As crecentes mobilizacións de protesta que desde hai semanas se estenden por numerosos países europeos (e non só) representan un elemento máis que se suma ao panorama de crise internacional.
En Francia, un dos principais focos da crise continental, os estudantes saíron ás rúas para protestar contra a deterioración e as desigualdades no sector educativo. A eles uníronse os sindicatos e os «chalecos amarelos», que denunciaron o aumento dos prezos dos combustíbeis, os baixos salarios, os recortes orzamentarios e a redución das pensións.
As manifestacións acadaron dimensións impresionantes, mobilizando por volta de medio millón de persoas.
En Alemaña, decenas de milleiros de mozos saíron ás rúas para reclamaren vivenda, máis fondos para a educación e opoñérense á reintrodución do servizo militar obrigatorio. Os estudantes tamén se mobilizaron en Italia, o Estado español e Bélxica.
En Italia e noutros países, os sindicatos e os traballadores paralizaron os servizos públicos e o transporte para denunciar o custo de vida insostíbel.
No Estado español e Portugal, a crise da vivenda alimentada polos desafiuzamentos e polo vertixinoso aumento dos alugueiros levou ás rúas unha onda de descontento que reclama garantías para os sectores máis vulnerábeis da poboación.
Tamén houbo protestas estudantís en Serbia, Grecia e Albania, no marco dun descontento social xeneralizado vinculado á deterioración das condicións socioeconómicas, que tamén afectou a países de fóra de Europa como a India, Chile, México e Siria.
Contra a guerra e o rearmamento
A revolta diríxese non só contra as políticas económicas dos gobernos europeos, senón tamén, e de maneira crucial, contra as súas decisións de política exterior que alimentan guerras desde Ucraína até o golfo Pérsico, con repercusións evidentes en termos de aumento dos prezos da enerxía e recortes no gasto social en favor do rearme e da industria bélica.
Á xeración que saíu ás rúas pedíuselle que aceptase escolas en ruínas, traballo precario e alugueiros inasumíbeis co fin de liberar recursos para o sector da defensa. Entrementres, as desigualdades aumentan de maneira dramática.
Como sinalou o economista francés Thomas Piketty, mentres que en Francia a débeda pública pasou do 20 % do PIB en 1970 ao 120 % actual, a riqueza privada medrou dun xeito moito máis radical, pasando do 300 ao 600 % do PIB, cunha concentración extrema nos maiores patrimonios financeiros.
O problema que cómpre resolver, conclúe Piketty, é un problema de redistribución.
As reivindicacións das diversas protestas que se están a manifestar en todo o continente europeo tamén teñen que ver co uso indebido das infraestruturas civís con fins militares.
O 30 de outubro, os traballadores de 113 portos de 22 países de todo o mundo, na súa maioría portos europeos, foron á folga.
A mobilización dos traballadores portuarios ten a súa orixe na Declaración de Istambul do pasado mes de maio, na que se denuncia a transformación progresiva dos portos, das rutas marítimas e de toda a cadea de transporte nunha infraestrutura de guerra.
Ademais de condenar o xenocidio en Gaza, os traballadores portuarios exixen que se poña fin a calquera movemento de armas a través dos portos civís, que se deixe de utilizar os portos como bases das forzas armadas dos Estados Unidos, da OTAN e dos países europeos, reclaman que se deteña o rearme e que se melloren as condicións laborais nos portos.
Os traballadores fixeron especial fincapé na solidariedade co pobo palestino, con referencia específica ás condicións catastróficas nas que segue vivindo a poboación de Gaza, pero tamén á crecente crise en Cisxordania.
Como sinalaron representantes do movemento portuario: “Dado que máis do 90 % das importacións israelís chegan por vía marítima, os portos de todo o mundo representan o punto neurálxico da economía israelí”.
Violencia de Estado e represión da disidencia
Pola súa banda, os gobernos europeos —que forneceron armas e apoio loxístico á operación de exterminio levada a cabo por Israel en Gaza, que defenden a necesidade do rearmamento, que apoiaron as protestas en Irán (aínda que infiltradas polos Estados Unidos e Israel) e mesmo a inxustificada agresión militar israelí-estadounidense contra ese país, e que respaldaron numerosas revoltas contra gobernos non aliñados con Occidente— non dubidaron en estigmatizar e reprimir a «violencia» das protestas nas prazas europeas, facendo caso omiso dos decenas de milleiros de manifestantes que expresaron pacificamente o seu desacordo.
