Europa: A pandemia derruba dogmas fiscais e orzamentarios

Isidro Esnaola - 31 Ago 2020

O rigor fiscal quedou aparcado coa chegada da pandemia e o confinamento. Mais os intentos por regresar canto antes ao déficit cero están sendo constantes. Porén, parece que nin Alemaña poderá volver á disciplina fiscal. É máis, inducir demanda investindo en coidados, educación ou sanidade é a única vía de saída á crise

 O Goberno alemán foi e segue a ser o principal valedor do rigor orzamentario na zona euro. Tanto é así que en 2011 decidiu incluír unha mención na súa Constitución para que fose de obrigado cumprimento para futuros gobernos. Desde aquela, o Executivo federal só se pode endebedar até un máximo do 0,35% do PIB. En circunstancias excepcionais pode superar ese límite, pero para iso debe ter a autorización da Cámara de Deputados (Bundestag).

 Este ano, a falta de previsión e a escasa preparación para facer fronte á expansión da pandemia do coronavirus obrigou os gobernos europeos a tomaren medidas drásticas que paralizaron a economía e trastornaron a vida social. O confinamento pechou negocios e servizos, e obrigou os executivos a realizaren gastos extraordinarios para poder manter aos traballadores nas súas casas mentres empresas, servizos e negocios permanecían pechados.

 O Goberno alemán non escatimou recursos para facer fronte á pandemia. Así, actualizou o orzamento federal en 218.500 millóns de euros, o que levará o déficit até o 7,5% do PIB a final de ano. De momento, o desfase entre ingresos e gastos equivale ao 3,2% do PIB, algo menos da metade da previsión para todo o ano. Ademais, a gran coalición gobernante en Berlín acordou un programa conxuntural para apoiar a economía cun límite de 750.000 millóns, tanto como o conxunto do plan de reconstrución aprobado pola Unión Europea. Unha importante demostración de poderío.

 Independentemente das medidas adoptadas por cada goberno, a caída da produción durante os dous primeiros trimestres do ano foi espectacular en todos os países. En Alemaña, o primeiro semestre pechaba cunha caída do PIB dun 11,3%. No entanto, diferentes organismos prevén que xa en outubro comece a repunta e que o próximo ano a súa economía creza un 5,2%. Malia o optimismo das previsións, o Executivo alemán non o debe ver moi claro a teor do que dixo recentemente o ministro de Finanzas, o socialdemócrata Olaf Schloz: «O próximo ano verémonos obrigados a pedir unha excepción á regra sobre o límite do endebedamento público».

 Unhas declaracións que inmediatamente foron matizadas polos seus socios. «A suspensión da regra do freo ao endebedamento é excepcional, non se debe converter en permanente», advertiu o mesmo día o deputado da CDU Eckhardt Rehberg. «O obxectivo do Goberno debería ser facer todo o posíbel para presentar un orzamento equilibrado o próximo ano», sinalou pola súa banda outro responsable dos democristiáns, Wolfgang Steiger.

 Esas declaracións translocen cal é o quid da cuestión neste momento: Non é o déficit nin as contas deste ano, senón volver á normalidade do «rigor fiscal» canto antes. Moitos dos movementos que houbo até o de agora na Unión Europea foron ditados por esa teima en recuperar a «normalidade» fiscal. A finais de marzo, ao que comezaron os confinamentos, quedou claro que sería imposíbel cumprir as estritas regras fiscais este ano, basicamente pola perda de recadación: coa economía parada e a xente metida na casa, pouca marxe quedaba para cumprir as previsións de ingresos.

 A partir dese momento, gran parte da loita que se mantivo no seo da Unión Europea -como testemuñan as declaracións de destacados membros da CDU antes apuntadas- sobre o fondo de recuperación, o modo de financiamento e a forma en que se avalan os recursos extraordinarios tiña como pano de fondo as regras fiscais suspendidas.

 Ríos de tinta se gastaron explicando os diferentes puntos de vista que había sobre como se avalaba a débeda. Tamén se falou por extenso sobre a batalla entre o norte «frugal» e o sur, por contraste, gastador. Pero había outra cuestión tan importante e era sobre o modo en que se repartiría. Este ano produciuse o maior impacto da pandemia e o lóxico sería pensar que os fondos se distribuísen este 2020. Con todo, os “falcóns” europeos alargaron os prazos para que a maior parte dos fondos se entreguen aos Estados en función duns plans que hai que elaborar, presentar e que teñen que recibir o apoio do resto de membros. Deste xeito, unha parte considerábel do financiamento extraordinario chegaría a partir de 2021, o que dun xeito elegante permite aos gobernos contabilizala no proxecto de orzamentos que elaboren para o ano que vén. Con eses ingresos extraordinarios non hai razón para que o próximo ano non se poidan cadrar os orzamentos e volver esixir a todos o cumprimento do conxunto de regras orzamentarias.

 É moi posíbel que ese fose un dos cabalos de batalla daquilo que se aprobou nunha longuísima cimeira que pecharon o 22 de xullo. É certo que houbo algunhas concesións no modo de avalar os créditos, pero no fondo eran unhas cesións menores para volver canto antes ás políticas fiscais restritivas. Dá a impresión de que algúns dirixentes europeos ven con clareza que se agora ceden e abren a man coas regras fiscais, xa non poderán pechala endexamais.

