estados capitalistas poderosos como os EEUU, o Reino Unido e Alemaña. Mais agora as ondas electorais de choque reverberan por todo o planeta, incluídas as cidadelas das finanzas globais. Os que votaron por Trump, como os que votaron polo Brexit ou contra as reformas italianas, levantáronse contra os seus amos políticos. Burlándose das direccións dos partido, repudiaron o sistema que erosionou as súas condicións de vida nos últimos trinta anos. Os sorprendente non é que o fixeron, senón que tardasen tanto.

 Porén, a vitoria de Trump non é soamente unha revolta contra as finanzas globais. O que os seus votantes rexeitaron non foi o neoliberalismo sen máis, senón o neoliberalismo progresista. Isto pode soar como un oxímoron, pero trátase dun aliñamento, aínda que perverso, moi real: é a chave para entender os resultados electorais nos EEUU e se cadra tamén para comprender a evolución dos acontecementos noutras partes. Na forma que cobrou nos EEUU, o neoliberalismo progresista é unha alianza das correntes principais dos novos movementos sociais (feminismo, antirracismo, multiculturalismo e dereitos dos LGBTQ), por unha banda, e, polo outro, sectores de negocios de gama alta “simbólica” e sectores de servizos (Wall Street, Silicon Valley e Hollywood). Nesta alianza, as forzas progresistas uníronse efectivamente coas forzas do capitalismo cognitivo, especialmente a financeirización. Aínda que maldita sexa a graza, o certo é que as primeiras prestan o seu carisma a este último. Ideais como a diversidade e o “empoderamento”, que, en principio poderían servir a diferentes propósitos, agora dan lustre a políticas que resultaron devastadoras para a industria manufactureira e para as vidas do que outrora era a clase media.

 O neoliberalismo progresista desenvolveuse nos EEUU durante estas tres últimas décadas e foi ratificado polo triunfo electoral de Bill Clinton en 1992. Clinton foi o principal enxeñeiro e portaestandarte dos “Novos Demócratas”, o equivalente estadounidense do “Novo Laborismo” de Tony Blair. No canto da coalición do New Deal entre obreiros industriais sindicados, afroamericanos e clases medias urbanas, Clinton forxou unha nova alianza de empresarios, suburbanitas, novos movementos sociais e mocidade: todos proclamando orgullosos a súa bona fides moderna e progresista, amante da diversidade, o multiculturalismo e os dereitos das mulleres. Mesmo cando a administración Clinton fixo súas esas ideas progresistas, cortexou a Wall Street. Pasando o mando da economía a Goldman Sachs, desregulou o sistema bancario e negociou tratados de libre comercio que aceleraron a desindustrialización. O que se perdeu polo camiño foi o Cinto do Óxido, outrora bastión da democracia social do New Deal e agora a rexión que entregou o Colexio Electoral a Donald Trump. Esa rexión, xunto con novos centros industriais no Sur, recibiu un duro revés cando a financeirización máis desatada se espallou de vez no curso das pasadas dúas décadas. Continuadas polos seus sucesores, incluído Barak Obama, as políticas de Clinton degradaron as condicións de vida de todo o pobo traballador, e nomeadamente dos empregados na produción industrial. Para dicilo sumariamente: Clinton ten unha pesada responsabilidade no debilitamento das unións sindicais, no devalar dos salarios reais, no aumento da precariedade laboral e no auxe das familias con dous ingresos que veu a substituír o defunto salario familiar.

Como suxire isto último, ao asalto á seguridade social deulle lustre un verniz de carisma emancipatorio prestado polos novos movementos sociais. Durante todos os anos nos que se abría un cráter tras outro na súa industria manufactureira, o país estaba animado e entretido por un rebumbio de “diversidade”, “empoderameento” e “non –discriminación”. Identificando “progreso” con meritocracia no canto de igualdade, con eses termos equiparábase a “emancipación” co ascenso dunha pequena elite de mulleres “talentosas”, minorías e gays na xerarquía empresarial do quen gaña, fica con todo, no canto de coa abolición desta última. Esa comprensión liberal-individualista do “progreso” veu gradualmente a reemprazar a comprensión anticapitalista -máis abranxente, antixerárquica, igualitaria e sensíbel á clase social- da emancipación que florecera nos anos 60 e 70. Cando a Nova Esquerda minguou, a súa crítica estrutural da sociedade capitalista murchou, e o esquema mental liberal-individualista tradicional do país reafirmouse a si mesmo á vez que se contraían as aspiracións dos “progresistas” e dos sedicentes esquerdistas. Pero o que selou o acordo foi a coincidencia desta evolución co auxe do neoliberalismo. Un partido inclinado a liberalizar a economía capitalista atopou o seu compañeiro perfecto nun feminismo empresarial centrado na “vontade de dirixir” do leaning in ou en “romper o teito de cristal”.

 O resultado foi un “neoliberalismo progresista”, amalgama de truncados ideais de emancipación e formas letais de financeirización. Foi esa amalgama a que desbotaron in toto os votantes de Trump. Prominentes entre os deixados atrás neste bravo mundo cosmopolita eran os obreiros industriais, desde logo, pero tamén executivos, pequenos empresarios e todos os que dependían da industria no Cinto de Óxido e no Sur, así como as poboacións rurais devastadas polo desemprego e a droga. Para esas poboacións, ao dano da desindustrialización engadiuse o insulto do moralismo progresista, que se afixo a consideralos culturalmente atrasados. Rexeitando a globalización, os votantes de Trump repudiaban tamén o liberalismo cosmopolita identificado con ela. Algúns -non, desde logo, todos, nin moito menos- quedaron a un paso moi curto de culpar do empeoramento das súas condicións de vida á corrección política, ás xentes de cor, aos inmigrantes e os musulmáns. Aos seus ollos, as feministas e Wall Street eran aves dunha mesmo plumaxe, perfectamente unidas na persoa de Hillary Clinton.

