Europa: O colapso do Estado de benestar e os seus efectos nas mulleres

Tijana Okic - 23 Mai 2019

Enfrontámonos á crise que resulta do colapso do Estado de benestar. Con ela, toda a carga da reprodución social transfírese ás familias en xeral e ás mulleres en particular. Estas últimas, que xa soportan unha diferenza salarial de xénero de carácter estrutural, vense forzadas a asumir máis traballos remunerados e máis labores reprodutivos, traballos domésticos e coidados de menores e anciás

 Estamos a vivir nun período de fonda crise que ten un efecto particularmente negativo na vida das mulleres e un impacto igualmente negativo en certas minorías (comunidades migrantes), nas persoas con discapacidade e na comunidade LGBTIQ.

 Desde que comezou a última crise económica capitalista de 2008, a diferenza entre as taxas de emprego de homes e mulleres reduciuse na maioría dos Estados membros da Unión Europea (UE), mais os datos varían e existen diferenzas entre o centro e a periferia e entre os países membros e non membros da UE, así como entre cada país(1).

 As causas desta diminución explícanse polo feito de que durante a crise foron os sectores tipicamente masculinos os máis afectados por despedimentos e recortes, mentres que, doutra banda, as mulleres seguen prevalecendo no que son en gran medida profesións feminizadas, peor pagas, pero máis estábeis en tempos de crises, como o ensino, a sanidade (enfermeiras) ou a función pública en xeral. Porén, isto non implica de ningún xeito que as mulleres xa non sufran desigualdades de xénero nin discriminación no emprego, os salarios e as condicións de traballo. Sófrenas e historicamente sufríronas, e esta tendencia mantense(2). Por exemplo, a diferenza de xénero en materia salarial, un dos trazos estruturais do sistema capitalista, segue dándose en todas partes sen excepción. Nos países da UE, a diferenza salarial media entre homes e mulleres é do 16,2%, con variacións nacionais significativas. Tamén varía dun ramo a outro e adoita ser maior no sector privado que no público(3).

 Os estudos pertinentes tamén demostran que as mulleres, malia a diminución das taxas de paro, son máis vulnerábeis e están máis expostas ao risco de pobreza. Esta tendencia tamén se mantén. A investigación confirma así mesmo que malia que se reduciu a diferenza entre as taxas de desemprego de homes e mulleres, e que nalgúns casos incluso as mulleres superan os homes na realización de estudos superiores, iso non minora o feito de que as mulleres teñen máis probabilidades de se veren expostas ao risco de violencia, enfermidade e pobreza. Coméntase desde hai moito que en tempos de crise as mulleres entran no mercado laboral porque en xeral representan unha forza de traballo máis precaria e menos estábel, con taxas globalmente máis baixas de participación, e deste xeito veñen substituír temporalmente o modelo xeral do home como sustento da familia(4).

 As estatísticas oficiais da UE confirman, por exemplo, que as mulleres, en comparanza cos homes, son máis propensas a aceptar contratos de traballo a xornada parcial(5). Desde que comezou a crise económica e o Estado de benestar comezou a desintegrarse, a disciplina orzamentaria, os recortes do gasto social e dos fondos públicos en xeral reduciron significativamente os investimentos en educación, sanidade e coidados (tamén neste caso podemos observar as diferenzas entre o centro e a periferia da UE e entre os Estados membros e os países non comunitarios).

 Isto significa á súa vez que a carga da reprodución social recae nas familias e en particular nas mulleres: estas vense forzadas entón a aceptar empregos temporais co fin de cubrir algúns gastos e contribuír ao orzamento familiar e, ademais, dedicarse ao coidado dos fillos e dos anciáns. Noutras palabras, os servizos que antes se mercaban foron substituídos agora polo traballo feminino intensivo, nomeadamente en tarefas domésticas. As nais solteiras son especialmente vulnerábeis e teñen máis probabilidades de sufrir diversas formas de pobreza e outras desvantaxes sociais: “Algúns grupos de mulleres caracterízanse por unha maior propensión a traballar a xornada parcial, concretamente as dos grupos máis novos e de máis idade e as nais de nenos pequenos” (Salladarré e Halimi, 2014).

