Europa é moral e espiritualmente indefendíbel

Ángeles Díez - 14 Nov 2023

O que estamos a ver desde o 7 de outubro en territorio palestino é o espello que reflicte o ser máis profundo de Europa, unha civilización moribunda que sabe que o que fan os sionistas aos palestinos é o que levan facendo os europeos e anglosaxóns durante séculos a todos os pobos que colonizaron

 “Unha civilización que se mostra incapaz de resolver os problemas que suscita o seu funcionamento é unha civilización decadente. Unha civilización que escolle pechar os ollos ante os seus problemas máis cruciais é unha civilización ferida. Unha civilización que lle fai trampas aos seus principios é unha civilización moribunda”. Así falaba Aimé Cesaire no seu Discurso sobre o colonialismo sobre a civilización occidental nos anos cincuenta. Aparentemente, o triunfo sobre o nazismo e o fascismo liberara a Europa dos réximes que inzaron de horror o mundo, e con todo, visto desde os pobos colonizados, os fascismos e a guerra apenas desenmascararan o verdadeiro rostro da civilización occidental.

 Cesaire soubo ver que expansión colonial e civilización occidental van da man; que o nazismo puido prosperar e expandirse pola conivencia desa civilización que vía nel un fenómeno pasaxeiro e non a barbarie suprema que había tempo se aplicaba aos pobos non europeos. Dicía que Europa antes de ser vítima do nazismo fora cómplice, que apoiara o nazismo antes de o padecer, que o lexitimou porque se aplicaba fóra das súas fronteiras.

 Podemos achegar esta reflexión ao que ocorre nestes momentos en Oriente Próximo e explicar as raíces profundas da complicidade europea no xenocidio dos palestinos.

 O conflito colonial sionista en Palestina tivo a súa orixe en Europa, e nin sequera podemos dicir que se iniciou coa autoproclamación do Estado sionista israelí en 1948. Todo empezou moito antes. O colonialismo foi, e é, a condición necesaria do capitalismo; e foron as potencias europeas as que, á vez que puñan en práctica o expansionismo saqueador e o exterminio das poboacións dos territorios colonizados, necesitaron desenvolver unha ideoloxía que, ante as súas propias poboacións, xustificase o xenocidio e a barbarie.

 O colonialismo de asentamento, que é o que practica o ente sionista en Palestina, implica acabar coa poboación nativa mediante a expulsión ou o exterminio, borrar todo resto de memoria e cultura do territorio, e non permitir que sobrevivan nin os nenos e as mulleres porque está neles o futuro de Palestina. Para iso, paradoxalmente, a Ilustración proporcionou os instrumentos racionalizadores capaces de xustificar as violencias máis atroces: a racionalización instrumental conforme os fins e o cálculo económico. Neste caso, garantir a hexemonía occidental en Oriente Próximo, un territorio do que necesita para subsistir o control das rutas comerciais, das fontes enerxéticas e do mercado.

 Esa comunidade internacional minoritaria que se autodenomina Occidente Global, vive nun mundo disociado. Por unha banda, os principios universais que di defender e que guían os seus actos; por outro, unhas prácticas antagónicas con eses principios, aínda que o certo é que neste mundo posmoderno en que habitamos se normalizaron os discursos esquizofrénicos nos que se sostén unha idea e a súa contraria case de forma simultánea. Dise que os palestinos teñen dereito a resistir o colonizador, á vez que son recriminados por resistiren. Afírmase que o Estado sionista israelí está a violar todas as convencións e resolucións internacionais á vez que se di que ten dereito a se defender.

 Os valores humanistas e civilizatorios que, no tránsito do fundamentalismo cristián medieval cara á modernidade, se enarboraron como principios universais, colócanse nun plano abstracto, ideal, sen que se formule a súa materialización práctica e sen que os datos obxectivos (a escravitude, o saqueo, o xenocidio) destrúan a súa credibilidade. Os fins, para esa racionalidade occidental anglosaxoa e europea, serán a acumulación económica, a continuidade do Estado e a salvagarda do modo de vida occidental. Todo o demais: o asasinato, o exterminio dos pobos, a demolición de casas, as detencións arbitrarias, o espolio dos recursos naturais…. son só danos colaterais ou consecuencias non queridas equiparábeis aos desastres naturais (terremotos, enchentes, furacáns, etc.). Á fin e ao cabo, estatísticas que serán borradas tarde ou cedo da memoria dos pobos civilizados.

 O proxecto democrático e civilizador europeo fixo necesaria a deshumanización dos pobos nativos para soster a gran cruzada civilizatoria, e esta deshumanización inseriuse nas correntes supremacistas e nacionalistas que permeaban toda Europa contrapondo a civilización europea aos “salvaxes”-o xardín fronte á selva, que diría Borrell-. Había que levar a civilización, a modernidade e o progreso a unhas xentes que non eran conscientes do valor económico da terra en que vivían.

