Europa, outra vítima da guerra en Ucraína

Ascanio Bernardeschi - 25 Mai 2022

Co pretexto da guerra en Ucraína o imperialismo estadounidense e europeo relanzou unha carreira de rearmamento apostando pola extensión dun conflito que se podería volver incontrolábel. Xa que logo, saír da OTAN convértese nun obxectivo ineludíbel

 Gran parte das forzas de “esquerda”, mesmo algúns “anticapitalistas”, non se decatan da centralidade do imperialismo nas causas das guerras, o colonialismo, a pobreza, o racismo, a destrución do medio ambiente, as pandemias, etc. Desta forma ocorre que estas forzas, motivadas por principios éticos, foron levadas a apoiar guerras que en realidade posúen as súas raíces na acción do imperialismo. Ao facelo, condénanse a si mesmos á irrelevancia ou, peor aínda, convértense sen se dar conta, en instrumentos do imperialismo.

 A configuración clásica, descrita nas primeiras décadas do século pasado por Lenin segue a ser totalmente actual -se cadra agora máis que daquela-. Isto é: a presenza decisiva dos grandes monopolios e o seu entrelazamento co poder político, a asociación entre capital financeiro e industrial e a exportación de capitais en busca de maiores oportunidades de lucro.

 Hoxe hai, polo menos, un elemento novo: os bloques nacionais imperialistas xa non mandan, senón que quen domina son bloques transnacionais que reflicten o carácter transnacional das grandes empresas monopólicas.

 É por iso polo que a loita antiimperialista debe ser ante todo unha loita contra o polo imperialista europeo construído non para o «soño» de paz en Europa, como dita a retórica pro-europea, senón deseñado desde o principio nunha chave claramente antisoviética.

 Non debemos repetir os erros cometidos polas socialdemocracias europeas durante a Primeira Guerra Mundial, que estourou no contexto dunha crise comparábel á actual. Case todos pensaban que o imperialismo das nacións “inimigas” era o malo, pero consideraban bo o propio, apoiando chovinistamente os créditos de guerra.

 Esa lección débenos servir hoxe para nos opoñer ante todo ao imperialismo europeo como “o mellor”. Está ao carón do máis perigoso de todos, o de Estados Unidos, e o noso traballo é e será combatelo. Xa que logo, saír da OTAN convértese nun obxectivo ineludíbel.

 Co pretexto da guerra en Ucraína o imperialismo estadounidense e europeo relanzou unha carreira de rearmamento apostando pola extensión dun conflito que se podería volver incontrolábel. Unha guerra que se libra na fronte militar, mais tamén na mediática, informática e económica.

 Na fronte económica, caracterizada principalmente polas sancións estadounidenses e europeas a Rusia a vella Europa verase moito máis afectada que os EUA e que a propia Rusia. Como todos sabemos, Europa que depende das importacións de produtos enerxéticos, materias primas, fertilizantes e produtos agrícolas do país sancionado.

 O 27 % do petróleo, o 46 % do carbón e o 40 % do gas en Europa proveñen de Moscova, mentres que os EUA importan só o 8 % do petróleo, o 5 % do carbón e o 0,5 % do gas. A isto hai que sumar que Norteamérica será ben recompensada polo crecemento das súas exportacións de gas e petróleo a Europa.

 Unhas exportacións que están custando moi caras e que supoñerán un agravamento da situación ambiental, un aumento de custos, que xa Confindustria cuantificou para Italia en 68.000 millóns ao ano, é dicir, máis do 5% do noso PIB. Isto explica por que os mesmos indicadores bursátiles fan que os mercados bursátiles europeos se veñan abaixo e Wall Street vaia para arriba.

 As dificultades polo lado da oferta estanse producindo tras un longo período de expansión monetaria, primeiro pola flexibilización cuantitativa e despois polas medidas para facer fronte ás consecuencias económicas da pandemia. Así que a inflación podería ir moito máis alá do 7% actual (para os produtos enerxéticos pode chegar a un 200% ao final do ano e hai moito que sabemos canto afecta isto aos custos de todas as demais actividades).

 O terreo fértil para a liquidez xa alcanzou o seu punto máximo dos últimos 40 anos, tanto polo caos provocado nalgunhas cadeas produtivas como polos movementos especulativos, en particular sobre os “futuros” dos produtos enerxéticos. Na complexa conxuntura actual, tampouco parece factíbel combater a desfeita que se aproxima, coas receitas neoliberais de sempre que precipitarían aínda máis nosa necesitada economía.

 A estes danos hai que sumar o aumento do gasto militar que está desviando inxentes recursos económicos públicos, que antes se destinaban a sanidade, educación e benestar.