 Ademais, “os postos de traballo a xornada parcial adoitan ser de peor calidade e páganse con salarios por hora máis baixos, comportan menos formación e menos oportunidades de promoción profesional e mingúan os dereitos a pensión. Moitas máis mulleres que homes traballan a xornada parcial. En 2015, como termo medio do conxunto da UE, o 8,9% dos homes traballaba a xornada parcial fronte ao 32,1% das mulleres”6). O emprego temporal tamén é un medio de promover a flexibilidade de mercado, e nalgúns países, particularmente en Italia, Grecia e o Estado español, as mulleres son máis propensas a ter contratos de traballo indefinidos a xornada parcial. Máis en xeral, baixo o impulso do Consello da Unión Europea, revértese a lexislación laboral e os convenios de empresa prevalecen sobre os de ramo, o que permite ás empresas impoñer ás mulleres unhas condicións de traballo flexíbeis, así como rebaixar as normas de seguridade e hixiene e os sistemas de protección do traballo.

 No seu informe “Migrants, minorities and employment exclusion and discrimination in the 27 Member States of the European Union-Update 2003-2008”, publicado en 2010, a Axencia dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea sinala: “Os datos dispoñíbeis indican que as mulleres migrantes e doutras minorías ocupan os postos de traballo peor pagos e menos cualificados nos segmentos máis marxinados do mercado laboral. Con frecuente, as súas oportunidades de emprego cínguense ao traballo no ámbito doméstico, cun alto risco de inseguridade laboral e, en moitos casos, cunhas condicións de traballo irregulares. Ademais, as experiencias de discriminación das mulleres migrantes e doutras minorías varían en función das diversas posicións sociais e legais que ocupan e das actitudes da poboación maioritaria coa que tratan”.

 Os países balcánicos, que non todos forman parte aínda da UE, tamén mostran trazos similares. No período da chamada transición, case todos estes países experimentaron graves problemas económicos e sociais que se viron exacerbados pola crise actual. A desindustrialización xeral, a conseguinte elevación da taxa de paro e o crecemento baseado no endebedamento, seguidos dos programas de axuste estrutural impostos polo FMI, o BCE e a UE, tiveron efectos devastadores en sociedades enteiras e nas mulleres en particular. En case todos estes países, as diferenzas entre as taxas de participación de mulleres e homes no traballo son abraiantes.

 Nalgúns países, como Bosnía e Hercegovina, a taxa de analfabetismo é case do 3%, e a maioría da poboación analfabeta fórmana mulleres. A porcentaxe de analfabetismo funcional é máis elevada, e a de analfabetismo informático ascende a por volta do 40%(7). Todos estes países ser viron forzados a adoptar o programa económico neoliberal, a cambiar a lexislación laboral, proporcionar incentivos ao gran capital mediante a implantación duns tipos fiscais planos moi baixos e diversas formas de imposición indirecta regresiva, ademais de liberalizar os mercados. Por moito que as estatísticas oficiais da UE afirmen que a taxa de pobreza se reduciu a raíz da ampliación ou do asinamento de acordos de estabilización e asociación, o certo é que todos estes países coñeceron unha vaga emigratoria masiva que non queda reflectida. En termos económicos, isto é parecido á vaga de emigración dos países periféricos da UE: expórtase man de obra para compensar desequilibrios comerciais e amortizar a débeda privada e pública.

 En suma, de acordo coas estatísticas oficiais europeas, contra o 24% da poboación de Europa está en risco de pobreza e exclusión. Case unha de cada catro persoa europeas sofre algunha forma de pobreza, sen contar os Estados que non son membros da UE, onde as porcentaxes son aínda maiores(8). Como xa sinalamos, as mulleres teñen máis probabilidades de experimentar formas de exclusión, pobreza e violencia, tanto na casa como no traballo.

