Ex-responsábeis do INSS na Coruña serán xulgados no Penal por un posíbel delito de prevaricación administrativa

O proceso derívase da alta indebida dada en 2014 a un traballador cunha intoxicación crónica por mercurio
A Coruña - 24 Mai 2021

Este martes 25 de maio, haberá xuízo no Xulgado do Penal 3 da Coruña contra as persoas que no ano 2014 formaban o Equipo de Valoración de Incapacidades por un posíbel delito de prevaricación administrativa por ter revogado a incapacidade absoluta permanente a un traballador que sufre unha intoxicación grave por mercurio.

Ao xuízo oral chégase logo da fase de instrución a raíz da denuncia presentada por Pablo Sánchez en agosto de 2014 contra o EVI, o INSS e a doutora (xa falecida) que elaborou o informe que serviu de base para a revogación da súa incapacidade ao declaralo apto para traballar, a pesar das gravísimas patoloxías que padece e da forte medicación que ten que tomar pola intoxicación derivada do seu traballo en contacto con vapor de mercurio.

Este é un paso máis na longa batalla que Pablo desenvolve para que se recoñeza o inxusto, arbitrario e inhumano desta decisión administrativa, que o deixou na máis absoluta indefensión, ao retirárselle a pensión que percibía cando xa non tiña dereito nin a reincorporarse no seu posto nin a cobrar unha prestación por desemprego.

A día de hoxe Pablo ten concedida a Incapacidade Permanente Total por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (sentenza de xullo de 2014) que recoñeceu o carácter profesional da súa enfermidade. Agarda que, cando menos, a súa loita sirva para evitar que outros traballadores e traballadoras con graves problemas de saúde se vexan obrigadas a vivir situacións similares, que só causan sufrimento e abocan á exclusión social as persoas que máis protección precisan.

Revogación inxustificada

Esta é a primeira vez que a CIG ten coñecemento de que se xulgará no Penal ao INSS por unha decisión administrativa deste tipo. Para Ernesto López Rei, responsábel de Saúde Laboral da CIG da Coruña, na fase de instrución quedou en evidencia que as persoas responsábeis do instituto público "sabían que estaban tomando decisión inxustas porque o propio sistema instaurado impedía que se puideran revisar de maneira concienciuda e xustificada os expedientes". Tanto que incluso nas declaracións no xulgado chegaron a recoñecer que non lían os informes de síntese e que asinaban practicamente en branco.

Unha despreocupación alarmante por parte de quen ten a potestade de dar baixas e altas e, polo tanto, a posibilidade de deixar na absoluta precariedade a persoas con doenzas crónicas. Non cómpre perder de vista que naquelas datas Pablo estaba tomando 1.230 pastillas, 240 inhalacións, 15 inxectábeis, 4 ampolas bebíbeis, 90 ampolas oculares e 60 aplicacións tópicas cada mes, e precisaba dunha máquina para poder mover o brazo dereito. Deixalo sen a condición de pensionista non só lle supuña perder uns ingresos básicos senón ter que asumir o custe de toda a súa medicación, que ascendía a máis de 1.900 euros cada quince días.