 O sionismo estrutura o Estado israelí e a súa sociedade da mesma forma que o humanitarismo occidental define as nosas respostas europeas ante a limpeza étnica e o xenocidio dos palestinos. Respondemos ante o xenocidio dos palestinos comezando sempre os nosos discursos condenando o “terrorismo de Hamás”, ou a morte de civís sexan do bando que sexan. E nese principio está xa implícita a nosa posición, o que estamos dispostos a facer e o que non, están xa implícitos os límites do noso compromiso e a nosa solidariedade co pobo palestino.

 O sionismo naceu no continente europeo e prosperou nun contexto filosófico que proclamaba a civilización europea fronte ao salvaxismo dos pobos aos que quería someter e saquear. A Declaración universal dos Dereitos Humanos tivo lugar o 10 de decembro de 1948, o 14 de maio de 1948 autoproclamárase o Estado de Israel pondo en marcha a limpeza étnica (Al-Nakba) da poboación orixinaria palestina que continúa até hoxe, cada vez con maior crueldade e impunidade. O ovo da serpe eclosionara en Palestina, mais foi posto en Europa; e a declaración de Nacións Unidas convertíase así, para o caso de Palestina, nunha alegación retórica tranquilizadora de conciencias pusilánimes, incapaces de pór en práctica os principios que dicían defender.

 Hai unha conexión lóxica e práctica entre o nazismo, ou os fascismos, e as prácticas do Estado sionista israelí. Non son desatinadas estas conexións que estabelecemos intuitivamente pondo unhas á beira doutras as imaxes dos campos de concentración xudeus e as de Gaza, as dos nenos xudeus e os nenos palestinos aterrorizados. Certamente, os fascismos non terminaron coa guerra, pero tampouco se iniciaron con Hitler nin Mussolini nin Franco. Se os definimos como réximes supremacistas e racistas, non hai dúbida de que tanto a sociedade europea como as súas institucións deron mostras nas súas prácticas e políticas, camufladas primeiro baixo as consignas igualdade, liberdade e fraternidade, e despois coa tolerancia e a multiculturalidade, de pensarse e sentirse superiores ao resto dos Estados e pobos. Dicía W. Reich que «o fascismo é un fenómeno internacional, potencialmente presente en toda sociedade humana na que exista o racismo»; pois ben, trátase dun feito, non dunha posibilidade no caso de Europa e sen dúbida aplicábel a Estados Unidos desde as súas orixes como Estados.

 Na última década do século XX e o que levamos de século XXI estamos a asistir ao florecemento de vellas e novas formas de fascismos, lideradas por Estados Unidos, que adquiren distintas expresións: guerras interpostas en África, guerras económicas, bloqueos e sancións en América Latina, lawfare, operacións encubertas como as revolucións de cores, terrorismo financeiro, extorsión, intervencións humanitarias, golpes de estado e un longo etcétera. Non se trata só de intereses económicos e de expansión imperialista. O racismo e a ideoloxía supremacista son consubstanciais ao capitalismo como sistema económico e ao liberalismo como ideoloxía, xa que sen esta ideoloxía non poden sobrevivir. En todos estes procesos, Europa reaccionou da mesma forma, acolléndose aos principios universais, aos dereitos humanos, para tolerar a inxerencia estadounidense, para consentir a destitución ou asasinato de presidentes non convenientes. Tras o declinar das potencias europeas, estas pasan de ser executores directos a cómplices necesarios do colonialismo sionista en Palestina.

 Os sistemas políticos aos que chamamos democracias non se desenvolveron en oposición ao fascismo, senón servíndose del para lexitimar a súa expansión e controlar as súas poboacións atemorizándoas cun mal maior. O que estamos a ver desde o 7 de outubro en territorio palestino é o espello que reflicte o ser máis profundo de Europa, unha civilización moribunda que sabe que o que fan os sionistas aos palestinos é o que levan facendo os europeos e anglosaxóns durante séculos a todos os pobos que colonizaron. A única diferenza está en que, tras a Segunda Guerra Mundial, foi Estados Unidos quen liderou o saqueo.

 O colonialismo sionista e a súa barbarie non é o resultado dunhas poucas mentes asasinas, ou dalgúns gobernantes sociópatas, como queren que creamos certos humanistas europeos. O colonialismo, dicía Sartre, é un sistema, e para que funcione como tal abrangue todos os ámbitos da vida: a economía, a psicoloxía, a cultura, a política… e da mesma forma que ningún pobo se pode desenvolver e sobrevivir baixo réxime de ocupación, ningunha nación sobrevivirá nin moral nin politicamente consentindo as atrocidades que comete o colonialismo sionista en Palestina.

 

[Artigo tirado do sitio web Público, do 13 de novembro de 2023]