Volta ao fogar? Impoñendo a dupla carga

 Co ascenso dos movementos de extrema dereita racista, a esquerda enfróntase a desafíos en todas as frontes. A eclosión da chamada ideoloxía de dereita alternativa xerou outra peculiaridade: un ataque ao feminismo e aos movementos feministas que a partir da década de 1960 lograron unha influencia pública significativa e fixeron moito pola liberación e a emancipación das mulleres en todo o mundo. Os movementos e partidos políticos de dereitas e as asociacións dereitistas, racistas e homófobas da sociedade civil demonizan cada vez máis o feminismo. A violencia contra as mulleres vai en aumento de diversos xeitos: desde os feminicidios até a ofensiva contra os dereitos reprodutivos das mulleres e as súas condicións de vida en xeral.

 Os medios en xeral apoian os conservadores e por iso é polo que presentan toda esta cuestión como un conflito de valores. Deste xeito, cóntannos unha historia ideoloxicamente nesgada na que o feminismo e os valores feministas se cualifican de contrarios á familia e opostos aos valores heteronormativos e patriarcais que queren salvar o mundo fronte ás feministas. A verdade, así e todo, é diferente.

 Ao que nos enfrontamos de feito é á crise que resulta do colapso do Estado de benestar. Con ela, toda a carga da reprodución social transfírese ás familias en xeral e ás mulleres en particular. Estas últimas, que xa soportan unha diferenza salarial de xénero de carácter estrutural, vense forzadas, por unha banda, a asumir máis traballos remunerados e, por outra, a asumir máis labores reprodutivos, traballos domésticos e coidados de menores e anciás (e tamén se ocupan da familia extensa, especialmente nos países periféricos e extracomunitarios). O que ás veces se ve como unha aberración, a idea de que a ideoloxía de dereitas non é máis que o oposto ao status quo actual, é en realidade un intento de naturalizar o capitalismo na súa forma neoliberal.

 A idea subxacente a esta naturalización consiste en dicir que o colapso do Estado de benestar nos sectores do ensino público, a sanidade e os coidados é necesario e que as mulleres deben volver ser consideradas nais, educadoras e coidadoras, e que esta é a súa función natural e a única posíbel. Non son o feminismo para todas (a diferenza do feminismo de clase media ou individualista para as mulleres máis acomodadas e de rendas altas) nin a esquerda as que socavan a familia, senón que, como sinalaron Marx e Engels, é o capitalismo e as súas crises o que provoca a discordia no fogar e a violencia contra as mulleres, obriga os nenos a vivir na rúa e illa os seres humanos entre si.

 Porén, e xustamente debido á crise, para moita xente a familia aparece como o único espazo de seguridade; que representa un mecanismo de axuda mutua fronte á tiranía do libre mercado. Esta é a base material do apoio popular ás ideas da dereita en ausencia dunha alternativa de esquerda. De aí que determinados círculos políticos e ideolóxicos ataquen o feminismo e tenten de anular todo aquilo polo que as mulleres loitaron durante séculos no seo do movemento feminista e do movemento obreiro. Esta é a razón pola que pensamos que a mobilización feminista en todo o mundo é particularmente relevante. Desde Sudamérica até Europa, pasando por África, India e Norteamérica, as mobilizacións feministas tiveron un enorme impacto neste período no que parecía non haber nada no horizonte.

 Desde 2015, o movemento Ni una menos(9), que ten a súa orixe nas mobilizacións feministas daquel ano en Arxentina, estendeuse a case todos os continentes. A partir de entón, grupos e movementos feministas organizaron numerosas manifestacións para reivindicar a igualdade, pero non só de dereitos. Concretamente, foron mulleres organizadas en torno a varios grupos feministas as que se mobilizaron, por exemplo, en Polonia contra a prohibición do aborto, ou en Irlanda a favor dun referendo que acabou legalizando o dereito ao aborto. Noutros países europeos, os movementos feministas son os únicos que actualmente protagonizan a loita contra o capitalismo e contra un ataque xeral á vida (as condicións en que vivimos, a destrución do ambiente, sistemas educativo, sanitario e de coidados...). En 2018 vimos unha das maiores vagas de manifestacións de mulleres en todo o mundo coa organización da folga internacional de mulleres. Esta forma de loita sen precedentes, que mobilizou millóns de mulleres traballadoras organizadas en Francia e Italia nunha folga xeral, xuntou quizais por primeira vez grandes masas de mulleres que traballan fóra de casa e mulleres que traballan no fogar, superando deste xeito a clásica separación burguesa entre o público e o privado, que tamén adopta a forma de separación de xénero entre as esferas masculina e feminina.