En Francia, milleiros de mozos foron detidos durante as mobilizacións e decenas resultaron feridos polas forzas de seguridade, algúns deles de gravidade.
O partido A Francia Insubmisa comparou a represión observada nas cidades francesas coa aplicada polas forzas de seguridade francesas na posesión colonial de Nova Caledonia en 2024: estado de excepción, toques de queda prolongados, prohibición xeral de manifestarse e amplo despregamento de forzas de seguridade cada vez máis militarizadas.
As razóns do descontento
Francia representa talvez o epicentro da crise europea, xa que resume os principais elementos que están na base do descontento xeneralizado en moitos outros países do continente.
A educación no país é unha das máis discriminatorias do mundo desenvolvido. As escolas das zonas desfavorecidas carecen de tantos recursos que a fenda para o alumnado que as frecuenta se volve insalvábel.
Entrementres, importantes recursos públicos estan a destinarse ás escolas privadas ás que acoden as familias máis acomodadas.
A crise da educación é só un dos aspectos da deterioración dos servizos públicos en Francia.
Entre outros, salientan a redución do gasto sanitario, o aumento do custo de vida e o estancamento dos salarios, os recortes nas pensións, a crise da vivenda social, o aumento da pobreza e das desigualdades.
Mentres a economía do país deixou de medrar e rexistra unha notábelcaída dos investimentos, á opinión pública francesa díselle que as políticas de austeridade son necesarias para reducir o déficit orzamentario e a enorme débeda pública.
Porén, o gasto público destinado á defensa segue aumentando. O presidente Emmanuel Macron anunciou que o gasto militar acadará os 64.000 millóns en 2027, tres anos antes do previsto inicialmente.
Esta contradición non é máis que a punta do iceberg de medio século de fracasos por parte das elites político-económicas do continente.
O afundimento de Europa
A decisión de deslocalizar a produción manufactureira cara a Asia resultou ser un erro estratéxico fatal. A idea de que as empresas europeas poderían producir a custos máis baixos e, deste xeito, aumentar a súa competitividade internacional, mentres o coñecemento técnico, o capital e a xestión permanecerían en Europa, revelou ser unha ilusión.
Como escribiu a experta suíza Marianne Volonté: “A propia produción reproduce e rexenera o coñecemento. Alí onde se desenvolve a actividade manufactureira, os enxeñeiros interactúan coas liñas de produción nun proceso de aprendizaxe continua. Arredor desas fábricas xorden novos provedores e os traballadores adquiren competencias cada vez máis especializadas. Os problemas resólvense, os procesos perfecciónanse e as tecnoloxías mellóranse noutros lugares. Ao longo dos anos e das décadas, a partir dunha simple subcontratación pode xurdir todo un ecosistema industrial, e iso é precisamente o que aconteceu”.
Ao mesmo tempo, os coñecementos, as competencias técnicas e a industria auxiliar pérdense alí onde deixa de existir a produción industrial.
En Europa, o chamado «mercado único» non xerou a prosperidade prometida. Un número cada vez maior de rexións europeas está sumido no estancamento e rexistra unha deterioración do nivel de vida, unha tendencia que nunca chegou a reverterse realmente desde a crise financeira de 2008, á que seguiron a crise do euro e as políticas de austeridade.
Como escribín nun artigo anterior: “A UE é cada vez máis unha Unión de desigualdades, na que as tendencias diverxentes seguen a reforzarse. O auxe dos partidos da chamada «extrema dereita» euroescéptica é, en boa medida, consecuencia do descontento xeneralizado nas rexións máis desfavorecidas.
As prolongadas políticas de austeridade, a redefinición das cadeas de fornecemento iniciada coa crise da Covid-19 e a decisión europea de renunciar á enerxía de baixo custo subministrada por Rusia non fixeron máis que agravar a crise.
A creación dunha nova cortina de ferro en Europa reorientou o sistema enerxético continental cara a unha dependencia cada vez maior das fontes máis caras e incertas de gas e petróleo procedentes dos Estados Unidos.