 As declaracións do ministro de Finanzas alemán advertindo de que quizais teñan que recorrer a un endebedamento extraordinario mostran que os rigoristas europeos talvez pecasen de optimismo e a situación económica sexa bastante máis delicada do que previron en xullo, ben sexa polos novos surtos da pandemia ou ben pola dinámica económica global. Malia as súas intencións de volver ao antigo cadro de estritas regras orzamentarias, se cadra vanse ver obrigados a pospoñelo. Se Alemaña necesita máis fondos, que non ocorrerá con outros socios como o Estado español, que lidera a caída do PIB na Unión Europea.

 O Goberno español pediu un adianto dos fondos europeos, segundo indicaron algúns medios durante os últimos días. «É chave para España que haxa un anticipo de fondos. O ano que vén necesitamos recibir fondos anticipados en cantidades suficientes para poder poñernos a andar cos investimentos e executar o orzamento, porque, senón, imos ter unha situación difícil», admitiu o director de Asuntos Económicos da Moncloa, Manuel de la Rocha, en declaracións recolleitas por Voz Pópuli.

 Se a caída do PIB no primeiro semestre rolda o 22% con respecto ao mesmo período de 2019, a recadación presenta unha caída menor, pero isto pode levar a engano porque a dinámica de cobro de impostos non é homoxénea ao longo do ano e, ademais, as declaracións preséntanse con certo atraso con respecto á actividade económica. A principios de verán presentáronse as do ano pasado.

 Por exemplo, durante os seis primeiros meses do ano, o Estado español ingresou por impostos un 11% menos que o ano pasado. As facendas forais vascas, agás Araba, presentaron uns números similares: 11-12% de descenso en Gipuzkoa e Bizkaia, e 15% en Nafarroa. Porén, se suma recadación de xullo a caída dispárase até case o 20% nos catro herrialdes. Estes vaivéns indican que é difícil predicir canto caerá ao final do exercicio, pero non deixan dúbida de que o descenso será moi importante.

 Se a recadación cae e os gastos crecen pola pandemia, o resultado é que o déficit se dispara. O Estado pechou 2019 cun déficit do 2,88% do PIB, pero para xuño alcanzara xa o 4,36% e a Facenda española prevé que a final de ano alcance o 10,3%. Iso supón un buraco nas contas do Estado de 115.000 millóns aproximadamente. Lóxico que estean esperando os fondos europeos como auga de maio.

 Da gravidade da situación dá conta a estrataxema que se lle ocorreu ao Executivo de Pedro Sánchez para aliviar o tremendo déficit que se aveciña e que tanto rebumbio levantou: pedir prestados aos concellos os superávit -remanentes que non lles deixou gastar- para llelos devolver no futuro en cómodos prazos. Con eses fondos poderá aliviar as tremendas estreiteces financeiras que se adiviñan neste momento.

 Unha manobra que, por certo, se inscribe perfectamente nas regras do rigor orzamentario vixentes, do que resulta que se Europa, e especialmente Alemaña, é reticente a alivialas, o Executivo español leva un dobre xogo: esixe a Europa unha flexibilidade que non permite na súa xurisdición ás institucións subordinadas.

 Os datos conxunturais sobre a evolución económica que van aparecendo, como o número de pernoitas no sector do turismo, non invitan ao optimismo, co que o buraco orzamentario pode ser maiúsculo. É evidente que, ante a incerteza, o investimento e o consumo caeron en todo o mundo e iso fai que a demanda se contraia. Se non se gasta, non se pode vender, nin producir nin crear emprego e, en consecuencia, tampouco se pode recadar.

 De xeito evidente, o Estado -a única institución económica con capacidade- ten que incentivar a demanda. Iso significa dúas cousas. A primeira é gastar máis, pero para iso é necesario modificar as estritas regras fiscais. E a segunda é gastar mellor: deixar os plans Renove, que non son máis que financiamento encuberto ás empresas, e gastar en protexer a xente, en empregos relacionados coa educación, os coidados e a sanidade.

 Desde o punto de vista da calidade de vida da xente, eses investimentos proporcionan uns coidados mellores, serven para desconxestionar a sanidade e permiten que a escola preste maior atención ás nenas e os nenos que máis o necesitan.

 Desde o punto de vista económico, ese investimento público crea emprego directo, o que aforra prestacións por desemprego e aumenta a recadación de impostos e as cotizacións sociais. Crea emprego e mellora as contas públicas, e ademais os soldos desas persoas gastaranse en produtos e servizos, é dicir, xerarán demanda para a industria, a hostalaría, o comercio e outros servizos.

 Todo isto é elemental, de primeiro de carreira, pero non o van facer. Estamos a principios do curso escolar e non foron capaces de contratar máis rastrexadores, máis persoal sanitario, máis profesores. Limitáronse a tomar calquera medida, por extravagante que fose, ser era de balde. E así vai todo: costa abaixo.

 

 

[Artigo tirado do xornal vasco Naiz, do 30 de agosto de 2020]