 As mobilizacións feministas foron un éxito precisamente porque lograron demostrar que non se trata dun conflito de valores, senón dun intento de transferir toda a carga da reprodución social á familia e as mulleres. Foi sobre esta base, e mediante a unión cos sindicatos, como as mobilizacións cumpriron as expectativas.

 Recentemente vimos así mesmo unha vaga de protestas en Google, onde traballadoras de todos os continentes organizaron unha campaña, Walk out (Sae fóra), abandonando os seus despachos para protestar contra o estendido acoso sexual dentro da empresa e as persistentes diferenzas salariais de xénero e esixir que a empresa abordase as acusacións de acoso sexual contra os seus altos executivos e aplicase o principio de igual salario para traballo igual(10).

 Moitas experiencias de todo o mundo demostran que cando os investidores atacan os recursos de comunidades locais, as mulleres son as primeiras que saen a defender os bens públicos. Isto é así porque as mulleres son as primeiras en sufrir os efectos negativos a longo prazo da escaseza de recursos, a deterioración do ambiente, así como as consecuencias das políticas de austeridade en xeral. Na nosa época, Silvia Federici é unha das feministas que desenvolveu amplamente estas cuestións e sinalou varias formas de violencia cometidas por e en prol do gran capital nas súas distintas encarnacións, destacando en particular a relación que garda isto cos procesos (continuos) de acumulación de capital dentro dunha perspectiva histórica.

 Por estas razóns pensamos que non abonda con se opoñer simplemente á misoxinia, senón tamén ao chovinismo, o racismo e a xenofobia. Estas loitas deben unificarse coas loitas pola igualdade que vaian máis aló do marco da pura igualdade ante a lei. A arremetida da política neoliberal, o endebedamento, a mercantilización da vivenda e a crise do Estado de benestar están a signifar unha enorme peaxe en todo o planeta. Necesitamos un movemento feminista máis amplo, unido ás loitas en torno ao traballo, os salarios, a vivenda, os coidados, a educación, a sanidade e contra os ataques á vida e aos nosos medios de subsistencia.

 Todos os estudos pertinentes sinalan o feito de que alcanzamos un límite crítico e estamos realmente nun punto sen retorno. A única saída é a loita contra o gran capital a fin de nos emancipar e librar das condicións en que vivimos. Ni una menos pode servir dun dos mellores exemplos e fontes de inspiración, como resume un colectivo de feministas: “A violencia contra as mulleres, tal como se define, ten moitas facetas: é violencia doméstica, pero tamén violencia do mercado, da débeda, das relacións de propiedade capitalistas e do Estado; violencia das políticas discriminatorias contra mulleres lesbianas, transexuais e queer; a violencia da criminalización polo Estado dos movementos migratorios; a violencia dos encarceramentos masivos e a violencia institucional contra os corpos das mulleres mediante as prohibicións do aborto e a falta de acceso á atención sanitaria gratuíta e ao aborto gratuíto. A súa perspectiva nutre a nosa determinación de nos opoñermos aos ataques institucionais, políticos, culturais e económicos contra mulleres musulmás e migrantes, contra mulleres de cor e mulleres en paro e ocupadas, contra mulleres lesbianas, as que non se conforman aos roles de xénero e as transexuais”(11).