En poucos anos, Estados Unidos converteuse no principal provedor de gas natural licuado (GNL) e de petróleo, e no segundo provedor de carbón, despois de Australia.
O vertixinoso aumento da factura enerxética está a contribuír á desindustrialización de Alemaña (que noutro tempo foi a «locomotora» de Europa) e doutros países europeos.
A crise do golfo e o peche do estreito de Ormuz agravaron aínda máis o panorama da catástrofe enerxética europea.
Imposible dar marcha atrás
Cómpre lembrar que tanto a agresión contra Irán como a guerra contra Rusia en Ucraína forman parte dun conxunto de conflitos destinados a manter Occidente «á cabeza do mundo», segundo as palabras recentemente pronunciadas polo secretario de Estado Marco Rubio aos pés da Acrópole de Atenas.
Porén, esas guerras están acelerando o seu declive e, en particular, están a afundir Europa nunha crise sen precedentes nas últimas décadas.
Mais, como afirmou o eurodeputado alemán Michael von der Schulenburg, resulta extremadamente difícil para as elites políticas europeas retomar unha negociación seria con Rusia, porque negociar despois de catro anos de conflito significaría recoñecer que este xira arredor da arquitectura de seguridade en Europa, e non de cuestións territoriais.
Admitir que a expansión da OTAN cara ao leste desencadeou o conflito —argumenta von der Schulenburg— significaría recoñecer que a invasión rusa de Ucraína non foi unha agresión «sen provocación».
Noutras palabras, implicaría admitir unha responsabilidade europea no conflito, derivada do feito de non se teren tomado en consideración as preocupacións de seguridade de Rusia.
Aceptar un tratado que recoñeza a neutralidade de Ucraína, tal e como exixía Rusia antes do conflito, segundo von der Schulenburg, situaría as elites políticas europeas nunha situación extremadamente incómoda diante das súas respectivas poboacións, que lles pedirían contas por todos estes anos de guerra, que talvez causaron a morte de até un millón de persoas.
O feito de que a expansión descontrolada da OTAN conduciría a unha crise en Europa xa fora recoñecido a finais dos anos noventa do século pasado por Jack Matlock, exembaixador dos Estados Unidos na Unión Soviética, e por George Kennan, o arquitecto da estratexia estadounidense durante a Guerra Fría.
Pero o chanceler alemán Friedrich Merz segue a soster que Moscova, pola contra, pretende «desestabilizar toda a orde política do noso continente europeo» porque «teme a democracia», as «sociedades abertas» e o «éxito da integración europea».
Poucos días despois, reafirmou que Rusia, e non a situación da economía alemá, é a súa principal preocupación. Unhas afirmacións que non foron ben recibidas pola maioría da opinión pública alemá, que está a facer fronte á crise enerxética e ao aumento do custo de vida.
O «Estado búnker»
A crecente desconexión entre as elites gobernantes e as poboacións europeas é o elemento clave que levou ás recentes protestas nas rúas e, en xeral, ao crecente descontento dos últimos anos. A resposta dos gobernos de moitos países europeos foi inclinarse cara ao modelo do «Estado búnker», tal e como o definiu a investigadora Nel Bonilla.
Segundo Bonilla, estamos a presenciar a transición progresiva dunha planificación orientada ao «ben común» cara a outra centrada na preservación do sistema.
En lugar de actuar co obxectivo de garantir o ben público, a política do Estado oriéntase por completo cara á securitización e á militarización. Neste modelo, a poboación nacional xa non se considera un conxunto de cidadáns titulares de dereitos civís e económicos, senón, principalmente, un obxecto da seguridade nacional.
O cidadán convértese en simple capital humano: un recurso que cómpre optimizar e unha vulnerabilidade que hai que controlar. A disidencia concíbese como unha forma de sabotaxe do sistema. A censura convértese nunha forma de «hixiene administrativa» para manter un contorno cognitivo «seguro».
O espazo público é «esterilizado».
_____________________________________________________________________________
*Orixinal aquí.
_____________________________________________________________________________
[Artigo tirado do sitio web Observatorio de trabajadores en lucha, do 6 de novembro de 2026]