 O que fixo posíbel esa combinación foi a ausencia de calquera esquerda xenuína. Malia arrebatos periódicos como Occupy Wall Street, que se revelou efémero, non houbo unha presenza sostida da esquerda nos EEUU desde hai varias décadas. Nin se deu aquí unha narrativa abranxente de esquerda que puidese vincular os lexítimos agravios dos votantes de Trump cunha crítica efectiva da financeirización, por unha banda, e coa visión antirracista, antisexista e antixerárquica da emancipación, polo outro. Igualmente devastador resultou que se deixasen esvaer os potenciais vínculos entre o mundo do traballo e os novos movementos sociais. Divorciados o un do outro, estes indispensábeis polos de calquera esquerda viábel afastáronse indefinidamente até chegar a parecer antitéticos.

 Polo menos até a salientábel de Bernie Sanders nas primarias, que se esforzou por unilos despois do relativo fracaso da consigna “As Vidas Negras Contan”. Facendo estalar o sentido común neoliberal reinante, a revolta de Sanders foi, no lado Demócrata, o paralelo de Trump. Así como Trump logrou facer a mudanza do establishment Republicano, Sanders estivo a nada de derrotar a sucesora unxida por Obama, cuxos apparatchiks controlaban todos e cada un dos resortes do poder no Partido Demócrata. Entre ambos, Sanders e Trump, galvanizaron unha enorme maioría do voto norteamericano. Pero só o populismo reaccionario de Trump sobreviviu. Mentres que el conseguiu desfacerse doadamente dos seus rivais republicanos, incluídos os predilectos dos grandes doadores de campaña e dos xefes do Partido, a insurrección de Sanders foi freada eficazmente por un Partido Demócrata moito menos democrático. No momento da elección xeral, a alternativa de esquerda xa fora suprimida. A opción que quedaba era un tómao ou déixao entre o populismo reaccionario e o neoliberalismo progresista: elixan a cor que queiran, mentres sexa negro. Cando a sedicente esquerda pechou filas con Hillary, a sorte estaba botada.

 Porén, e de agora en diante, este é un dilema que a esquerda debería rexeitar. No canto de aceptar os termos en que as clases políticas nos presentan o dilema que opón emancipación a protección social, o que deberiamos facer é traballar para redefinir eses termos partindo do amplo e crecente fondo de revulsión social contra a presente orde. No canto de poñernos ao lado da financeirización-cum-emancipación contra a protección social, o que deberiamos facer é construír unha nova alianza de emancipación e protección social contra a financeirización. Nese proxecto, que construiría sobre terreo preparado por Sanders, emancipación non significa diversificar a xerarquía empresarial, senón abolila. E prosperidade non significa incrementar o valor das accións ou o beneficios empresarial, senón a base de partida dunha boa vida para todos. Esa combinación segue sendo a única resposta de principios e gañadora na actual conxuntura.

 No que a min fai, non vertín ningunha bágoa pola derrota do neoliberalismo progresista. É verdade: hai moito que temer dunha administración Trump racista, antiinmigrante e antiecolóxica. Pero non deberiamos laiarnos nin da implosión da hexemonía neoliberal nin a demolición do clintonismo e as súas tenaces de ferro sobre o Partido Demócrata. A vitoria de Trump significa unha derrota da alianza entre emancipación e financeirización. Pero esta presidencia non ofrece solución ningunha á presente crise, non trae consigo a promesa dun novo réxime nin dunha hexemonía segura. Ao que nos enfrontamos máis ben é a un interregno, a unha situación aberta e inestábel na que os corazóns e as mentes están en xogo. Nesta situación, non só hai perigos, tamén oportunidades: a posibilidade de construír unha nova Nova Esquerda.

 Moito dependerá en parte de que os progresistas que apoiaron a campaña de Hillary sexan capaces de facer un serio exame de conciencia. Necesitarán librarse do mito, confortábel pero falso, de que perderon contra unha “panda deplorábel” (racistas, misóxinos, islamófobos e homófobos) auxiliados por Vladimir Putin e o FBI. Necesitarán recoñecer a súa propia parte de culpa ao sacrificar a protección social, o benestar material e a dignidade da clase obreira a unha falsa interpretación da emancipación entendida en termos de meritocracia, diversidade e empoderamento. Necesitarán pensar a fondo en como podemos transformar a economía política do capitalismo financeirizado revivindo o lema de campaña de Sanders –“socialismo democrático”- e imaxinando que podería ese lema significar no século XXI. Necesitarán, sobre todo, chegar á masa de votantes de Trump que non son racistas nin próximos á ultradereita, senón vítimas dun “sistema fraudulento” que poden e deben ser recrutadas para o proxecto antineoliberal dunha esquerda remozada.

 Iso non quere dicir esquecerse de preocupacións primordiais sobre o racismo e o sexismo. Mais significa molestarse en mostrar de que xeito esas inveteradas opresións históricas encontran novas expresións e novos fundamentos no capitalismo financeirizado dos nosos días. Rexeitando a idea falsa, de suma cero, que dominou a campaña electoral, deberiamos vincular os danos sufridos polas mulleres e as xentes de cor cos experimentados polos moitos que votaron a Trump. Por eses vieiros, unha esquerda revitalizada podería sentar os fundamentos dunha nova e potente coalición comprometida a loitar por todos.

 

[Artigo tirado do sitio web Sin Permiso, do 12 de xaneiro de 2017]

 

Volver