Conclusión

 Os gobernos de esquerda deben sintetizar as loitas dos movementos e ir máis aló das simples demandas de igualdade formal para combater a división sexual do traballo e o carácter privatizado e feminizado da reprodución social. As raíces da forma contemporánea do patriarcado sitúanse no carácter privatizado da reprodución da forza de traballo e na responsabilidade das mulleres sobre a súa crianza e mantemento. Existe unha unidade entre o carácter da forza de traballo como mercadoría e a división sexual do traballo, a idea do traballo e do papel das mulleres na sociedade, que se presenta na división entre o privado e o público, a familia e a sociedade, a emoción e a razón, as distintas formas de coidados feminizados e a produción de valor. Son estas separacións e alienacións as que converten a familia nun lastre central dun sistema en crise, un apoio a ideas reaccionarias que intentan obrigar as mulleres a pagar a crise do capital e que temos que combater.

 Temos que formular propostas críbeis para o financiamento público da socialización da reprodución social. Temos que investir masivamente en escolas infantís, comedores e lavandarías municipais co propósito a medio ou longo prazo de ofrecer estes servizos como bens públicos gratuítos no punto de demanda. Deste xeito crearemos as condicións necesarias para a integración de homes e mulleres en todos os sectores económicos en pé de igualdade e con salario igual. Comezaremos a sentar as bases para o final do traballo das mulleres no fogar e na economía, transformando deste xeito a división sexual do traballo dun xeito verdadeiramente igualitario e libertario.

 No período de transición teremos que aplicar cotas para asegurar que as mulleres e inmigrantes estean debidamente representadas nos sectores económicos da súa elección, pero en particular no sector público. Neste último, o noso propósito é crear formas de flexibilidade que non estean ao servizo dos intereses do capital, que impón unha reprodución da forza de traballo a baixo custo na familia a expensas das mulleres, senón que permitan que as mulleres decidan se desexan ter ou non ter descendencia, traballar menos horas ou non para criar os fillos e fillas, emprender ou non unha carreira profesional, exercer o dereito de autodeterminación reprodutiva e despregar todo o seu potencial no traballo e a sociedade. Deste xeito, o sector público socializado será a panca para introducir cambios máis amplos na sociedade. O noso propósito é cooperar cos movementos de liberación para transformar a reprodución social desde abaixo mediante iniciativas de movementos autoorganizados.

 Así, as medidas concretas que deben adoptar os movementos sociais poderían ser:

- Loitar en prol da plena igualdade para todos e todas, contra todas as formas de violencia e discriminación por motivos de xénero, clase, raza e idade.

- Esixir a descriminalización das manifestacións e accións de solidariedade con migrantes e outros grupos vulnerábeis.

- Reclamar e loitar por un salario igual para un traballo igual.

- Loitar pola socialización da carga da reprodución social: polo investimento en escolas infantís, comedores e lavandarías municipais.

- Loitar por unha meirande participación cidadá nas decisións políticas a nivel municipal.

- Loitar pola protección das fontes de auga potábel e todos os demais medios de subsistencia.

- Mobilizarse contra a soberanía das altas finanzas, a débeda e as políticas de austeridade.

- Mobilizarse en torno ás cuestións de saúde reprodutiva e dereitos reprodutivos.

- Mobilizarse en torno ás cuestións de migración e apertura de fronteiras.

- Loitar contra as guerras imperialistas dirixidas pola coalición da OTAN, que destrúen sociedades enteiras.

 E as medidas concretas que deben adoptar os gobernos de esquerda:

- Aumentar os impostos ao gran capital para financiar unha expansión masiva do sector público e promover o emprego en sectores asociados coa transición ecolóxica e a economía verde.

- Ampliar o emprego a xornada completa de mulleres no sector público.

- Facer cumprir a legalidade vixente sobre a igualdade salarial por un traballo igual no sector público e aplicar medidas punitivas contra as empresas privadas que incumpren as leis.

- Liberar as mulleres de toda a carga da reprodución social:

  • Investindo na socialización da reprodución social mediante a ampliación da oferta de escolas infantís, comedores e lavandarías municipais; ao comezo, estes servizos estarían fortemente subvencionados con vistas ao seu uso como bens públicos gratuítos.
  • Asegurando que o traballo no ensino, a sanidade e os coidados a nivel municipal non se feminice, é dicir, que nestes sectores haxa un equilibrio entre traballadores e traballadoras.