 En Europa, xa que logo, ademais do aumento dos prezos, o aumento das pensións e dos salarios non superará o 0,8%, unha cifra moi, pero moi lonxe da inflación real. Tamén, o descenso da ocupación debilitará as conquistas dos traballadores se estes non se poñen en marcha para combater a inflación e os recortes.

 O 9 de abril, a axencia Reuters informou de que, segundo o instituto IMK, o cesamento da importación de gas ruso “provocaría unha caída da produción nos primeiros 12 meses de entre 114.000 e 286.000 millóns de euros, o que corresponde aproximadamente entre o 4 ao 8 por cento do PIB”.

 A mesma axencia publica o estudo do economista Tom Krebs segundo o cal a produción en Alemaña “podería diminuír entre un 2 a 4% adicional debido aos altos prezos da enerxía..., unha crise económica que Alemaña non coñece desde a Segunda Guerra Mundial”.

 Agora, se comparamos os datos coa situación pre-pandemia de 2019, Europa xa está en recesión, e o seu profundamento supoñería o peche de empresas, despedimentos e destrución de capital, condición necesaria, esta última, para unha recuperación do proceso de acumulación de capital.

 Moito mellor parado están os Estados Unidos que, como vimos, poden pasar os custos desta convulsión a outras países.

 Isto explica a súa actitude de continuar a guerra, din, «até a vitoria de Ucraína». De feito, mesmo está practicando a máxima destrución de Ucraína a través de mercenarios e dos seus “intermediarios europeos”.

 O obxectivo estratéxico dos EUA é evitar o estabelecemento de relacións amigábeis dentro do continente euroasiático, separar Rusia dos europeos e sobre todo debilitala, xa que é o aliado máis importante de China. De feito, este país é o verdadeiro «inimigo» e será posíbel atacalo máis doadamente ao que Rusia sexa derrotada.

 Esta estratexia, desvelada na reunión do G7 en Cornualles e na cimeira da OTAN do pasado verán, supuxo, entre outras cuestións estratéxicas, a construción de submarinos nucleares en Australia para custodiar o Mar de China.

 A Ruta da Seda, un de cuxos ramais importantes ía pasar por Eurasia, enfróntase agora a un novo atranco. Isto tamén é bo para os Estados Unidos, é parte da súa política para impedir a construción dunha infraestrutura que consideran unha ameaza á súa supremacía económica.

 Os Estados Unidos non se ven afectados polo conflito, non empregan o seu exército na fronte, non acollerán unha proporción significativa de refuxiados e ten un desvergoñado interese por unha escalada militar e económica para controlar as fontes de enerxía e vender armas.

 Non logramos entender cal é o interese dos europeos en se prestar a este xogo cínico. Nada da guerra impulsada por Estados Unidos favorece a Europa. Como argumenta Alessandro Visalli, as sancións económicas traduciranse nun boomerang para os países da UE.

 Entrementres, o xornal británico The Economist viuse obrigado a admitir o 7 de maio que a economía rusa superou todos os: “prognósticos dun colapso, malia as sancións sen precedentes. O rublo ten agora máis valor do que tiña antes da invasión e Rusia está cumprindo cos pagamentos dos seus bonos en divisas estranxeiras”. Finalmente, o xornal afirma que “a economía real rusa é abraiantemente resistente”.

 Outras das implicacións das sancións sobre o mercado e a produción de bens e servizos son aquelas de carácter financeiro que igualmente se poderían volver en contra de quen as implemente,

 Como explicou o famoso Banco Credit Suisse, non se vive só das finanzas “porque se pode imprimir diñeiro, mais non comida”. En contraste, estamos fronte a unha guerra que desafía indirectamente a un grupo de países que producen non só produtos industriais, senón tamén materias primas imprescindíbeis para sobrevivir.

 O bloqueo de arredor de dous terzos das reservas rusas no estranxeiro provocou unha reacción evidente: a demanda de que os materiais enerxéticos rusos sexan pagos polos países «hostís» en rublos. Tanto esta circunstancia como a inevitábel perda de confianza que sofre o xigante estadounidense por non cumprir coas súas obrigas acelerarán o proceso de perda de “centralidade do dólar” tanto como medio de pagamento internacional como depósito de valor.

 Sobre todo, porque as moedas apoiadas por algo tanxíbel -como o rublo- teñen un maior atractivo que aquelas detrás das cales non hai nada fundamental. Até o de agora, os EUA lidaron co tema do diñeiro, que non lles custa nada, e foi aceptado globalmente só conforme o seu poderío militar, utilizado en todas as ocasións contra algún país que negou a someterse a este arbitrio.

 Ao dominar co dólar, podía poñer de xeonllos os países non aliñados ou producir crises financeiras. Isto permitiulles ser o primeiro consumidor, estando moi por baixo dese estándar como produtor, e armarse até os dentes. Mais a cousa pode mudar cando medio mundo se rebela, cando China, A India, Vietnam, Irán, Paquistán, Sudáfrica, Brasil, México, Nixeria, Turquía, Venezuela e outros países asiáticos, africanos e latinoamericanos se preparan para competir na superación da supremacía do dólar.

