Evitar o peche de Alcoa esixe dos Gobernos que rectifiquen e se poñan do lado dos/as traballadores/as

Miles de persoas claman na Coruña pola continuidade das fábricas e medidas urxentes para a industria electrointensiva

A Coruña -

"Un final fatal de peche de Alcoa significa a antesala dunha crise industrial imparábel nas empresas electrointensivas, atendendo ao lamentábel papel que están a xogar o Goberno do Estado e a Xunta de Galiza". Así de rotundo se pronunciaba o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, na manifestación que este domingo encheu as rúas da Coruña cun clamor a prol da continuidade das fábricas de Alcoa, mais tamén para esixir medidas inmediatas que resolvan a problemática á que se enfrontan as industria con grandes consumos enerxéticos a causa do elevado prezo da electricidade. 

"A conxuntura actual, engade Carril, demostra unha vez máis que hai que intensificar a mobilización social para esixir aos gobernos que rectifiquen e se coloquen, xunto cos traballadores e as traballadoras, na defensa dos empregos e para frearlle a Alcoa, e no seu caso a Ferroatlántica, calquera intento de desmantelamento do noso tecido industrial".

Para a CIG, o drama que se está vivir nestes momentos nas industrias electrointensivas evidencia a necesidade urxente de derrogar a reforma laboral para evitar que sexan as empresas as que teñan o poder absoluto para decidir despedimentos, sen ningún control da administración e da autoridade laboral. Mais tamén a necesidade de pór en valor, e que se recoñeza, que a capacidade de produción de enerxía en Galiza ten que reverter no noso desenvolvemento económico e social e impedir que as empresas pechen.

Recoñecer a enerxía como un servizo público

Sobre esta cuestión, a CIG ten presentado nos últimos anos unha batería de propostas encamiñadas a que os Gobernos e os Parlamentos enceten medidas para que se recoñeza a enerxía como un servizo público e un ben básico, xa que non é un ben de consumo calquera. Isto esixe da adopción urxente de políticas públicas en defensa do interese xeral.

Con tal obxectivo, a central sindical trasladoulle o pasado mes de outubro aos Gobernos español e da Xunta unha proposta para unha tarifa eléctrica para a industria electrointensiva, que tamén lle presentou ao comisario europeo de Enerxía nunha xuntanza en Bruxelas o 16 de decembro. De igual maneira, a CIG levou ao Parlamento galego unha ILP para a creación dunha tarifa eléctrica galega e recentemente vén de pór en marcha unha nova ILP para rescatar os saltos e aproveitamentos hidráulicos para o sistema público galego.

"Estas medidas, subliña Carril, permitían frear os aumentos constantes dos prezos impostos polas empresas eléctricas, que controlan a produción en réxime de oligopolio e que están a provocar que máis poboación estea na pobreza enerxética ou que máis empresas pechen polos altos prezos da enerxía". A este respecto lembra que as tarifas no Estado español son as terceiras máis caras da Unión Europea para o consumo doméstico e as oitavas para o sector industrial.

O secretario xeral da CIG cualificou como "un delito" que na nosa terra se destrúa emprego e se perda tecido industrial a causa dos alto custe da enerxía, atendendo á condición de Galiza como país gran produtor e exportador de enerxía, e que asume os custes sociais e ambientais desa actividade sen obter ningún beneficio a cambio.

"Os casos de Alcoa e Ferroatlántica evidencian a necesidade de termos máis capacidade para decidir sobre os nosos recursos e poder empregalos para o noso desenvolvemento industrial e a creación de emprego", afirma Paulo Carril.

Por iso, a CIG reclama dos Gobernos español e galego que rectifiquen, que non asuman a proposta de peche das fábricas de Alcoa e actúen de inmediato para garantir o futuro dos empregos e da actividade produtiva, pois cada día que pasa é unha oportunidade perdida para a nosa industria.

Volver