- Promulgar leis que aseguren que as mulleres que volven ao traballo despois do parto ou despois de coidar do seu fillo ou filla non se vexan discriminadas na súa carreira profesional.

- Promulgar leis e facer cumprir a legalidade vixente en defensa dos dereitos civís e laborais das persoas LGBTIQ.

- Establecer cotas legais para que a poboación inmigrante atope traballo, en igualdade de condicións salariais, no sector público.

- Complementar a lexislación en materia de igualdade con campañas públicas e apoio material ás comunidades e movementos que loitan contra o racismo e a opresión e discriminación de xénero.

- Reformar a lexislación vixente para apoiar as vítimas de violencia sexual e doméstica, incluídos os e as menores: apoiar a lexislación con campañas públicas e apoio material ás mulleres que responden ás agresións e aos movementos xuvenís que articulan as súas propias demandas.

- Aumentar a participación cidadá nos asuntos que afectan á súa vida cotiá mediante a implantación de mecanismos de autoxestión en todas as unidades de traballo do sector público e de mecanismos de autoxestión comunitarios para acompañar os procesos de socialización da reprodución social.

____________________________________________________________________________

Referencias:

Salladarré, Fréderic e Halimi, Stéphane (2014) “Women and part estafe work in Europe”, International Labour Review, 153, 2.

_____________________________________________________________________________

Notas

1/ https://ec.europa.eu/eurostat/statistics-explained/index.php/Unemployment_statistics#Male_and_female_unemployment

2/ Ibid

3/ Véxase por exemplo: https://ec.europa.eu/eurostat/documents/2995521/8718272/3-07032018-BP-EN.pdf/fb402341-e7fd-42b8-a7cc-4e33587d79aa y Veronika Hedija (2017), Sector-specific gender pay gap: evidence from the European Union Countries, Economic Research-Ekonomska Istraživanja, 30:1, dispoñíbel en: https://www.tandfonline.com/doi/pdf/10.1080/1331677X.2017.1392886.

4/ http://www.euroframe.org/files/user_upload/euroframe/docs/2011/EUROF11_Cochard_Cornilleau_Perivier.pdf; y también: http://berkeleyjournal.org/2016/03/from-the-archives-the-circular-trap-women-and-part-time-work).

5/ https://eige.europa.eu/rdc/eige-publications/gender-equality-and-economic-independence-part-time-work-and-self-employment-report.

6/ http://ec.europa.eu/social/main.jsp?langId=en&catId=1196&newsId=2535&furtherNews=yes.

7/ http://fzs.ba/index.php/popis-stanovnistva/popis-stanovnistva-2013/konacni-rezultati-popisa-2013). Por exemplo, en canto ás estatísticas relativas ao analfabetismo funcional nos países desenvolvidos da UE, véxase: https://ec.europa.eu/epale/fr/blog/analfabetyzm-funkcjonalny-doroslych-w-krajach-bogatego-zachodu

8/ https://ec.europa.eu/eurostat/statistics-explained/index.php/Unemployment_statistics#Male_and_female_unemployment,

https://borgenproject.org/facts-about-poverty-in-europe),

https://europeanwesternbalkans.com/2017/01/24/poverty-in-the-balkans/

9/ http://niunamenos.org.ar/category/manifiestos/

https://radio.uchile.cl/2016/10/22/ni-una-menos-el-movimiento-que-promueve-la-proteccion-y-organizacion-entre-mujeres/

10/ https://www.theguardian.com/technology/2018/nov/01/google-walkout-global-protests-employees-sexual-harassment-scandals

11/ Texto dispoñibel en: https://www.viewpointmag.com/2017/02/03/beyond-lean-in-for-a-feminism-of-the-99-and-a-militant-international-strike-on-march-8). En español: http://vientosur.info/spip.php?article12192.

_____________________________________________________________________________

 

[Artigo tirado do sitio web Viento Sur, maio de 2019]