Ex traballadoras/es de GEA mobilízanse na Coruña coincidindo coa vista previa do xuízo contra Subel

O xuízo polos 2,5 millóns de euros que a inmobiliaria ten pendente de abonar será o 28 de xaneiro
A Coruña - 26 Set 2019

O colectivo de ex traballadoras e ex traballadores do Grupo de Empresas Álvarez (GEA) que asesora a CIG volvéronse concentrar este xoves na Coruña, coincidindo coa vista previa da demanda civil presentada contra Inversiones Subel (propiedade do empresario Luis Fernández Somoza), a causa dos 2,5 millóns de euros que ten pendentes de pagar pola compra dos terreos que a antiga fábrica de louza ocupaba en Vigo.

Durante a vista previa, que se celebrou na Audiencia Provincial da Coruña, as partes ratificáronse na súas posturas e dende o colectivo de afectadas/os solicitouse como proba testemuñal a comparecencia de Rafael Iglesias, que participou en todo o proceso de negociación dos acordos de venda, así como do avogado de Subel que no seu momento retirou os cartos que a empresa depositara no xulgado. "Aínda que existe proba documental desa retirada queremos que testemuñe e explique que se fixo con ese diñeiro", sinala Marcos Conde, secretario comarcal da CIG de Pontevedra, que hoxe acompañou as traballadoras e traballadores.

Pola súa banda, Subel pretendía evitar a declaración de Iglesias alegando que é parte interesada (pola súa condición de secretario comarcal da CIG de Pontevedra cando se negociou con Fernández Somoza), pretensión que a xuíza rexeitou, aceptando incorporar o seu testemuño ao proceso. Deste xeito, a xuíza acordou celebrar xuízo oral que quedou fixado para o 28 de xaneiro, ás 11:00 horas.

"Agardamos que este sexa o final dun procedemento civil que dá continuidade ao procedemento laboral iniciado hai moitos anos por estas traballadoras e traballadores para cobrar o que lexitimamente lles corresponde", asevera Conde. De media, cada persoa ten pendente de recibir uns 30.000 ou 40.000 euros, xa que do total da débeda contraída por GEA só cobraron as cantidades do FOGASA.

Unha contía pendente pola recualificación dos terreos

Conde lembrou que a inmobiliaria de Fernández Somoza (un dos homes máis ricos de Galiza), adquiriu hai xa máis dunha década, a parte dos terreos que ocupaban as instalacións de GEA en Cabral e Coruxo (Vigo). Estas parcelas correspóndense co 25% dos terreos que lle tocou xestionar á CIG logo de que o Grupo de Empresas Álvarez (Pontesa, Santa Clara e Royal China) pechase no ano 2001 sen pagarlle os salarios e as indemnizacións ao seu persoal.

Naquel intre, Subel ingresou unha parte do valor industrial, pero ás afectadas/os aínda lles resta por percibir (segundo o pactado entre ambas partes) a diferenza até o valor total que adquiriron os terreos logo de seren recualificados como urbanos.

O empresario depositou no xulgado 3.2 millóns de € que despois ordenou retirar, pero que pretende contabilizar como cartos pagados ao persoal

 A CIG calcula que a contía pendente de pago é de 2.5 millóns de euros (ao que habería que engadir os intereses de demora), a repartir entre un colectivo formado por máis de 200 persoas. "Non é xusto ter 18 anos despois a traballadores e traballadoras pendentes de cobrar as débedas económicas de Álvarez", aseverou.

Conde aclara que na fase de venda dos terreos, o empresario depositou 3.2 millóns de euros no xulgado que logo deu orde de retirar, pretendendo ademais contabiliza como cartos pagados esta contía malia o persoal non percibir nin un só euro deste diñeiro. A pesar dos intentos da CIG para intentar chegar a un acordo, Subel negouse en todo momento a negociar, nun estratexia encamiñada a dilatar o conflito de maneira indefinida.

Mobilización incansábel

A vista de hoxe, chega logo de anos de mobilización incansábel deste colectivo, que só reclama unha solución que poña fin a un conflito que se iniciou moito antes da quebra da compañía de louza. Creada nos anos 40, a historia do Grupo de Empresas Álvarez estivo marcada pola acumulación de débedas, descapitalizacións, entrada de capital público, mala xestión e continuados cambios de propiedade. Un historial que conclúe en marzo de 2002 cun escandaloso alzamento de bens e millonarias débedas con Facenda, a Seguridade Social, provedores e traballadores/as.