 A exclusión dalgúns dos principais bancos rusos da principal rede de pagamentos internacionais, o sistema Swift que se supón que faría case imposíbel que realizasen transaccións internacionais, tamén podería acelerar o uso do sistema alternativo, desenvolvido por China, o CIPS (Cross-Border Interbank Payment System). Así o Swift, outro monopolio das potencias occidentais, estaría obrigado a competir co país asiático.

 A partir deste panorama, coido que se pode argumentar que, sobre a base dunha pura competencia económica apoiada polo seu poder militar, Estados Unidos ten moi poucas posibilidades. Precisamente por iso a situación é moi perigosa porque os EUA só poden gañar en terreo militar e é posíbel que queira a guerra non só “até o último ucraíno”, senón mesmo crear as condicións para unha verdadeira catástrofe humana.

 Non sei quen gañará a guerra, pero supoño quen xa a perdeu: os pobos europeos. Europa non debería aplicar sancións, nin debería enviar armas a Ucraína; pola contra, debería buscar unha solución negociada que garantise a seguridade para todos. Deberiamos intensificar as relacións con China e Rusia, opoñéndonos ao seu cerco militar, sen quedar engaiolados co imperio estadounidense cuxo principal campo de competencia é o militar. Pero, polo de agora, o vello imperialismo europeo converteuse nun obediente servidor dos Estados Unidos.

 Italia pagará un prezo moi alto polo seu atlantismo inquebrantábel. Ademais do maior custo da enerxía, deberá enfrontar a escaseza deste recurso fundamental, polo menos polo tempo necesario para activar supostos canles alternativas. O ministro Cingolani, o pasado 10 de marzo, admitiu que «sen gas ruso haberá unha traxedia social», e precisou que se necesitarán polo menos 3 anos para substituír este recurso.

 Entrementres, o desabastecemento xerará grandes dificultades para as actividades produtivas e de transporte, para familias, servizos públicos, hospitais e escolas. O mesmo ocorrerá co aumento do prezo das materias primas (o níquel, por exemplo, aumentou un 93%). Avanzaremos, pois, cara a unha crise que podería ser máis grave que a de 2008 e a producida pola pandemia.

 Outro factor xerador da crise será a escaseza de alimentos. Afectará dramaticamente aos países africanos, provocando un enorme aumento de mortes e fluxos migratorios, en Italia pagarémolo en forma de aumento dos prezos dos alimentos, e isto en ausencia de ferramentas adecuadas de indexación salarial.

 Así, nesta fronte xa asistimos a grandes problemas no transporte, especialmente naval, e de alimentos desde as zonas de guerra.

 Até o de agora, debido á transición ao campo liberal da «esquerda gobernante» e a insuficiencia e fragmentación dos partidos comunistas (e en xeral da esquerda opositora) só engordaron a dereita populista e fascista e non a esquerda.

 A situación está cambiando rapidamente. A xa fráxil construción europea podería saltar de vez ante os gravísimos conflitos xeopolíticos, presentes e futuros. O que xurdirá pode non ser positivo se non se recompón unha fronte de clase unitaria a nivel europeo, capaz de enfrontar as derradeiras arfadas de Occidente ante a súa crise máis grave, incluso identificando novas alianzas internacionais.

 Nunha interesantísima entrevista co Corriere della Sera, o economista da Universidade de Columbia Jeffrey Sachs, aclara que Rusia ocupou parte de Ucraína tras reiteradas provocacións estadounidenses, que os EUA son os primeiros en non querer a paz, que Washington freou a Zelensky que quixo renunciar á súa aspiración de se unir á OTAN, que o obxectivo dos Estados Unidos é facer a guerra «até o último ucraíno» e, finalmente, que Europa e os Estados Unidos están illados do resto do mundo.

 Aínda que nos últimos días nalgunhas canles de televisión se recoñece timidamente as fendas na fronte occidental, a grave censura contra a liberdade de información segue a dominar sen contrapeso na narrativa do mainstream comunicacional.

 Hai que traballar duro para desmantelar esta narrativa, pór de manifesto todas as responsabilidades desta guerra e mostrar as implicacións políticas e económicas desta aventura. Unha saída para a esquerda deste beco sen saída debe denunciar un feito indiscutíbel: quen vai pagar a agresividade da OTAN e os EE UU van ser os traballadores, os parados, os precarios, os pensionistas e os que se enriquecerán serán os monopolios armamentísticos do “occidente colectivo”.

 

[Artigo tirado do sitio web Observatorio de la crisis, do 20 de maio de 2022]